Segundo día superado, e mañá máis

0

O Chanfaina Lab encara a súa recta final tras un sábado de sol, calor e moita actividade. Os equipos repartidos polo territorio botaron a primeira parte do día situándose e confirmando localizacións. Algúns deles xa empezaron a gravar ben cedo, mentres que outros optaron por iso, por compoñer mentalmente San Sadurniño, e acender a cámara ao longo da tarde. Os creadores e creadoras van contando aos poucos o argumento básico das súas historias e, polo que puidemos saber, o Chanfaina que degustaremos en febreiro promete ser ben saboroso.

Volverá haber de todo: experimentación, documental, ficción… pratos que se salpimentarán cun toque alternativo e de grande frescura que, de seguro, non deixará a ninguén indiferente. Sobre os temas que se van tratar nas pezas, podemos adiantar que un equipo tratará a morte e o xeito social en que se vive un pasamento, outro veu coa fixación dos espantallos, tamén houbo unha realizadora que meteu nun hórreo a varias persoas que deberon estar quedas durante dez longos minutos, houbo quen se interesou polo Forgoselo e por como se lle rabuña o pan -o leite mellor dito- ás terras máis altas do Concello. Mesmo houbo xente que estivo producindo durante todo o día para gravar mañá.

Así é o Chanfaina Lab: hai que chegar e encher en tan só dous días, xa que o primeiro -o das presentacións- é para tomar contacto, respirar o ambiente e asentar o pensamento sobre o que se fará o sábado e mailo domingo, días de traballo moi intenso. Quen xa coñece o territorio teno doado, pero, insistimos unha vez máis, quen vén de fóra teno certamente difícil para que todo lle saia á primeira. Para iso hai apoio loxístico de chanfaineiros e chanfaineiras habituais, como Abel Vega ou as mozas de Teño unha horta…, que o mesmo producen, buscan xente e localizacións, que se poñen diante da cámara para interpretar algún papel, ademais de ter que facer a súa propia peza.

Hoxe a maior parte da xente “da casa” asistiu a un interesante obradoiro de iluminación impartido polo director de fotografía Alberte Branco, quen ensinou a observar a luz e a apreciar como os seus cambios son capaces de xerar sensacións no espectador. Pola mañá houbo teoría e práctica con luz artificial e, xa pola tarde, excursión polo centro urbano vendo como se comporta a luz natural e de que maneira podemos controlala.

Namentras, o resto de participantes andaba xa traballando a tope por Naraío, Bardaos, Santa Mariña do Monte, Lamas… non haberá parroquia que quede sen presencia fílmica nas curtametraxes, que hoxe contaron cun sol ben espectacular cara a finais do día. E é que este tempo de comezos de setembro é avogoso do cine. Estamos no verán, o sol aínda apreta, pero os seus raios xa caen máis deitados, suavizando as luces e estirando as sombras. Unhas condicións que, ben aproveitadas, serven para lucimento de calquera filmación.

E para lucimento, o de Andrés Goteira e o elenco de “Dhogs”. O multipremiado e multifelicitado filme que “ou o odias ou o amas”, tal e como asegurou o director,  proxectouse este serán na Casa da Cultura como colofón ao penúltimo día de Chanfaina. Mañá domingo non haberá proxeccións nin cursos, senón máis choio para as realizadoras e realizadores para rematar ou redondear as historias que se contarán de San Sadurniño.

Share.