Se che falla a TDT, chama ao 900 833 999 de “llega700”

0

As operadoras de móbil con infraestrutura propia -Telefónica, Vodafone e Orange- están inmersas no despregamento das súas respectivas redes 5G para ofrecer servizos de alta velocidade, ao tempo que amplían en certas zonas a dispoñibilidade de acceso ao 4G. O despregamento  implica a activación de novos repetidores que funcionan na banda dos 700 MHz, moi preto da frecuencia que utiliza a Televisión Dixital Terrestre. Por este motivo, a medida que se van acendendo os nodos 5G -ou 4G, que traballan en 800 Mz-, poden producirse interferencias na recepción da TDT, como por exemplo que se conxele a imaxe, que se desfaga en cadradiños ou incluso que deixemos de ver dun día para outro unha ou máis canles. Se se dá esa situación só teremos que chamar ao 900 833 999, o teléfono de llega700, que é a empresa creada polas operadoras para solucionarnos o problema totalmente gratis e, segundo aseguran, nun prazo máximo de tres días laborables. 

llega700.es envioulle ao Concello este xoves o aviso da próxima activación de nodos 5G  na nosa zona, co obxectivo de que advirta á veciñanza sobre a posibilidade de que o acendido produza interferencias na recepción de televisión dixital terrestre (quen a teña por fibra óptica, enrutador móbil ou satélite non ten de que preocuparse).

No caso hipotético de que se produzan interferencias -o acendido non ten por que causalas…ou si- o que se debe facer é instalar un filtro especial, habitualmente á saída da antena, e antes do repartidor que manda o sinal ás distintas estancias da casa. É un aparello moi barato -anda entre os 10 e os 15€- e calquera con coñecementos mínimos podería instalalo sen maior complicación usando un desparafusador e unhas tesouras para pelar o cable.

Porén, para evitarnos este follón e o gasto que conleva está llega700, empresa creada polas operadoras de telefonía que antes, cando se despregou o 4G co mesmo problema sobre a TDT, se denominaba llega800.es.

Llega700 habilitou o teléfono gratuíto 900 833 999 para recoller os avisos de interferencias naquelas zonas afectadas por activacións de nodos, como é o caso de San Sadurniño e doutros concellos que poden consultarse neste mapa.

A liña 900 atende de luns a sábado -agás festivos estatais- en horario ininterrompido de 10 a 21:00h e, unha vez feita a chamada, a empresa asegura que no prazo de 3 días laborables enviará un ou unha profesional que traerá o filtro e nolo instalará totalmente gratis. 

Para ampliar información sobre esta cuestión pódese entrar na súa web, onde tamén hai dispoñible un formulario de contacto por se preferimos mandar aviso por este medio e que sexa llega700 quen nos chame por teléfono.

Navegación móbil 10 veces máis rápida
Na comunicación que lle enviou llega700 ao Concello fálase dunha “próxima” activación de repetidores cuxos prazos dependen do plan de despregamento que teña cada compañía, pero o certo é que a icona de cobertura 5G xa apareceu hai uns días en zonas de Naraío e Igrexafeita naqueles móbiles compatibles que usan a rede de Vodafone. Sendo así, cabe supoñer que a nova tecnoloxía xa estea chegando a outros puntos do municipio e que en breve tamén activen os seus nodos Orange e Telefónica, se non o fixeron xa.

A irrupción do 5G significa unha mellora considerable no acceso á rede desde os dispositivos móbiles, posto que ademais de permitir un maior fluxo de datos -teoricamente ata 100 veces máis que o actual 4G-, a tecnoloxía tamén ten maior cobertura e unha maior capacidade de traspasar paredes, sen contar que é a elixida para asentar definitivamente a chamada “Internet das cousas” na que todo estará interconectado, tanto dentro como fóra da casa.

Nunha proba de velocidade que fixemos o mércores á tarde en Vilarxá -Naraío-, o medidor testdevelocidad.es indicou 206 “megas” de descarga e 86 de subida, cando antes, co 4G, o máximo que se conseguían eran uns 15-20 megas de descarga e uns raquíticos 8 de subida no mellor dos casos.

É dicir, segundo a proba -feita cun móbil Vodafone e sen valor técnico nin científico- o 5G ao que teremos acceso multiplicaría por 10 a velocidade de navegación dos nosos teléfonos móbiles. Isto tradúcese en descargas máis rápidas, nunha navegación máis fluída e tamén en maior velocidade no envío de correos, fotos, vídeos e outros arquivos.

Ademais, aquelas persoas que se conecten a internet co ordenador utilizando o móbil como enrutador tamén notarán que youtube carga máis rápido, que o acceso a webs é instantáneo, que a rodiña de Netflix non queda pensando un cacho no medio dunha película, que se pode xogar en grupo ao Call of Duty sen recibir un tiro por culpa dos retardos e, en xeral, que “andar por internet” é unha experiencia moi próxima á de quen ten a sorte de dispor de fibra óptica.

Podería ser o 5G aínda máis rápido? Si, podería, posto que a tecnoloxía o permite e está pensada para ofrecer velocidades de descarga e de subida moi superiores. Porén, unha cousa é o que pode facer o 5G e outra moi distinta ata onde van deixar as operadoras que ese potencial chegue á maioría de persoas usuarias.  Quen teña un móbil relativamente recente gozará do 5G sen que lle suban a tarifa, pero as súas virtudes  non parece que vaian ser un “café para todos”, senón que todo apunta a que, unha vez estea implantado, haberá servizos de conexión á carta con velocidades adaptadas ao que cadaquén precise, para que o precise e o que poida pagar.

Share.