Sorteada a composición das mesas electorais do próximo 5-A

0

A Casa do Concello acolleu este mediodía un pleno extraordinario que levaba como único punto na orde do día o sorteo automatizado das mesas electorais para a convocatoria autonómica do próximo 5 de abril. Foi unha sesión rápida, posto que é un programa informático quen fai todo o proceso elixindo ao chou nove nomes -titulares e suplentes- para cada unha das sete mesas que se constituirán en San Sadurniño. Unha vez efectuado este trámite o Concello notificarállelo ao longo dos próximos días ás persoas designadas. O censo electoral do noso concello sitúase en 2.928 persoas, das cales hai 447 que figuran como residentes no estranxeiro.

A constitución das mesas electorais farase ás 8 da mañá en presenza da presidencia e as vogalías elixidas por sorteo. Sobre esta cuestión sempre xorden múltiples comentarios ao respecto de que ocorre se te nomearon para algún deses cargos e non te presentas ou se hai maneira de “librar” desa responsabilidade.

A lei teno todo previso e, por certo, todo atado e ben atado para garantir que ninguén se escaquee a menos que teña unha causa xustificada. Unha vez que se nos comunique a condición de membros da mesa  temos un prazo de sete días para alegar ante a Xunta Electoral de Zona calquera causa xustificada e documentada que nos impida aceptar o cargo. A Xunta resolve no prazo de cinco días. Se, posteriormente, calquera das persoas designadas non puidese desempeñar a función encomendada, debe comunicarllo á XEZ polo menos 72 horas antes do día das eleccións. Se o impedimento sobreviñese logo dese prazo, o aviso á Xunta terá que facerse de xeito inmediato e, en todo caso, antes da hora de constitución da mesa.

Débese ter en conta que os cargos de presidencia e vocal das mesas electorais son obrigatorios e quen non acuda cumprir con esa obriga incorrerá en pena de prisión de tres meses a un ano ou multa de seis a 24 meses.

Razóns para non formar parte dunha mesa no caso de que nos tocase:

  • Se estás entre os 65 e os 70 anos (as persoas de máis de 80 non entran no sorteo), ter situación de discapacidade, ter a condición de incapacidade permanente absoluta e gran invalidez, ter unha incapacidade temporal para o traballo, embarazadas a partir dos seis meses ou mulleres en periodo de baixa por maternidade, estar nun centro penitenciario ou nun hospital psiquiátrico.
  • Tamén son motivos para  poder rexeitar o nomeamento: lesións, doenzas ou enfermidades físicas ou psíquicas que impidan exercer as funcións de membro dunha mesa electoral; a situación de risco durante o embarazo durante os primeiros seis meses; a previsión de intervención cirúrxica ou de probas clínicas relevantes no día da votación, nos días inmediatamente anteriores, ou no día seguinte, sempre que resulten inaprazables; pertencer a confesións ou comunidades relixiosas nas que o ideario ou o réxime de clausura resulten contrarios ou incompatibles coa participación nunha mesa electoral; ou o cambio da residencia habitual a outra comunidade autónoma.
  • Tamén hai responsabilidades familiares que permiten evitar a designación: a condición de nai, durante o período de lactancia, ata que a crianza cumpra nove meses; o coidado directo e continuo, por razóns de garda legal, de menores de oito anos ou de persoas con discapacidade física, psíquica ou sensorial; ter a cargo a unha persoa familiar ata o segundo grado de consanguinidade ou afinidade que por razóns de idade, accidente ou enfermidade, non poida valerse por si mesma.
  • Ter programados eventos familiares de especial relevancia, que resulten inaprazables ou nos que o adiamento provoque prexuízos económicos importantes, ser nai ou pai de menores de catorce anos, cando se acredite que o outro proxenitor non pode ocuparse do menor durante a xornada electoral, carecendo ademais o interesado de ascendencia ou doutros fillos ou fillas maiores que poidan facelo; e as persoas que o día dos comicios deban traballar en Xuntas Electorais, Xulgados ou Administracións Públicas e persoas que presten servizos esenciais da comunidade de importancia vital, como os de carácter médico, sanitario, de protección civil, bombeiros… tamén quedan exentos sempre que o aleguen en prazo.
  • Para rematar, poden evitar a mesa electoral os directores e directoras de medios de comunicación de información xeral e xefes ou xefas dos servizos informativos que deban cubrir a xornada electoral, así como os profesionais que deban participar en acontecementos públicos que se celebren o día da votación, que estean previstos con anterioridade á convocatoria electoral.

Por certo, aínda que non é moito, os membros das mesas electorais percibirán 65 euros por esa xornada e, ademais, terán dereito a unha redución de cinco horas na súa xornada laboral ao día seguinte. A efectos de coberturas, terán a consideración de traballadores por conta allea do réxime xeral da Seguridade Social para a continxencia de accidentes de traballo.

Share.