Sorteadas as mesas electorais para as Xerais do 28 de abril

0

Menos de dez minutos abondaron para liquidar os dous temas da orde do día do pleno extraordinario celebrado este serán na Casa do Concello. O primeiro deles, consistente no sorteo das mesas electorais, foi o que ocupou a maior parte do tempo e nesta ocasión introduciuse como novidade o sorteo de ata cinco suplencias en previsión de que algunhas das persoas elixidas poidan presentar alegacións para non ocupar o cargo e que estas sexan aceptadas pola Xunta Electoral de Zona. O sorteo fíxose mediante un aplicativo informático específico do Instituto Nacional de Estatística. O son do pleno gravouse para publicalo na plataforma Ivoox. Porén, nesta ocasión agardarase a que as persoas designadas sexan notificadas oficialmente por parte do Concello antes de subilo á rede.

Alén desta cuestión principal que motivou a convocatoria urxente do pleno, na orde do día tamén se incluiu a desafectación dun tramo de camiño no lugar de Piegolongo, moi preto do límite con Moeche. Na sesión cumpriu votar en primeiro lugar a urxencia do asunto e, unha vez ratificada por BNG e PSOE, someteuse a votación o seu contido.

Tal e como explicou brevemente Secundino García, trátase dun camiño forestal que discorre ao pé dunha vivenda e, neste sentido, “a proposta é desafectalo para permutalo despois e facer unha saída mellor á estrada”.  O punto -que saiu aprobado por unanimidade dos tres grupos- tiña dúas partes de acordo: a inclusión do tramo no inventario municipal e, posteriormente, a desafección.

Por outra banda, no pleno tamén se acordou incorporar á acta da sesión as modificacións efectuadas no proxecto construtivo da ampliación do local social de Lamas. Foron pequenos cambios na configuración da rampa de acceso que, por cuestións administrativas e de xustificación perante a Deputación da Coruña, deben pasar polo mesmo organismo que aprobou o proxecto inicialmente, neste caso o pleno municipal.

 

Share.