Teatro, música e audiovisual pechan os actos do 8 de marzo

0

A área municipal de Igualdade convocou para o sábado pasado o acto central do Día Internacional da Muller, que en San Sadurniño se cambiou de data co obxectivo de sacalo para un momento en que o calendario non estivese tan saturado, pero tamén para reivindicar que a conmemoración e todo o que significa debe ser unha loita do día a día. Ao longo de algo máis dunha hora, a Casa da Cultura acolleu iso, reivindicación, a través da música, do teatro e do audiovisual.

A pesar do mal tempo foron moitas as persoas que se achegaron ao centro cultural para gozaren dun programa que incluíu dous vídeos filmados por mulleres dentro do encontro audiovisual Chanfaina Lab. O primeiro deles, titulado “Nós mesmas”, recolle os testemuños de varias mulleres de San Sadurniño lanzando unha mensaxe de empoderamento feminino coa imaxe metafórica dun tren que avanza cara ao futuro.

A segunda peza, presentada por Cruz Piñón, Carmen Bouza e Carmen Couce -compoñentes de Teño unha horta en San Sadurniño- ocupouse tamén de reflectir o empoderamento da muller, aínda que cunha ollada ao pasado. Na curta “Historia do cisne, o atún e a troita” as realizadoras resumen con mestría o nacemento, funcionamento e fin da conserveira El Cisne, contando en escasos minutos ata que punto contribuiu ao cambio social esta fallida experiencia empresarial que, de feito, supuxo a primeira oportunidade laboral para moitas mulleres.

narración conta con todas as súas luces e todas as súas sombras un episodio da nosa historia que significou para boa parte delas independencia económica e, máis que nada, conciencia dun mundo que tamén reservaba opcións fóra da casa para a muller e non só para o home. El Cisne foi unha empresa na que traballaron arredor de 200 persoas, cun cadro principalmente feminino que tamén encabezou as mobilizacións e protestas previas ao seu peche definitivo a mediados dos anos 90, motivado por sucesivas sancións relacionadas con vertidos ao Xubia e por cuestións da propia xestión da empresa. 

Entremedias destas dúas curtametraxes, e trala presentación do acto, o grupo da escola de teatro do Padroado da Cultura do Concello de Narón representou a obra “Onde vai o meu nome”,  de Flor Maceiras e Pablo Sánchez. O argumento aborda a identidade persoal e colectiva das mulleres, no marco dun mundo organizado, aínda hoxe, sobre profundos piares de desigualdade de xénero.

O remate da conmemoración do Día Internacional da Muller correu por conta da música de Sandra Tenreiro con “InfuSóns”. Cunha posta en escena de interacción constante co público asistente, Tenreiro -profesora de música, compositora e intérprete- engádelle melodías a poemas que falan de forza e de superación, boa parte deles en clave feminina.

Share.