Segue subindo o número de casos activos en San Sadurniño

0

A Xerencia da Área Sanitaria informou esta mañá de que o número de casos activos de COVID-19 en San Sadurniño era xa de 47, a cifra máxima atribuída ao noso municipio desde que comezou a pandemia. Son 15 máis que hai dez días e máis do triplo que a mediados de xaneiro, tras un incremento a un ritmo diario de entre dous e catro casos que só pareceu estabilizarse durante a semana pasada. Son números preocupantes que dentro do noso territorio incluso poden ser maiores se temos en conta os positivos de San Sadurniño que computan en Moeche por ter alí o médico de cabeceira. En calquera caso, o coronavirus e a COVID-19 non entenden nin de estatísticas nin de límites administrativos… nin de vidas, e mentres non chegue a vacina a toda a poboación ou un medicamento que minore os seus efectos, o único que nos queda é a precaución e a prevención a base de responsabilidade individual. Unha responsabilidade que tamén pasa polo cumprimento dilixente de todas as restricións que estarán en vigor até o 17 de febreiro. Polo menos.

Nin pretendemos aburrir, nin acentuar iso que se deu en chamar “fatiga pandémica”, senón recordar cantas veces sexa necesario todo aquilo que é fundamental e que se sabe efectivo para frear os contaxios do coronavirus. Repasemos:

  • Reducir ao mínimo a interacción social fóra da casa e limitar os desprazamentos só aos imprescindibles: traballo, comprar o necesario, ir ao médico ou á farmacia, etc. Debemos ter sempre presente que nestes momentos os grupos só poden ser de persoas conviventes, salvo por cuestións laborais, educativas, administrativas ou de coidado de dependentes, persoas maiores ou rapazada.
  • A hostalaría está pechada e só se permite o reparto a domicilio ou a recollida no local. Ollo con isto último: a normativa da Xunta precisa claramente que os produtos recollidos son para consumir no domicilio, de maneira que non se podería comer/beber á porta do propio establecemento  nin tampouco tomar algo dentro del mentres se agarda pola encarga. (Non dicimos que isto estea ocorrendo en ningún establecemento de San Sadurniño, senón que só informamos do que pon a normativa).
  • Distanciamento de 1,5 metros con respecto a outras persoas.
  • Máscara obrigatoria a partir dos 6 anos, que ha de ir correctamente colocada e non ter válvula exhalatoria. A máscara deberase manipular o menos posible e, de ter que facelo, sempre coas mans perfectamente limpas.
  • Hixiene frecuente de mans: lavalas a conciencia con abundante auga e xabón e utilizar sempre que se poida solucións desinfectantes para uso cutáneo ou xeles hidroalcólicos. Débese evitar tocar os ollos, o nariz ou a boca.
  • Hixiene respiratoria: non quitar a máscara para esbirrar ou tusir. Se estamos na casa sen ela, tapar o nariz e a boca cun pano desbotable ou facelo contra o interior do cóbado.
  • Prohibido fumar/vapear en lugares públicos a menos de 2 metros doutras persoas. Tamén está prohibido tomar alcol na vía pública.
  • Se notamos algún síntoma coincidente cos da COVID-19, debemos quedar na casa -igual que no caso de ter un contacto estreito cun positivo por coronavirus- e informar ás autoridades sanitarias chamando ao 900 400 116, nunca acudir directamente ao centro de saúde.  O Diario Oficial de Galicia día o seguinte: Calquera persoa que experimente algún dos síntomas máis comúns compatibles coa COVID-19, tales como febre, calafríos, tose, sensación de falta de aire, diminución do olfacto e do gusto, dor de gorxa, dores musculares, dor de cabeza, debilidade xeral, diarrea ou vómitos deberá permanecer no seu domicilio e comunicalo ao seu servizo sanitario o antes posible. Igualmente, se existen conviventes no domicilio, deberá evitar o contacto con eles e, se é posible, usar un cuarto de forma exclusiva ata recibir instrucións do seu servizo sanitario”.
  • Por outra banda, no caso de casos e contactos estreitos, a normativa autonómica di: “As persoas que sexan consideradas caso sospeitoso ou probable de infección polo virus SARS-CoV-2, por teren infección respiratoria aguda grave con cadro clínico ou radiolóxico compatible co COVID-19, ou que estean pendentes dos resultados de probas diagnósticas por este motivo, as que sexan consideradas como caso confirmado con infección activa e as consideradas contacto estreito dun caso sospeitoso, probable ou confirmado, deberán seguir as condicións de illamento ou corentena que lles sexan indicadas desde os dispositivos asistenciais ou de saúde pública, sen poder abandonar o seu domicilio ou lugar de illamento ou corentena en ningún caso, salvo autorización expresa do servizo sanitario por causas debidamente xustificadas”.

Ademais de todo isto, non está de máis volver repasar todo o que ten publicado a web coronavirus.sergas.gal sobre as restricións de nivel máximo que son de aplicación en toda Galicia: toque de queda entre as 22 e as 06.00h., prohibición de entrar ou saír do límite municipal -salvo polos motivos excepcionais previstos na normativa-, peche do comercio non esencial ás 18.00h, mentres que os establecementos de alimentos e artigos básicos -supermercados, farmacias, ultramarinos, froitarías, carnizarías, etc.- e os servizos profesionais -talleres mecánicos, servizos de reparacións, etc.- poderán continuar abertos despois desa hora.

Share.