Sen prazas no Tempos para compartir e practicamente completo o cupo para “Utopías”

0

Ademais do XVIII Trofeo de Volei Concello de San Sadurniño que se disputará este sábado, no noso concello temos outras dúas citas que espertaron un grande interese por parte do público. Así o testemuña o elevado número de inscricións recibidas tanto para o obradoiro de herbas e plantas de Tempos para compartir, que retoma a actividade en Lamas a partir das 17.30h., como para a  sesión de contacontos “Utopías” que chegará á Casa da Cultura ás 18.00h. da man da compañía Xarope Tululú. Para o Tempos… -no que se falará de herbas e plantas- xa non quedan prazas libres desde hai días e mesmo hai lista de agarda, mentres que en “Utopías” só quedaban dúas localidades dispoñibles no momento de redactar esta nova, que se poden tentar reservar até hoxe ao mediodía contactando coa bibliotecaria no 652 814 144 ou no correo anagavinmerlan@gmail.com.

“Utopías” é un espectáculo dirixido a público familiar con nenas e nenos de 3 anos en diante que combina a narración oral e a manipulación de obxectos. A través de diversas historias iremos descubrindo mundos invisibles poboados por ratos na procura de novos camiños, nenas que soben e baixan escaleiras e parrulos, moitos parrulos que nos acompañarán durante case unha hora de aventuras.

O espectáculo é unha montaxe da compañía Xarope Tululú, especializada en pezas de pequeno formato para a rapazada que, no caso de San Sadurniño, está programada dentro do ciclo “Ler Conta Moito” da Rede de Bibliotecas públicas de Galicia. No escenario teremos como narradora á actriz Atenea García, encargada de trasladarnos a ese universo utópico e fabuloso.

A obra empeza ás 18.00h. deste sábado na Casa da Cultura e para asistir fai falla reservar localidade, algo que xa fixeron preto dunha vintena de persoas, cerca xa da capacidade do auditorio establecida como tope por razóns preventivas. No momento de redactar esta nota había tan só dúas vacantes dispoñibles. No interior do recinto será obrigatorio o uso de máscara -agás nenas e nenos menores de 6 anos, aínda que tamén se recomende- e tanto antes da entrada como ao saír tamén se deberá evitar o contacto ou estar a menos de 1,5 metros de persoas coas que non se conviva.

Se algunha persoa con reserva non pode asistir finalmente, prégase que contacte coa bibliotecaria para comunicalo e cederlle o sitio a quen puidera estar na lista de agarda.

Sen prazas para o primeiro Tempos para compartir da temporada
A outra actividade que temos este sábado é o regreso da serie de obradoiros mensuais Tempos para compartir, que sempre se organizan os primeiros sábados de mes e de maneira itinerante polas distintas parroquias. O deste día -Local social de Lamas, 17.00h.- estará centrado no coñecemento das plantas e herbas do noso entorno, pero tamén no descubrimento das súas múltiples propiedades e aplicacións no fogar. De impartir os contidos encargaranse Nerea Loureiro e David Graña.

Este primeiro Tempos… do outono -e da temporada- ofrecía 10 prazas como máximo, que se cubriron case no mesmo día de empezar a darlle publicidade á convocatoria. O departamento de Igualdade ten anotadas en lista de agarda case o dobre de peticións. Por este motivo tamén  se lles prega ás persoas con praza confirmada que se por calquera motivo non poden acudir llo comuniquen á técnica municipal no correo veronica.rodriguez@sansadurnino.gal, co obxectivo de darlle entrada a quen estea na lista de espera.

 

 

Share.