Sen prazas para o curso de apicultura que comeza esta fin de semana

0

A Asociación Casa do Mel impartirá durante as dúas primeiras fins de semana de maio un curso de iniciación á apicultura cuxa convocatoria foi todo un éxito. E é que ao remate do prazo de inscrición o Concello recolleu unha trintena de solicitudes, cinco máis do límite de 25 establecido para unha acción formativa que se desenvolverá na Casa da Cultura, no colmear didáctico da Cortiña e, o último día, tamén nas instalacións da entidade, situadas en Goente. O curso repasará os conceptos básicos da cría e a sanidade das abellas, así como cuestións relacionadas coa comercialización do mel e outros produtos, como por exemplo o pole, a própole ou a xelea.

O curso é totalmente gratuíto para a veciñanza empadroada en San Sadurniño e para as persoas asociadas á Casa do Mel, tal e como se recolle no convenio asinado onte mesmo polo Concello e a asociación, quen se encarga do mantemento do apiario da Cortiña e de colaborar coa área de Desenvolvemento local na promoción da actividade apícola como un dos eixos de dinamización da economía rural.

O curso está pensado para persoas que queiran iniciarse neste tipo de gandaría -si, as abellas oficialmente son gando-  ou para calquera con certo interese no mundo apícola. Neste sentido, os contidos irán desde unha introdución xenérica sobre a bioloxía dos enxames, a figura da persoa apicultora e o funcionamento das colmeas, ata cuestións máis técnicas que se irán abordando paso a paso e adaptadas ao nivel medio de coñecemento do grupo participante.

A teoría impartirase na Casa da Cultura, pero tamén se baixará até o colmear didáctico da Cortiña para ver os contidos máis prácticos, como son, entre outros, a instalación do apiario, a flora máis axeitada para a produción de mel -as diferenzas de cor e sabor segundo o tipo de alimentación- e as prácticas de reprodución dos enxames. Tamén se facilitará información sobre a saúde das abellas e, principalmente, sobre como protexelas da avespa asiática, da varroa e da loque.

O ciclo finalizará o domingo 9 de maio trasladándose ás instalacións da Casa do Mel, en Goente, onde se poderán ver os produtos principais e subprodutos que se poden sacar da colmea, como por exemplo o mel, o pole, a própole, a xelea ou a cera. O persoal deste centro dedicado integramente á difusión da cultura apícola explicará, ademais, os procesos de colleita, de envasado e de comercialización de cada produto.

“Apostando polo sector primario” tamén falará de apicultura
Para o curso da Casa do Mel xa non hai prazas dispoñibles -houbo 25 solicitudes máis outras 5 que quedaron en lista de agarda-, pero quen queira afondar no coñecemento das abellas terá unha nova oportunidade de facelo na charla que ofrecerá  o domingo 16 de maio  de 10 a 12.00h. o veterinario Carlos Marín Barcáiztegui, dentro das xornadas “Apostando polo sector primario”.

Este especialista falará sobre o problema da varroase, os sistemas de diagnose e os puntos críticos do seu tratamento, ademais de repasar as principais enfermidades da cría das abellas e as estratexias para previlas. Na segunda parte da súa intervención centrarase nos aspectos máis salientables que cómpre ter en conta na xestión dunha explotación profesional ou que pretenda avanzar cara a esa profesionalización.

Esta charla -igual que as programadas para o venres e o sábado- terán aforo limitado  e requirirán inscrición previa no 616 332 919 ou en agustin.perez@sansadurnino.gal.

 

Share.