Sebas Rodríguez dá un paso máis na súa faceta audiovisual

0

Sebastián Rodríguez, máis coñecido como Sebas a secas polas súas amizades, é un dos grandes valores do audiovisual local. Participou por primeira vez no Chanfaina Lab en 2016 facendo tándem con outro realizador da casa, Bieito Beceiro, e na edición de 2017 -que agora se está estreando en youtube- asina como director de “Galiñocidio”, onde se xuntan todos os elementos do surrealismo levado ao cine a principios do século XX. Cunha montaxe e unha fotografía coidadas malia a falta de medios técnicos, Rodríguez consegue trasladar a San Sadurniño metáforas saídas dos seus pesadelos que arrecenden ao can andaluz de Buñuel. A curta conta coa fotografía do seu inseparable Beceiro e coa interpretación diante da cámara doutro dos seus amigos, Carlos Martínez. O profesor Manolo González glosa deste xeito en Fálame de San Sadurniño a obra de Sebas:

Sebastián Rodríguez é un mozo de 19 anos e afeccionado ao cinema que participa no Chanfaina Lab como cineasta local por segunda vez. O ano pasado codirixiu con Bieito Beceiro “O libro”, unha historia de terror. Sebas vive na parroquia de Lamas, estuda 2º de Bacharelato Artístico no IES Concepción Arenal e ten moi decidido o seu futuro profesional, orientado cara á creación musical para o audiovisual. De feito, dende a súa marca Moonmusic, compón bandas sonoras para algunhas curtas e grava a grupos musicais de Ferrol e contorna.

Desta volta, Sebastián optou por dirixir a súa peza en solitario, aínda que coa complicidade de dous amigos que teñen colaborado en “Fálame de San Sadurniño”, Carlos e Bieito. A Sebas interésalle de xeito especial o surrealismo, como el mesmo afirma: “É o meu estilo favorito porque é o máis libre. Estaba na miña casa en Lamas con Bieito falando da curta que fixéramos o ano pasado, que a min non me convencía de todo porque tiñamos que adecuarnos ás regras e os códigos do xénero da nosa peza. E eu pensei: ‘este ano vou facer unha película co primeiro que me veña a cabeza’. Nesto entra o meu pai e dime: ‘Hai que darlle de comer ás galiñas’. Así que dixen para min ‘pois vou facer unha curta sobre as galiñas’. E ao día seguinte xa comecei a matinar nunha peza sobre un home que vai matar ás galiñas sen que aparezan galiñas e sen que se realice ningún asasinato. Logo funlle engadindo toques oníricos como por exemplo a persoaxe que interpreta Carlos representando á morte, mais sen significación negativa algunha, pois só pasea polos espazos do filme”.

Aínda que dentro das pezas filmadas parao Chanfaina Lab, abundan os documentais e as miradas de autor, “Galiñocidio” é un intento de aproximación á ficción surrealista, pois todos os planos, encadres, elementos e personaxes do relato non gardan a lóxica tradicional coa que están feitas a meirande parte dos filmes que vemos no cinema e a televisión. Como aconsella o propio Sebas: “O espectador sabe que viu algo, pero ten que ser consciente que non comprendeu nada, algo así como un soño ao espertar, no que non sabes moi ben que pasou polo teu maxín durante a noite”. 

Así pois, a proposta deste cineasta de Lamas é un ingrediente máis a engadir entre a diversidade de estilos e xeitos de filmar cos que están cociñadas as diferentes pezas do Chanfaina Lab. Unha diversidade que neste caso aínda resulta máis interesante por tratarse dun cineasta local que, de seguro, seguirá a desenvolver a súa mirada propia nas sucesivas edicións

 

Share.