Se tes castiñeiros é importante que participes na campaña de erradicación do chancro

0

O chancro dos castiñeiros é unha enfermidade provocada polo fungo Chryphonectria parasitica que mata as árbores e, se non se atalla, acaba rapidamente con plantacións enteiras. Está presente en todo o mundo e en Galicia detectouse hai case medio século. Existen plantas que ofrecen máis resistencia ca outras, pero ningunha está a salvo dunha infección contra a que durante anos se combateu con medidas profilácticas: cortando e queimando exemplares e pólas infectadas, aplicando selantes para as feridas e tendo moito coidado de desinfectar as ferramentas de poda e corta para que non fosen un vector de propagación do fungo. Porén, nin así se conseguiu evitar o seu avance. Agora a Consellaría do Medio Rural ten en marcha un plan de combate alternativo baseado na loita biolóxica, utilizando como arma cepas “hipovirulentas” da chryphonectria que non causan danos nas árbores e que, segundo se agarda, poderían acabar desprazando ás que si son virulentas. Calquera persoa que teña castiñeiros pode participar nesa guerra solicitándolle á Xunta que trate completamente de balde as súas árbores. Para iso só hai que cubrir esta ficha que logo se debe remitir a sanidadeforestal.cmrm@xunta.gal.

O chancro é bo de detectar. O fungo que o causa entra na árbore por calquera pequena ferida que teña na cortiza e, unha vez dentro, vai estendendo o seu micelio -a “raíz”- pola parte interior. Desde fóra vese como a casca vai amarilleando e como aparecen fendas lonxitudinais que acaban abrindo e producindo grandes feridas. Para daquela a árbore xa estará sentenzada, ou case, e só habería a opción de tentar eliminar as partes danadas, incineralas, aplicar unha pasta cicatrizante e cruzar os dedos para que se salve se a infección é pequena.

As medidas culturais baseadas na inspección e na eliminación de partes ou árbores infectadas só deron como resultado nos últimos anos unha certa ralentización do avance do fungo, pero non a súa eliminación da Castanea sativa -o castiñeiro europeo- que é especialmente sensible á enfermidade en contraposición coas especies de orixe asiática, máis tolerantes despois de séculos de evolución natural.

O único que promete dar resultados é a loita biolóxica utilizando cepas do mesmo fungo que son portadoras dun virus que atenúa os seus efectos prexudiciais sobre a árbore. É dicir, a idea é poñer nos pés infectados estas cepas “hipovirulentas” para que lle contaxien o virus ás que si son daniñas, co obxectivo de que cando se reproduzan sexa o fungo bo o que se multiplique en vez de ser o malo.

O plan de actuación contra a Chriphonectria parasitica posto en marcha por Medio Rural ten dividida Galicia en cuadrículas de 16×16 quilómetros onde se aplicará este tratamento experimental -que foi efectivo en laboratorio- en todas aquelas parcelas para as que se solicite e sempre que cumpran cos criterios técnicos de distribución territorial e efectividade. As persoas titulares que se queiran sumar voluntariamente ao programa deben cubrir unha ficha cos seus datos e a referencia catastral da plantación, sexa para froito, para madeira ou para un aproveitamento mixto.

Nos soutos farase unha primeira inspección e logo inocularase o fungo debaixo da cortiza daquelas árbores cun diámetro superior aos 25 centímetros, rodeando os puntos onde haxa presenza de chancro. Non se trata dunha operación sistemática, senón que será o persoal especialista de SEAGA quen decidirá en que zonas e árbores se aplica o fungo, co obxectivo de garantir unha distribución efectiva dos pés menciñados por toda Galicia. Os propietarios ou propietarias deberán comprometerse a manter as masas de castiñeiro onde se dese o tratamento durante alomenos 5 anos.

Ademais de pedir a participación no programa, desde Medio Rural lémbranse as recomendacións habituais para minimizar o impacto do chancro: facer podas na época de menor actividade dos fungos, desinfectar os útiles cada vez que se cambie de árbore e protexer as cicatrices de poda con algunha pasta cicatrizante.

Desde 2011, a Consellaría do Medio Rural foi incrementando o número de inoculacións, pasando das 1.476 nese ano ás 25.218 do ano 2015. En 2017 aproximáronse ás 24.000, en 2018 foron 7.000 e o ano pasado o total de pés tratados situouse nos 19.081. Para este 2020 prevense inocular co fungo hipovírico outros 20.700 castiñeiros.

Parasitos contra a avespiña do castiñeiro
O plan anti-chancro insírese nas actuacións de loita contra as pragas e enfermidades do castiñeiro no 2020, un documento que tamén se refire á avespiña que ataca as pólas desta árbore.

O sistema de combate nese caso fíase na súa totalidade á solta do parasitoide Torymus sinensis. O ano pasado ceibáronse en San Sadurniño cerca de 1.800 exemplares repartidos polas sete parroquias: 280 en Bardaos, 455 en Ferreira, 455 en Igrexafeita, 490 en Lamas, 210 en Naraío, 210 en Santa Mariña do Monte e 140 en San Sadurniño. Na web de Medio Rural de momento non figura información sobre o número de eclosións exitosas.

Documentación descargable en .pdf:
Plan de actuacións de loita contra as pragas e enfermidades do castiñeiro no 2020
Solicitude tratamento experimental cancro 2020
Distribución dos puntos de solta de Torymus sinensis en Galicia (ano 2019)
Total de individuos de Torymus sinensis soltados en 2019, por parroquias
Presentación dos traballos realizados contra pragas e enfermidades dos castiñeiros durante 2019
Distribución dos puntos de solta de Torymus sinensis en Galicia (ano 2018)
Díptico Dryocosmus kuriphilus – “A loita biolóxica contra a avespa do castiñeiro”

 

Share.