Son a túa Axuda ocuparase do reforzo do Servizo de Axuda no Fogar

0

O Concello resolveu hai uns días a adxudicación definitiva do servizo de reforzo do SAF á empresa sonense Son a túa Axuda. A firma especializada en servizos sociais e médicos foi a única que se presentou á licitación, achegando unha oferta de 7.800 horas de atención -200 máis que as esixidas no concurso- para o período inicial de dous anos de vixencia do contrato, que poderán ampliarse posteriormente por outros dous de mutuo acordo entre a empresa e o Concello. A proposta económica total para dúas anualidades foi de 112.218,08 euros, ive incluído. 

Tal e como reflicte a documentación publicada na Plataforma de Contratación, o procedemento de selección e adxudicación da oferta máis vantaxosa fíxose mediante procedemento aberto e pluralidade de criterios. Na práctica, e dado que só se recibiu unha oferta, a Mesa de Contratación só tivo que avaliar que se cumprían todos os requisitos administrativos e tamén que a proposta técnica se axustaba aos mínimos esixidos nos pregos.

De acordo con estes últimos valorouse con ata 50 puntos a parte económica, con outros 30 puntos a oferta de horas adicionais sen custe para o Concello, cun máximo de 10 puntos computouse a formación do persoal e, por último, tamén se outorgaban ata 10 puntos polas propostas que incluisen un paquete de limpezas de choque en domicilios que así o requiran. O mínimo que debían propor as empresas  eran 3.800 horas anuais que a adxudicataria, Son a túa Axuda, incrementou en 100 horas  máis, de xeito que o servizo prestado será de 7.800 horas (3.900+ 3.900) para os dous anos de vixencia inicial do contrato. Dentro da súa oferta, a empresa tamén adquiriu o compromiso de ofrecer entre 31 e 41 horas de formación e efectuar 20 limpezas de choque ao ano.

As funcións que a adxudicataria ten que desenvolver son as mesmas que as do Servizo de Axuda no Fogar prestado polo persoal municipal e, de feito, o seu traballo estará supervisado polos servizos sociais municipais. O reforzo consistirá, polo tanto, na atención e axuda en cuestións básicas -erguerse e deitarse, apoio para lavarse e vestirse, axuda para comer, cambios posturais, etc.-, atención na realización doutras actividades -acompañamento fóra do fogar para ir ao médico ou para facer trámites-, atención ás necesidades domésticas e da vivenda -limpeza, merca de alimentos e preparación de comidas, lavado de prendas, etc.-, atencións de carácter complementario -facer compaña, socialización e desenvolvemento de hábitos saudables- e, en quinto lugar, atención de carácter psicosocial e educativo que redunden, igual que sos anteriores apartados, nunha mellora da autonomía e da calidade de vida das persoas usuarias.

Neste momento San Sadurniño conta cunha media de 55 persoas asistidas polo SAF dentro dos tres graos que determinan o número de horas de atención á que teñen dereito, dependendo das necesidades recoñecidas polos equipos de valoración da Xunta. O servizo préstao un equipo de 18 traballadoras municipais e finánciase con recursos propios, achegas da administración autonómica e da Deputación da Coruña.

O contrato que agora se acaba de adxudicar vén reforzar o labor que fan as traballadoras do SAF incrementando o número de horas ofertadas, que pasará das 24.000 a 27.900.  O aumento suporá eliminar a lista de agarda no grao máximo de dependencia e unha redistribución das horas dispoñibles que tamén axudará a rebaixar a lista  no grao intermedio e na libre concorrencia. Estímase que as 3.900 horas a maiores de atención cubrirán as necesidades de entre 10 e 15 persoas máis. A empresa adxudicataria empezará a reforzar o servizo, previsiblemente, a mediados deste mes de maio.

Share.