Segundo golpe na mesa do Aldebarán-Intasa, que se mete en semifinais do play-off de ascenso

0

Diciamos pola mañá que as cousas no volei, e en calquera faceta da vida, non son como empezan, senón como acaban. E agora á tarde a historia repetiuse no enfrontamento entre o Léleman Valencia e o Aldebarán-Intasa San Sadurniño. O partido arrancou como un paseo triunfal para os que xogaban na casa e con toda a afección do seu lado. Unha sensación de euforia invadiu o pavillón Banicalap Sur e mesmo se contaxiou aos comentaristas da emisión a través de internet, quen suxerían co seu tono un tanto condescendente unha máis que segura victoria dos anfitrións. Peeero -sempre hai un pero- o Intasa estaba decidido a non entregar a victoria sen loitar a tope por ela e, no segundo set virou  “la tortilla de Betanzos” (sic.), tal e como se escoitou na narración en youtube. E a partir de aí foi un non parar ata rematar, pasadas as 9 da noite, cun contundente marcador de 1 set a 3 -o Aldebarán xogaba de visitante- e cun pase directo ás semifinais da fase de ascenso á Superliga.

O que foi o primeiro set xa o contamos unhas liñas máis arriba. O Léleman Valencia fixo valer o xogo polo que rematou líder de grupo na liga regular e o Intasa por momentos non sabía de onde lle viña a leña… ou quizais si e só se tratou dunha táctica máis para deixar que os contrarios se confiasen ou para dárlles liberdade de que se desfogasen e así atoparlles os puntos débiles. Fose como for, o set rematou cun indiscutible marcador 25/17 favorable ao equipo anfitrión.

Entón empezou o segundo, moi igualado nos primeiros compases ata que os de Pesci meteron a directa e volvéronlle a labazada aos valencianos cun parcial aínda máis avultado: 15/25. Un set para cada escuadra, volta á casiña de saída para o Léleman e primeira trompada de realidade para que lles quedase claro contra quen estaban xogando.

Empeza o terceiro set. Todo igual: primeiros puntos igualados e, entón, mete a directa o Aldebarán exhibindo a soberbia zurda de Arnau Caparrós e a implacable potencia no centro da rede de Iván Postemsky. Entre os dous fixeron un tándem letal en varias ocasións ao longo do encontro secundados polos demais. Neste punto apareceu un Marcos Blanco que estivera case ausente ata daquela para encadear varios saques imposibles de recibir que deron certa marxe de tranquilidade. No último tramo do set o Intasa soubo manexar a situación contendo as tentativas valencianas e tirando proveito de erros alleos. Ao cabo, 21/25 e os do Sansa con dous sets no peto.

Cuarto set. Decididos a non deixar alentar ao contrincante, os xogadores do Aldebarán pisaron o acelerador a fondo -outra vez a combinación Caparrós-Postemsky secundada polos destellos de Marlon Mendoza, Blanco Couce, Portero e o resto da tropa- para deixar aló, ben lonxe ao Léleman. Chegaron a ter 8 puntos de cómoda distancia que, porén, non souberon ou non quixeron xestionar para darlle máis emoción á contenda.

De feito, os valencianos, pouquiño a pouco -e para maior euforia dos speakers de youtube- foron recuperando terreo como formiguiñas, punto a punto, tanto a tanto, ata achegarse de maneira perigosa á lebre azul. Dun 14/22 remontaron até un 20/23… e logo un 21/24… e despois un 22/24. E, cando xa estaban tocando a posibilidade de forzar o tie-break, vén o valenciano David de Juan e pisa a liña no que sería o último saque do partido. Un 22/25 que certificaría a victoria do Aldebarán-Intasa San Sadurniño no set e no partido por 1 set a tres e, o máis importante, meterse na semifinal que se xogará mañá sábado a partir das 20.30h. contra o Extremadura Grupo Laura Otero.

 

Share.