Se che falla a tele quizáis sexa cousa do 4G

0

Parece que a cobertura do 4G se está incrementando nos últimos días. Nas webs das operadoras con rede propia -Movistar, Vodafone e Orange- hai mapas interactivos que nos mostran como avanza a implantación na comarca desta tecnoloxía que permite conexións a internet impensables ata hai ben pouco. Porén, estes planos son só unha referenza e non responden á realidade. Está comprobado, por exemplo, que o 4G de Orange está chegando ás zonas altas de Igrexafeita -50mb de descarga e 20 de subida- e, porén, no plano que figura na web só aparecen con cobertura parte dos municipios da ribeira da ría e o concello das Pontes. En calquera caso, o despregamento do 4G ten un pero. E ese pero é que pode afectarlle á recepción da televisión. Iso si, hai amaño e é gratuíto. Abonda con chamar ao 900 833 999 -gratuíto- para que anoten a incidencia e nos envíen un antenista para que nos arranxe o problema sen pagar un peso.

O despregamento da tecnoloxía LTE na banda de 800 Mhz (o 4G) obrigou a mover antes varias canles da TDT para deixarlles libre esa frecuencia ás operadoras de telefonía móbil. Esa liberación quedou completada en abril de 2015 e desde aquela están poñéndose en marcha novas estacións capaces de ofrecer ata 150 “megas” de velocidade de conexión á Internet. Porén, esta fase de posta en marcha pode causar interferencias na recepción do sinal de televisión e de aí que as operadoras puxesen en marcha a entidade llega800, que ofrece información e incluso a instalación gratuíta dun dispositivo que corrixa as interferencias debidas ao 4G.

En teoría, no momento en que se active un repetidor 4G -un “nodo” en linguaxe técnica- que poida causar interferencias nunha zona determinada, llega800 enviará unha carta aos usuarios e usuarias que puideran verse afectadas indicándolles que a partir dese momento poderán solicitar a adaptación da antena para inmunizala ante o 4G. Cómpre ter en conta que a información dispoñible na web de llega800 sinala que a comunicación a recibirá a cidadanía que resida nas “zonas de maior afectación”, o que fai presupoñer que as cartas cheguen antes aos grandes núcleos de poboación que ás pequenas zonas rurais, como é o noso caso.

Por iso, aínda que non recibisemos carta algunha, se notamos interferencias, que deixamos de ver algunhas canles -ou todas- debemos contactar coa entidade a través da web www.llega800.es ou desde o teléfono gratuíto 900 833 999 para que nos manden un/unha antenista e que nos arranxe o problema sen custe. Na maioría dos casos abondará con poñer na antena un simple filtro de frecuencias que blinde a antena de televisión contra as interferencias do 4G.

Unha tecnoloxía revolucionaria
As operadoras están gastando inxentes cantidades de cartos en promocionar o 4G como a tecnoloxía definitiva para a telefonía móbil agora que as táblets e os teléfonos son os dispositivos que máis se usan para acceder á Internet e todos os seus servizos.

Porén, o 4G tamén parece que vén solucionar o retraso que sofren as zonas rurais no acceso a unha banda larga de calidade. De feito, tanto Orange, Vodafone como Movistar xa ofrecen conexión á Internet nos fogares mediante sinxelos enrutadores wifi que levan no seu interior a tarxeta dun móbil. Naqueles puntos onde hai cobertura 4G xa se benefician de velocidades impensables ata hai pouco. Un caso que coñecemos de primeira man é o de Orange en Igrexafeita. Alí ata o ano pasado só cabía a posibilidade de contratar a conexión vía satélite ou polo wimax, en ambos casos por prezos elevados en relación coas velocidades ofrecidas. A recente activación dun nodo de Orange permitiu que nas zonas elevadas da parroquia haxa unha velocidade de descarga de 50 megas e unha de subida de 22, superior incluso á das conexións por cable convencionais. Se non hai 4G, o enrutador tira da rede 3G cuns tamén dignos 8-10 megas de descarga e 2-5 megas de subida. O prezo: 35 euros mes e unha permanencia de 18 meses.

E quen di Orange, di Vodafone ou Movistar, que teñen produtos similares con prezos distintos e tamén con limitacións distintas. Porque, esa é outra, estes paquetes de acceso á rede teñen o pero de que veñen co tráfico mensual limitado. Orange só permite 35 gigas ao mes -máis que dabondo para un uso intensivo que non tire sen xeito nin maneira das descargas de películas, música e programas-, mentres que Vodafone ofrece 50 gigas mensuais de tráfico, aínda que por un prezo máis elevado a menos que se teña contratada tamén unha liña móbil.A día de hoxe, a única opción para ter internet sen fíos na casa sen límite de tráfico e por un prezo asequible é o paquete Hogar 3G de Movistar, aínda que cunha velocidade que non pasa dos 10mb.

Ligazóns de interese
llega800 Para interferencias na televisión.
Mapa de cobertura 4G de Movistar
Mapa de cobertura 4G de Orange
Mapa de cobertura 4G de Vodafone

Share.