Sen prazas para pintar esta noite o “Mural da diversidade” de #seresentir

0

Durante o serán e parte da noite de hoxe temos a segunda sesión do programa de lecer alternativo para a mocidade Venres en Sansa!. Ás 18.30h. arranca o paintball ao pé da presa do muíño de Mera e ás 20.30h. comezarán simultaneamente na praza do antigo Concello e na Casa da Xuventude un obradoiro de parkour e outro de picadiscos. Porén, hoxe tamén se fan 50 anos daquel día en que un grupo de gays, lesbianas e transexuais de Nova Iorque se rebelaron contra a opresión policial e social e dixeron “basta!, ata aquí chegamos”. Co gallo desta data, que foi orixe das celebracións do orgullo LGTBQI+, a área de Igualdade propuxo incorporar aos Venres en Sansa! unha actividade que consistirá no pintado colaborativo dun grande mural que reivindique o respecto pola diversidade, pola liberdade de #seresentir como se queira. De feito, este é o lema dunha campaña impulsada pola Deputación da Coruña para sensibilizar sobre a importancia da tolerancia e a igualdade das persoas, independentemente da súa orientación sexual e identidade de xénero.

O mural da diversidade empezará a trazarse ás 20.00h. no peche do colexio público. Trátase dun deseño do debuxante, pintor e experto en plástica Arturo Domínguez, quen leva anos combinando afección e profesión en campos como o deseño, o interiorismo ou mesmo a escenografía. Seguindo a liña da campaña, o debuxo pretende plasmar unha mensaxe de normalización das diversidades afectivas. Algo que, por outra banda, aparece reflectido como dereito irrenunciable na lexislación autonómica, estatal e internacional.

O artista marcará o deseño no muro e despois serán os mozos e mozas -e tamén xente de máis idade- quen se encarguen de vestilo de cor seguindo as súas directrices. A convocatoria ofrecía 12 prazas como unha das propostas do Venres en Sansa! pero, sexa polo seu significado, sexa pola coincidencia neste día, o Concello recibiu unha chea de peticións para participar, que obrigaron a ampliar a 20 o número de participantes e non pasar desa cifra por razóns operativas á hora de repartir o traballo. De feito, tanto Arturo como os responsables municipais da actividade decidiron reservar unha pequena parte do mural para darlle cabida na actividade tamén a nenas e nenos menores de 12 anos, idade mínima para asistir aos Venres en Sansa!.

Ademais de ser unha actividade deste programa de lecer alternativo para a mocidade, o mural da diversidade tamén é unha das accións da campaña provincial #seresentir que se desenvolve desde hai días en numerosos concellos da Coruña con distintas propostas. Hai unha web, a petición de que se difunda a campaña nas redes sociais, material gráfico -carteis, chapas, pegatinas, camisetas, etc.-, lecturas recomendadas e, en definitiva, unha mensaxe normalizadora dirixida á sociedade no sentido de que cadaquén pode vivir a afectividade e a súa propia identidade sexual como queira.

Máis nos Venres en Sansa!
Ademais do mural da diversidade, o Venres en Sansa! tamén oferta a partir das 18.30h. unha grande partida de paintball na que hai inscritas 45 mozas e mozos. Terá lugar no merendeiro do paseo fluvial, pretiño da presa do muíño de Mera, e estará dividida en tres grupos en quendas de tres cuartos de hora de duración con dous equipos por cada unha.

Atendendo ao interese que espertou o ano pasado, nesta edición o Concello repite o obradoiro de parkour -de 20.30 a 22.00h.- na praza do antigo Concello e nos arredores da Casa da Cultura. Hai 10 cativos e cativas apuntadas, que aprenderán as técnicas básicas desta disciplina -poderiamos dicir que deportiva- que aproveita os espazos e o mobiliario urbano para poñer a proba a axilidade e a coordinación motora.

A esa mesma hora a Casa da Xuventude acollerá unha sesión de iniciación ás técnicas DJ. Hai 8 mozas e mozos inscritos, quen aprenderán que equipamento se precisa, como elixir a música para unha sesión e como mesturala para animar ao persoal en calquera ocasión.

Share.