Secundino García convértese en alcalde por cuarta vez consecutiva

0

Esta mañá ás 11.10h. quedou constituída oficialmente a nova corporación para o mandato 2019-2023. Foi nun pleno de pouco máis de 15 minutos que comezou puntual, ás 11.00h., e que se desenvolveu tal e como estaba previsto. E é que nestes casos a orde do día márcaa a normativa electoral, establecendo os pasos que se deben ir dando até a elección de quen ocupará a alcaldía. Primeiro dar conta do arqueo e do inventario municipal, é dicir, a relación do patrimonio do Concello co que arranca o novo período, logo a constitución da mesa de idade e a toma de posesión dos concelleiros e concelleiras elixidas o pasado 26M, a votación de alcalde e, por último, a toma de posesión do rexedor. Secundino García accedeu desta maneira -e por cuarta vez consecutiva- á alcaldía de San Sadurniño, para o que contou cos 7 votos do BNG. O PP apoiou a súa candidata, María Belén Trigo Meizoso -3 votos- e, a diferenza de hai catro anos, o único representante na sala do PSdeG-PSOE, Lois Anxo Rodríguez Calvo, votou por si mesmo.

O pleno iniciouno o secretario municipal, Miguel Arroyo, quen explicou como se ía desenvolver a sesión e quen certificou que se daban as condicións esixidas na lei electoral para a constitución do consistorio. Logo nomeouse a mesa de idade, conformada por Manolo Varela e a nova concelleira popular Esther Díaz Vergara, e, de inmediato, pasouse ao xuramento ou promesa dos cargos electos.

O BNG elixiu a fórmula “por imperativo legal prometo e comprométome a defender os intereses xerais do pobo de San Sadurniño”, mentres que no PP non houbo un criterio único. Belén Trigo e Esther Díaz usaron o “si, xuro”, mentres que o nº 3 da lista, José Luís Hermida Prieto optou pola frase “prometo defender los intereses del pueblo de San Sadurniño”. Lois Anxo Rodríguez, concelleiro pola lista do PSOE, tomou posesión cun “si, prometo”.

A elección de alcalde fíxose con papeleta. Os tres partidos con representación anunciaron que mantiñan os seus respectivos candidatos e, tralo reconto, non houbo sorpresas. Secundino García, 7 apoios; María Belén Trigo, 3 votos; e Lois Anxo Rodríguez, un único apoio.

Malia que as eleccións do pasado 26 de maio deixaron as cousas igual que hai catro anos en canto á correlación de forzas, neste pleno constitutivo houbo tres diferencias salientables con respecto ao de 2015. A primeira foi esa precisamente, que o edil socialista votou por si mesmo, mentres que  hai catro anos Eduardo Lourido lle deu o seu voto a Secundino García. A segunda diferencia foi a menor presenza de público con respecto a 2015 e 2011, cando o BNG obtivo as súas dúas primeiras maiorías absolutas -esta é a terceira dun total de catro mandatos consecutivos-, posto que chegaron e mesmo sobraron algunhas sillas na sala. A terceira e última variación con respecto a hai catro anos foi que só falou Secundino. En 2015 o recén reelixido alcalde tivo a deferencia de cederlles unha quenda de palabra aos cabezas de lista das outras dúas formacións, algo que desta vez non ocorreu porque, segundo recoñeceu García ao remate do pleno “pasóuseme por completo”.

O alcalde prometeu o seu cargo utilizando as mesmas palabras que minutos antes lle valeran para ser concelleiro e, a continuación, leu un pequeno discurso no que se comprometeu a continuar levando a cabo “unha xestión pública honesta” baseada, en palabras de García Casal, “no traballo incansable, o diálogo permanente e a proximidade aos verdadeiros problemas dos cidadáns e cidadás”.

O rexedor local debullou a este respecto as liñas mestras do mandato que arrancou hoxe, no que avogará, segundo dixo, pola participación veciñal como “eixo vertebral e transversal” da acción de goberno ao que se lle unen  a aposta por un “Concello aberto, que escoite e dialogue coas diferentes opcións políticas e que antepoña o benestar da veciñanza ás discrepancias ideolóxicas”.  A este respecto, Secundino García pediulles a todos os concelleiros e concelleiras unha colaboración “leal e construtiva” para sacar adiante un proxecto centrado “nos servizos públicos como factor de corrección de desigualdades e garantía dos dereitos sociais, económicos e culturais”, ratificando ademais o compromiso do futuro executivo que el encabezará “coa igualdade, o benestar, a integración e a cohesión social, apostando para iso por uns servizos sociais fortes”.

O alcalde tamén agradeceu na súa intervención o labor “no pasado e nos próximos catro anos” que desempeña o persoal municipal “porque unicamente a súa responsabilidade é garantía para conservar e acrecentar os servizos públicos dos que todos e todas gozamos”. García finalizou asegurando sentir “a maior das honras” por ter recibido de novo “a responsabilidade de ser o voso alcalde”.

De momento só Secundino García ten algún cargo executivo. A el compételle designar as tenencias da alcaldía, as delegacións de áreas e a composición da Xunta de Goberno Local. Aspectos que quedarán definidos esta mesma semana e dos que se dará conta no denominado “pleno de organización”, que se debe convocar nun prazo máximo dun mes. Nese pleno tamén se asignarán as representacións en órganos colexiados, fixarase a periodicidade das sesións ordinarias e quedará definida a composición das comisións informativas e permanentes.

Ademais, antes diso, os tres partidos con representación no Concello aínda teñen deberes, posto que no prazo de cinco días cada formación deberá achegar a solicitude para constituír  grupo municipal, designando ademais quen levará a potavocía.

IMG_7067

De esquerda a dereita: María Belén Trigo, Esther Díaz e José Luís Hermida -PP-; Secundino García, Manolo Varela, Amparo Calvo, Manolo Beceiro, Ana Belén Breixo, Tomás Calvo e Mari Carmen Muíño (BNG); Lois Anxo Rodríguez (PSdeG-PSOE)

Share.