Suso Vaamonde, as pandereteiras Lilaina e Os Campantes da Baña actúan este sábado na Casa da Cultura

0

A asociación folclórica e cultural Berros do Castro vén organizando desde hai sete anos a Xornada de Cultura popular galega cadrando sempre no último sábado de setembro. Este ano o título elixido é “De cores, ferreñas e música”, no que se condensa a esencia dun evento que, desde os seus inicios, combina unha exposición, unha sesión formativa sobre algún aspecto da música galega e un peche con concertos aos que sempre acoden como convidados nomes de relevancia no ámbito da preservación e difusión da tradición musical. Os deste ano son o gaiteiro e percusionista Suso Vaamonde -que tamén impartirá un obradoiro sobre pandeireta-, a agrupación Lilaina de Miño e, para rematar a xornada, a charanga Os Campantes da Baña. Os concertos son gratuítos e comezarán na Casa da Cultura este sábado a iso das 20.00h.

Porén, o centro cultural de San Sadurniño xa terá actividade desde pola mañá cedo. Pouco despois das 9.00h. abrirá a  exposición “Bota o pano para fóra”, que recolle un mostrario de panos e mantóns tradicionais da ampla colección do artesán Alberto Golpe Beceiro.  A maioría das pezas que se exporán son tecidos orixinais do século XIX e representan tanto os estilos e modas imperantes en cada zona de Galicia como os xeitos de vestir segundo o oficio ou o poder adquisitivo de quen os puña sobre si.

Alberto Golpe recibiu varios premios en concursos de indumentaria e desfiles de traxe galego. A exposición que chega a San Sadurniño -e que só poderá visitarse durante a xornada do sábado- é só unha pequena parte de todo o que leva recollido por Galicia co obxectivo de conservar e dar a coñecer a riqueza e as peculiariedades da indumentaria do país nos séculos XIX e principios do XX.

Pouco despois de abrir a exposición, o auditorio da Casa da Cultura acollerá o arranque da sesión formativa á que Berros do Castro se refire no título con “ferreñas”. E é que o curso acelerado deste 2016 estará centrado nas técnicas e posibilidades da pandeireta  como acompañamento doutros instrumentos, incluída a voz.

O docente será un peso pesado da música galega: o gaiteiro e percusionista Suso Vaamonde. A súa ponencia -que se desenvolverá con teoría e práctica- abordará, entre outras cuestións, a historia e morfoloxía do instrumento, como debe collerse, os movementos, os estilos tradicionais e actuais, así como dos recursos habituais cando se toca con outros instrumentos melódicos. Vaamonde é profesor do AGADIC e un destacado intérprete que, ademais de colaborar con infinidade de agrupacións, mantén formación estable con Xosé Lois Romero e Pedro Lamas no trío Vaamonde, Lamas e Romero.

O curso sobre a técnica da pandeireta durará 6 horas partidas en xornada de mañá e tarde e as 20 prazas ofertadas por Berros do Castro cubríronse o primeiro día en que se anunciou a xornada.

Concertos gratuítos a partir das 20.00h.
O remate do obradoiro conectará case directamente cos concertos programados para a tardiña. De feito, serán as persoas participantes no curso e mailo seu docente, Suso Vaamonde, quen suban ao escenario en primeiro lugar para repasaren diante do público asistente boa parte do aprendido durante o día. Como é habitual nas xornadas de cultura popular galega a actuación mesturará a interpretación de pezas tradicionais con pequenas explicacións introdutorias que permitan apreciar todos os matices do instrumento e as distintas maneiras de tocalo.

Lilaina participaron na última longametraxe de Carlos Saura

Lilaina participaron na última longametraxe de Carlos Saura

A velada musical do serán continuará coa actuación de Lilaina, unha agrupación de pandereteiras pertencentes à asociación cultural O Castro de Miño. Levan investigando no folc galego desde 2009 co obxectivo de recoller bailes, músicas e vestiarios. Porén, a súa actividade musical comezou catro anos antes e desde aquela levan participado en numerosos proxectos musicais.

Na actualidade forman parte do proxecto de percusión tradicional Aliboria, dirixido por Xosé Lois Romero, e recentemente participaron acompañando ao gaiteiro Carlos Núñez na longametraxe documental “Jota” dirixida por Carlos Saura.

Esta será a terceira vez que os Campantes da Baña visitan San Sadurniño

Esta será a terceira vez que os Campantes da Baña visitan San Sadurniño

O peche da xornada correrá por conta dos Campantes da Baña. Cun estilo semellante ao das murgas de comezos do século XX tocan pezas tradicionais e ritmos importados que se incorporaron ao longo do tempo á tradición musical galega. Todo con clarinete, clarinete requinto, saxofón, gaitas, caixa e bombo con pratos. Puidemos velos no magosto de Naraío o ano pasado e en 2013 nos pasarrúas das festas de Santa Isabel. Agora volven a San Sadurniño da man de Berros do Castro para ofrecernos de novo unha música que convida a bailar e coa que finalizará -preto xa das 23.00h.- a VIII Xornada de Cultura popular galega. Un evento no que colaboran coa entidade organizadora o Concello de San Sadurniño, a Deputación da Coruña e a Cooperativa de Meirás.

Share.