Sen pediatra permanente e, durante algún tempo, tamén sen matrona

0

O Punto de Atención Continuada de San Sadurniño encóntrase nestes momentos sen matrona debido a unha incapacidade temporal da profesional que atende habitualmente o servizo. Por este motivo, as futuras nais que pasan as súas revisións no centro médico local están sendo derivadas a Neda ou a outros centros sanitarios da área, aínda que as citas deberán seguirse solicitando no de San Sadurniño. A situación -segundo puido saber o Goberno local- podería manterse durante alomenos un mes ou incluso máis, dado que o SERGAS non está cubrindo o servizo en San Sadurniño durante esta baixa laboral. Esta merma na proximidade do servizo vén sumarse a outras circunstancias que se están deixando notar no funcionamento do PAC, como o feito de que aínda non se restablecese a atención pediátrica itinerante que había ata finais de 2018 ou que tampouco se lle estea dando cobertura ás baixas e vacacións dos dous médicos de familia cos que conta o centro. Estas e outras cuestións relacionadas coa sanidade pública galega levaron ao BNG e ao PSOE a aprobar no último pleno ordinario unha moción esixindo melloras e en apoio da manifestación convocada para este domingo en Santiago pola plataforma SOS Sanidade Pública.

San Sadurniño segue sen noticias sobre o restablecemento do servizo de pediatría permanente e itinerante que desde hai máis dun ano o SERGAS vén suplindo con tres profesionais procedentes de Ferrol e Narón que complementan as súas respectivas quendas de tarde acudindo polas mañás tres veces por semana e de maneira rotatoria ao PAC de San Sadurniño.

A solución non satisfai nin ás familias das máis de 300 crianzas usuarias do servizo nin tampouco aos concellos de San Sadurniño, Moeche e Cerdido. Desde xaneiro de 2019 -momento en que marchou a pediatra do centro médico- uns e outros manifestaron publicamente en distintas ocasións o seu desacordo cunha fórmula de cobertura da atención sanitaria infantil que supuxo a eliminación das consultas itinerantes por eses municipios -e tamén o das Somozas- que agora están centralizadas en San Sadurniño.

Ademais, as familias quéixanse de que, malia non dubidar da profesionalidade dos facultativos, ter tres médicos distintos atendendo á rapazada vai en detrimento do seguimento personalizado dos casos en comparanza coa situación anterior, cando os levaba sempre a mesma persoa.

Segundo informa o Goberno local tras interesarse polas previsións da Xunta ao respecto do restablecemento do servizo tal e como se viña prestando, todo apunta a que, polo de agora, a situación vai seguir igual. Ademais, hai escasos días tamén se produciu a baixa da matrona do centro de saúde sen que o SERGAS enviase quen a substituíse. En vez diso, o centro médico vese na obriga de derivar as usuarias cara ao servizo de Neda ou outros da área sanitaria aínda que, iso si, as citas deben seguir solicitándose no PAC local. Tal e como denuncia o Concello, a falla de substitucións por baixas ou vacacións dos facultativos vén sendo tamén unha constante no PAC de San Sadurniño, de maneira que cando falta un dos médicos ten que ser o outro quen asuma todas as súas consultas.

Moción e manifestación o domingo
En situacións parecidas -sobre todo no tocante á falla de pediatras- están outros concellos da comarca, como A Capela, Ares, Mugardos ou, máis recentemente, As Pontes. O SERGAS alude á falla de suficientes profesionais titulados para cubrir as vacantes, mentres que os grupos políticos que conforman a oposición no Parlamento Galego apuntan a unha falla de previsión por parte da xunta na convocatoria e cobertura efectiva de prazas durante os últimos anos.

A cuestión foi obxecto de debate no pleno ordinario celebrado a semana pasada. O BNG achegou unha moción que contextualiza o problema nunha política sanitaria da Xunta de Galicia baseada, entre outros, “nos recortes de recursos e orzamento, no desmantelamento de hospitais comarcais, no abandono dos Centros de Atención Primaria, na privatización e externalización de servizos esenciais e na precarización e explotación do persoal”.

O texto presentado no pleno achega un decálogo de medidas que, en último caso, buscan un maior compromiso autonómico co sostemento e mellora do sistema sanitario público galego, ademais de expresar o apoio municipal (votaron a favor BNG e PSOE mentres que o PP se abstivo) á manifestación convocada por SOS Sanidade Pública para este domingo ás 12.00h. polas rúas de Santiago de Compostela.

Share.