Seguimos en Estado de Alarma e debemos continuar extremando as precaucións

0

A información que preside hoxe todas as portadas e titulares dos medios de comunicación é a relativa ao plan de “desescalada” do Goberno estatal, no que se definen as catro fases da volta á chamada “nova normalidade” e cales son as actividades sociais e económicas que se poderán ir facendo durante esta etapa de transición. É importante que se nos anticipe o que está por vir nas próximas semanas e meses, pero iso non debe facernos perder de vista que o verdadeiramente fundamental para conter o avance do virus é a nosa propia responsabilidade  aplicando as medidas de distanciamento social, as hixiénicas e as decretadas con respecto ás restricións da mobilidade. Diso depende a nosa saúde e tamén a das persoas que nos rodean, pero tamén o feito de que esa “desescalada” teña éxito e nos prazos estimados polas autoridades sanitarias. 

O plan de volta á nova normalidade anunciado antonte polo Goberno do Estado prevé catro fases nas que se irá aliviando o confinamento de forma progresiva ao tempo que se vai retomando a actividade dos sectores que actualmente están suspendidos, como por exemplo a hostalaría, o pequeno comercio e outros.

As fases divídense nun horizonte aproximado de dúas semanas tomando as provincias e illas como marco territorial, aínda que a súa aplicación será asimétrica e pilotada polo Estado. Isto quere dicir que o Ministerio de Sanidade será quen autorizará o cambio de fase para cada territorio ou, se non se cumpren os parámetros de contención da pandemia ou se se produce un repunte, quen obrigue a continuar coas restricións e mesmo a incrementalas.

Tal e como asegurou o ministro Salvador Illa, “non vai haber carreiras” entre comunidades autónomas por ver quen bule máis levantando restricións, senón que todas elas deberán atender ao que determine o Goberno de España para cada provincia consonte os datos epidemiolóxicos e de carga do sistema sanitario, entre outros. Pode darse o caso de que unha provincia -ou illa- poida avanzar á Fase 2 mentres que outra limítrofe, con peores datos sobre contaxios, deba seguir na Fase 1 ou incluso regresar á Fase 0. A Xunta non está de acordo co plan e, de feito, xa empezou a adiantar o cronograma, tal e como se desprende do anuncio feito hoxe mesmo por Medio Rural conforme se autorizan os mercados de proximidade a partir do luns 4 de maio -Fase 0-, mentres que o Estado ten encadrada esa posibilidade na Fase 1, que arrancaría o día 11. A ver en que queda a cousa.

O mellor escenario que prevé o Estado manexa unhas estimacións de 8 semanas para completar as catro fases. Insistimos, son previsións, non datas fixas, e sempre condicionadas ao que se publique no BOE.

  • Así, a Fase 0, considerada a preparatoria das que virán despois, abrangue desde esta semana e até o domingo 10 de maio, permitindo a apertura de establecementos con cita previa para atención individual -perruquerías, por exemplo-, restaurantes para a recollida de comida para levar, os adestramentos básicos en ligas profesionais e deportistas federados e tamén facer deporte de maneira individual -non deportes de contacto, coma o fútbol, pero si o tenis, o surf, andar na bici, patinar…- ou que as persoas dun mesmo domicilio poidan dar paseos por fóra xa desde o sábado 2 de maio, algo que se publicará este xoves 30 no BOE. Neste momento tamén se pode ir atender un cultivo dentro do mesmo municipio ou a 5 Km. do noso domicilio se está noutro, desprazarse para identificar un monte que se vaia cortar -co salvoconducto que nos facilite a empresa forestal- e tamén facer rozas de maleza en leiras que estean no perímetro de 50 metros de vivendas e núcleos de poboación.
  • Se todo vai segundo o previsto, pasaríase á Fase 1 comprendida entre o 11 e o 24 de maio. Nese prazo empezarían a abrir os comercios baixo estrictas medidas de hixiene -non as grandes áreas comerciais- e con quendas establecidas para persoas maiores de 65 anos, un dos principais grupos de risco. Tamén se permitirá a apertura de terrazas até un 30% de ocupación e mantendo as distancias. Poderían abrir os hoteis e aloxamentos, agás as zonas comúns, e mesmo os lugares de culto sen exceder o 30% do seu aforo.  Os concellos poderían retomar feiras, mercados e mercadillos ao aire libre cun 25% dos postos habituais ou ampliando a superficie para garantir as distancias de seguridade entre si e entre as persoas usuarias.
  • Naquelas provincias que vaian cumprindo sen incremento de contaxios a Fase 2 comezaría o luns 25 de maio e duraría até o domingo 7 de xuño. A partir de aí abrirían as zonas interiores de restaurantes e bares con limitacións en canto ao número máximo de clientela -1/3 do aforo- e con medidas hixiénicas e preventivas reforzadas. Non se poderá tomar na barra. Tamén se retomarían espectáculos -cines, teatros auditorios-, pero sempre sen superar un tercio da súa capacidade e obrigatoriamente con público sentado. Se as actividades son ao aire libre, incluídos espectáculos deportivos non profesionais, sempre menos de 400 persoas e tamén sentadas. En locais pechados poderá ocuparse un tercio do aforo sen exceder as 50 persoas. Nesta fase tamén abrirían os centros e parques comerciais, pero con prohibición de permanecer nos espazos comúns ou zonas recreativas e a actividade de feiras e mercadillos ao aire libre podería subir até 1/3 dos postos habituais. Reanúdanse os adestramentos básicos nas ligas non profesionais federadas.
  • A cuarta estación é a Fase 3 –ou avanzada-, entre o 8 e o 21 de xuño. Flexibilizaríase a mobilidade xeral con recomendación -que non obriga- de usar máscaras fóra da casa. O aforo comercial estará limitado ao 50% e mantendo unha distancia de seguridade de 2 metros. Levántanse as restricións nas zonas comúns de áreas comerciais e os mercados ao aire libre poden incrementar a súa actividade até o 50%. En bares e restaurantes poderase chegar á metade da capacidade e autorízase o consumo en barra, sempre que haxa 1,5 metros de separación. Apertura de discotecas e bares nocturnos a un tercio da súa capacidade, que será de aplicación tamén para cines, teatros e auditorios. O lecer ao aire libre -espectáculos, parques temáticos, poderán chegar ás 800 persoas… que han de estar sentadas e mantendo a distancia de seguridade. Espectáculos e actividades deportivas “con aforo menos limitado” e coincidente co dos eventos culturais; turismo activo e de natureza permitidos e tamén ir á praia en condicións de seguridade e distanciamento.
  • Ao remate da terceira fase iremos entrando na denominada “nova normalidade”, caracterizada por un seguimento epidemiolóxico máis exhaustivo e por un necesario cambio de hábitos sociais que continúen axudándonos a previr os contaxios. Esa nova normalidade, que seguirá ata o outono ou o tempo que sexa necesario, non significa que finalicen as restricións, senón que se irán aliviando na medida en que remita a pandemia. Se o cronograma se cumpre, en setembro iniciarase o curso escolar e universitario con seguridade adaptada ao risco real de contaxios que exista nese momento.

Todas estas explicacións das fases repetíronse e estanse repetindo constantemente nos medios de comunicación, en webs e redes sociais. O que se conta sae directamente de aquí, do anexo II do plan de desescalada e volta á nova normalidade publicado polo Estado, que irá traducíndose nas próximas semanas en varias ordes aclaratorias sobre aqueles aspectos que non quedasen suficientemente precisados.

Seguimos nunha situación moi grave, actuemos con responsabilidade
Neste punto volvemos ao encabezamento da nova para insistir, outra vez máis, na importancia que ten o noso comportamento individual para que o cronograma se vaia cumprindo. Hai que respectar todo o establecido e o que vaian dictando a partir de agora as autoridades sanitarias. Seguimos en Estado de Alarma alomenos até o 10 de maio -anque todo apunta a que vai haber outra prórroga de 15 días- e, polo tanto, seguen activas as medidas de confinamento salvo nas excepcións previstas: ir ao traballo, á compra, ao médico, á farmacia, atender a horta, ir ensinarlle un monte ao madeirista (que deberá autorizarnos a facelo), acudir limpar de vexetación unha faixa de protección, pasear mascotas ou coa rapazada e tamén o que publique hoxe o BOE sobre os paseos en familia e o exercicio físico individual. 

Agora máis que nunca debemos extremar as precaucións contra o coronavirus. Recordade: manter sempre unha distancia de alomenos 2 metros con respecto a outras persoas, lavar as mans con frecuencia, non tocar ollos, nariz e boca, saír só para o estrictamente necesario -compra, médico, farmacia, etc.- e tusir ou esbirrar contra panos desbotables ou contra o interior do cóbado. Se presentas algún síntoma compatible coa COVID-19 (febre, tose, dificultade para respirar), non saias da casa, permanece na túa habitación e contacta co 900 400 116 para que che indiquen como proceder. Chama ao 061 só se tes sintomatoloxía grave e en ningún caso acudas pola túa conta a Urxencias ou ao Centro de Saúde.

Non é obrigatorio o uso de mascarillas hixiénicas -as non consideradas produto sanitario- por parte da poboación xeral e o Estado só as recomenda en dous casoscando non é posible manter a distancia de seguridade no traballo, na compra, en espazos pechados ou na rúa; ou cando se utilice o transporte público.

As máscaras cirúrxicas, tampouco son obrigatorias de momento e o Ministerio de Sanidade indica que deben usarse  só en casos determinadospersoas con síntomas ou diagnósticos de COVID-19, persoas que estiveron en contacto estreito nos últimos 14 días con persoas diagnosticadas, persoas cuidadoras de afectadas por coronavirus e outra poboación vulnerable, como son maiores, persoas hipertensas, diabéticas, que padezan enfermidades cardiovasculares ou pulmonares crónicas, persoas con cancro ou inmunodeprimidas e as embarazadas.

Tamén se insiste en que a efectividade de calquera máscara depende do seu uso correcto: lavar as mans antes de poñela, que vaia ben axustada tapando boca, nariz e queixelo, non tocala mentres a levamos posta, quitala pola parte de atrás -sen tocar a parte frontal- e lavar inmediatamente as mans e, no caso de seren reutilizables, lavalas conforme as instrucións do fabricante. O ministerio sinala que “por cuestións de comodidade e hixiene” non é recomendable usar a máscara máis aló de 4 horas. No caso de que se humedeza ou deteriore polo uso débese substituír por outra, nunca volver usala a menos que se indique que é reutilizable.

Descargas:
Plan de transición cara a unha nova normalidade
Anexo I – Panel de indicadores que se terán en conta para o tránsito entre fases
Anexo II – Descrición das fases e actividades permitidas en cada unha delas
Anexo III – Cronograma previsto (orientativo)

Share.