Seguimos sen noticias de Ramiro

0

Segundo día de busca de Ramiro Vega Díaz, o veciño de Igrexafeita que falta da súa casa desde o mediodía deste domingo. Hoxe o clima xogou en contra do dispositivo despregado por todo o curso alto do Castro e as estribacións do Forgoselo. A néboa e a chuvia fixeron máis difícil aínda revisar o espazo de busca -dunhas 800 hectáreas de superficie- xa de por si complicado, con fortes desniveis, moito arborado, carreiros e camiños desdebuxados e matogueiras impenetrables.  As cuadrillas de busca organizáronse a primeira hora da mañá e repasaron sen éxito o territorio nun radio próximo aos dous quilómetros arredor do lugar da Casatellada, onde reside o desaparecido. Os esforzos -materializados a pé, a cabalo, en motos e vehículos todoterreo- concentráronse nesa área para descartar as proximidades do domicilio e ir abrindo cada vez máis o ámbito da pescuda, certamente dificultosa durante a mañá por mor do orballo e da néboa que cubriu os montes a intervalos até practicamente primeira hora da tarde, momento no que se incorporaron ao equipo un helicóptero da Garda Civil e os drons da AXEGA. Nada deu resultado e continuamos sen noticias de Ramiro da Casatellada. A busca reanudarase este martes ás 8.30h. con tres puntos de referencia, dous deles nas inmediacións do domicilio e un terceiro xa no lugar da Toca -As Somozas- onde unha testemuña asegura telo visto.

Tras suspender a busca ao mediodía deste luns, a actividade retomouse sobre as 16.00h. cos mesmos equipos da mañá. Hoxe implicáronse nos labores preto dun cento de persoas entre Garda Civil, Protección Civil de varios concellos da volta, e veciñanza de practicamente toda a parroquia e doutras partes do concello. Xente que non só furou monte senón que tamén foi, unha xornada máis, apoio moral para unha familia totalmente entregada á busca, a pesares do cansanzo acumulado polo paso das horas e a incertidume sobre o paradoiro do patriarca da Casatellada.
Cara ao mediodía sumouse á brigada veciñal un equipo canino  de rescate chegado desde Asturias e, preto das 17.00h., o helicóptero da Garda Civil, que marchou hora e media despois sen obter resultados tras cubrir en varias veces e con distintas elevacións o cauce do Castro, as fragas e eucaliptais que o flanquean, as canteiras do Castro e do Capelo e incluso partes do Forgoselo e da zona limítrofe entre  San Sadurniño, As Pontes e As Somozas.
Tamén participou na busca un equipo de drons da AXEGA, que empezou a traballar a escasos metros de altura tan pronto como finalizaron as pasadas do helicóptero. Coa chegada da noite, os técnicos da axencia despregaron unha aeronave dotada dunha cámara térmica, capaz de detectar calquera fonte de calor na espesura. O operativo foi infructuoso e todo o equipo técnico e humano recolleuse coa caída da noite non sen antes anticipar a planificación do martes, que fará o terceiro día de rastrexo.

A Garda Civil seguiu nestes dous días varias pistas. Unha que situaba a Vega na zona de Cedeira, outra que  aseguraba telo visto no concello da Capela e, a última, a dun veciño da Toca, no concello das Somozas, porfiando en que Ramiro estivo nas inmediacións do campo da festa do lugar. O Instituto Armado fixo de inmediato as comprobacións pertinentes, agás con respecto a este último aviso, que será obxecto dunha batida a primeira hora do martes con saída ás 8.30h. desde a igrexa, situada nas entremedias da AC-861 e o viaduto que pasa por riba da AG-64. De feito, os drons da AXEGA encamiñáronse á zona á noitiña deste luns para facer unha primeira inspección con equipamento de detección de calor abordo.

Para este martes están programadas tres cuadrillas de busca. Os esforzos centraranse en probar na Toca, pero tamén en repasar dun xeito máis minucioso as zonas inmediatas ao domicilio do desparecido, no lugar da Casatellada, e subindo monte arriba nun tramo comprendido entre A Ribeira e A Fervenza. Nestes dous casos o arranque está previsto igualmente para as 8.30h.

Ademais da veciñanza de Igrexafeita e doutras parroquias de dentro e fóra de San Sadurniño que participan na busca, mañá volverán acudir a Garda Civil, Protección Civil e máis cans de rastrexo.

IMG_5088Ramiro Vega Díaz ten 81 anos e, ao parecer, foi visto por última vez ao mediodía do domingo por un cazador. Vestía pantalón gris e camisa de cadros. Posiblemente leve gorro e un paraugas. Mide arredor de 1,70 de estatura, é un home de carácter afable e falangueiro e non sofre problemas de mobilidade nin tampouco ten ningún tipo de demencia diagnosticada. Quen poida achegar información fiable sobre o seu paradoiro, pode contactar directamente co 112 ou co 062.

Share.