Situación

San Sadurniño está situado ao norte de Galicia e da provincia da Coruña, dentro da comarca de Ferrolterra. Ten unha superficie de 99’86 quilómetros cadrados, sete parroquias e o número de habitantes  é de 3.019 (Datos INE 2014) distribuídos nun total de 227 entidades de poboación. Limita ao norte cos concellos de Valdoviño e Moeche, ao sur co da Capela, ao leste con Moeche e As Somozas e ao oeste cos municipios de Narón e Neda.

O concello está formado polas parroquias de San Sadurniño, Naraío, Ferreira, Bardaos, Igrexafeita, Lamas e Santa Mariña do Monte. A topografía diferenza dúas zonas de releve distintas, formando o val do Río Grande de Xubia e o do Castro, situado na aba da Serra do Forgoselo. A paisaxe caracterízase pola súa suavidade, con pendentes inferiores ao 30%. Porén no territorio atópanse altos coma o de Pena Escrita, o Couto Agudo, o Pico de Ferreira ou alto de Racamonde, o máis elevado do municipio cos seus 534 metros.

As principais vías de acceso son a estrada AC-862 Ferrol-Ortigueira e a autovía AG-64 Ferrol-Vilalba. Ademais, San Sadurniño tamén está comunicado por tren a través da liña de FEVE Ferrol-Ribadeo que ten estación en Silvalonga e un apeadoiro en Lamas. A empresa Arriva tamén presta servizo en San Sadurniño coas liñas que cobren o traxecto Ferrol-Viveiro, Ferrol-As Pontes-Vilalba, Ferrol-Lugo e Ferrol-As Somozas.

Algúns datos socioeconómicos
San Sadurniño é un caso típico de concello rural próximo a un polo industrial. As oportunidades laborais dos estaleiros e da industria auxiliar provocaron un éxodo constante que se fixo máis acusado anos 60-70 do século pasado. De feito, en 1.960 o concello aldaba preto dos 6.000 habitantes e tan só dez anos despois xa baixaba dos 5.000. A partir de 1980 o descenso poboacional vaise estabilizando pouco a pouco. A migración a Ferrol e, sobre todo, a Narón xa non son as principais causas da perda de habitantes,  senón máis ben unha natalidade que non é capaz de compensar as defuncións. Con todo, desde 2007 notouse un tímido repunte dos nacementos acompañado da chegada -tamén tímida- de familias doutros municipios.

Para saber de que se vive en San Sadurniño o mellor é atender aos datos de afiliación á Seguridade Social. Dun total de 950 persoas afiliadas (IGE, setembro 2014),  o rexime xeral ocupa ao 68,42%, seguido de lonxe polo rexime especial de persoas autónomas, que supón o 26,7%. O resto das afiliacións de persoas que traballan -un 5%- distribúese entre os reximes agrario, o especial do mar e o de persoas empregadas do fogar. Traducido a números atopamos que, segundo o IGE, en setembro de 2014 había 558 persoas traballando en servizos, 170 na industria, 114 na gandeiría, a agricultura ou o mar e, por último, 103 na construción. A estatística indica non ter constancia da ocupación do 0,5% das persoas afiliadas.

Os números veñen ratificar a tendencia histórica vivida por San Sadurniño nos últimos 40 anos, cun progresivo abandono do sector primario -acompañado tamén dunha maior especialización- que trasvasou a actividade da poboación en idade de traballar primeiro cara á industria e a construción e, andando o tempo, cara aos servizos. Unha circunstancia que en tempos de crise tamén provocou que o desemprego se cebase especialmente con estas últimas actividades.

Porén, San Sadurniño segue contando cunha importante actividade primaria. Malia o incremento da gandeiría para carne nos últimos anos, no territorio mantense a produción leiteira para a venda á industria, acompañada de iniciativas para a súa primeira transformación en queixos, requeixo ou leite do día. Os datos do censo agrario de 2012 falan de 194 explotacións gandeiras de vacún con 1.047 cabezas en muxidura e 626 fóra de produción. O resto de bovinos -xatos e nais para carne, principalmente- situáronse nese ano nos 1.056 exemplares. Por outra banda tamén destaca a extracción de madeira, posto que San Sadurniño conta cun total de 4.218 hectáreas de superficie forestal e 2.312 de terreo arborizado (IGE 2012). O forestal xera arredor de 250 empregos directos entre madeiristas, comercialización e tamén transformación, concentrados principalmente na planta de fabricación de taboleiro de INTASA. Sen saír do sector primario, San Sadurniño tamén  se converteu en referente da produción de flor e planta ornamental con tres viveiros que, alomenos nun dos casos, exportan a varios países do mundo.

Outras actividades que se desenvolven no concello son a fabricación de estruturas metálicas, a carpintaría, a reparación e venda de vehículos, a panificación, a construción e rehabilitación de vivendas, a hostalaría, o comercio polo miúdo ou a prestación de servizos.

Cómpre reseñar, por último, que o concello é tamén produtor de enerxía. No Forgoselo, ao longo do cordal Naraío-Igrexafeita, atópase un parque eólico propiedade de Iberdrola que ten instaladas 37 turbinas cunha potencia nominal total de 24.420 kW.

Non moi lonxe deste parque e á beira do río Castro, a empresa Hidroeléctrica Río Castro S.L. ten en funcionamento unha planta de 315 kW que se abastece do encoro situado ao pé do castelo de Naraío. Esta última, impulsada por Manuel Orosa e xestionada polos seus descendentes, leva en funcionamento desde o ano 1932 de forma ininterrompida, agás polo atentado dos maquis que sufriu en 1945 e pola profunda reforma á que foi sometida co arranque do presente século. Unha vez máis, o profesor Manolo González conta en  Fálame de San Sadurniño as orixes da planta de Naraío e o azaroso proceso electrificación do municipio.