Sorpresa no Concello ante o proxecto da Xunta dun “aparcadoiro disuasorio” na zona da Casanova

0

O Diario Oficial de Galicia publicou onte o anuncio da Dirección Xeral de Mobilidade polo que se somete a información pública o proxecto de construción de dous aparcadoiros disuasorios na nosa comarca, un deles situado no barrio de San Xoán, en Ferrol, e o outro na zona da Casanova, á beira do enlace da autovía Ferrol-Vilalba coa estrada de Ortigueira. A intención da Xunta é destinar case 1,6 millóns de euros dos Fondos Next Generation a ambas actuacións, co obxectivo de crear, no caso de San Sadurniño, unha área de estacionamento de 4.100 m² con capacidade para 139 vehículos lixeiros “que facilite as viaxes compartidas pola AG-64”. O anuncio causou certa sorpresa no Goberno local, que ata onte mesmo non tivo noticia do proxecto autonómico presentado en Ferrol pola conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, na compaña da delegada territorial da Xunta, Martina Aneiros, do deputado e candidato do PP á alcaldía de Ferrol, José Manuel Rey, e do presidente da AVV de San Xoán-O Bertón, Andrés Medín. Alén de lamentar a “falla de respecto institucional” á hora de facer o anuncio, apuntou esta mañá Secundino García, desde o Executivo local critícase que a Xunta vaia facer un investimento “tan elevado”  en dúas actuacións que, a xuízo do rexedor, “van ter unha repercusión escasa ou nula para a mobilidade compartida”. 

O “aparcadoiro disuasorio” de San Sadurniño -termo que habitualmente se utiliza para áreas de estacionamento ás portas de grandes vilas e cidades- irá situado na Casanova, nun terreo forestal entre o trazado actual e o antigo da AC-862 e xusto á beira do enlace coa AG-64 Ferrol-Vilalba.

A superficie total ascenderá a 4.100 metros cadrados e terá capacidade para 139 prazas de vehículos lixeiros (non poderán estacionar camións), incluídas 4 para persoas con mobilidade reducida e 5 puntos de recarga para vehículos eléctricos.

Na nota de prensa remitida pola Xunta de Galicia remárcase que o obxectivo desta nova infraestrutura en San Sadurniño -e da proxectada para o barrio ferrolán de San Xoán- é “facilitar que os cidadáns compartan vehículo e fomentar a mobilidade sostible”. Para o alcalde de San Sadurniño, Secundino García, este argumento “carece de fundamento” xa que, segundo asegura, “non cremos que exista unha necesidade real dun aparcadoiro na Casanova nin tampouco parece que a súa construción vaia significar un incremento do uso compartido dos coches particulares. A repercusión destes dous aparcadoiros proxectados en Ferrol e San Sadurniño vai ser escasa ou nula para a mobilidade compartida”.

García suxire como “máis conveniente” destinar os recursos públicos a potenciar os medios colectivos existentes na actualidade, principalmente o bus e o tren: “un investimento tan elevado iría mellor empregado en conseguir un transporte público por estrada eficiente, con rutas e frecuencias adaptadas ao que a xente realmente necesita, ademais de contar cun transporte ferroviario que funcione como é debido. O Goberno galego xa está tardando en demandar a transferencia do ferrocarril de vía estreita para ofrecer unha solución de mobilidade combinada con ambos medios, e non só para a comarca de Ferrol, senón para todo o norte das provincias da Coruña e Lugo”.

Por outra banda, Secundino García criticou “as maneiras” da Consellaría de Mobilidade e Infraestruturas á hora de anunciar os aparcadoiros. “O anuncio saiu no DOG a primeira hora da mañá e á Xunta faltoulle tempo para facer a foto oficial na compaña do candidato do PP á alcaldía de Ferrol, sen comunicarnos nada aos concellos onde se van executar as infraestruturas, nin sequera de que existía o proxecto, do que nos enteramos polo diario oficial. É unha falla de respecto institucional e un acto puramente electoralista”.

Até o 22 de febreiro para presentar alegacións
Segundo o proxecto técnico dispoñible na web da AXI, estímase que será necesario expropiar 1.091,07 metros cadrados de solo non urbanizable de masas forestais. No anuncio publicado no DOG sinálase como  titulares dos únicos predios afectados aos Herdeiros de María Prieto Díaz, que terán un prazo de 30 días hábiles -ata o 22 de febreiro- para presentar alegacións, o mesmo que calquera persoa que desexe achegar por escrito rectificacións ou oposicións á ocupación. O importe total das expropiacións de solo está cuantificado en 5.389,89 euros, que se ven elevados até os 10.270,98 euros incluíndo bens e o 5% correspondente ao premio por afección.

A previsión da Xunta é poder licitar as obras “a comezos da primavera” para poder inicialas “este mesmo ano”. A documentación referida á exposición pública pode obterse na sede central da Axencia Galega de Infraestruturas (no edificio de San Caetano, en Santiago), no Servizo de Infraestruturas da Coruña (rúa Vicente Ferrer 2) ou nos concellos de Ferrol, Narón e San Sadurniño. Tamén pode descargarse nas seguintes ligazóns:

 

Share.