Santa Sabela e o Río Castro protagonizan unha das fins de semana máis intensas do ano

0

Todo está a punto xa para vivir unha fin de semana de festa en San Sadurniño que este ano terá -alomenos o sábado- dous puntos de atención. E é que nese día volven cadrar o día grande de Santa Sabela en San Sadurniño e o Festival do Río Castro en Naraío, que sempre se celebra o primeiro sábado de xullo. As festas principais da parroquia organizadas pola asociación cultural AC/DZ ofrecen un programa salferido de música e eventos paralelos durante tres días, desde o venres ata o domingo á noite cando actuará fronte ao CPI a banda de Joaquín Sabina. En Naraío a asociación veciñal O Castelo presenta para o sábado un cartel adaptado a todas as idades que terá como protagonistas da parte musical á Gramola Gominola, a Pesdelán, a Zurrumalla, aos Cuchufelhos e a Quempallou. Quen poida e queira que vaia pensando a ver como fai, porque haber hai onde escoller.

O arranque da fin de semana producirase na noite deste venres 1 de xullo no patio do colexio cunha sesión suave a xeito de quecemento de motores. A comisión de festas de Santa Isabel programou para as 22.30h. os concertos do dúo Sanjurjo & Dopico, do grupo local Labanda de Cletus e o de Pablo Balseiro, que ofrecerá as súas “Per-versións” de pezas ben coñecidas de todos os tempos.

Ao día seguinte, o sábado 2, a festa arrancará coas tradicionais alboradas e coa misa -12.30h.- previa á sesión vermú animada a iso das 14.00h. pola orquestra Shugar que se encargará tamén da verbena da noite. Entremedias, ás 18.30h., disputarase o tamén tradicional partido de fútbol entre persoas solteiras e casadas.

O domingo 3 é o día que máis actividade condensa nas festas de Santa Sabela deste ano. Volverá haber misa e procesión a partir das 12.30h. cunha destacada compoñente musical, posto que a misa cantarana as corais de Lamas e San Sadurniño e, ao remate dos actos litúrxicos, haberá un pequeno concerto da Banda municipal de Ferrol. A sesión vermú correrá por conta da orquestra Os Breogáns, que repetirá pase no peche da noite. E é que o domingo a verbena será un tanto distinta. Abrirá ás 22.30h. a mítica banda de Ferrolterra Los Zares recordando os títulos dos 60 e 70 cos que tanta fama colleitaron na época e cos que seguen facendo bolos por toda a comarca.

Pereira e compañía cederanlle o escenario a Pancho Varona, Antonio García de Diego, Mara Barros e ao resto da banda que acompaña a Joaquín Sabina nos seus concertos. Traerán o espectáculo Noche Sabinera no que repasan o repertorio do ubedeño e no que mesmo ofrecerán ao público a posibilidade de subir ao escenario -previa inscrición- para cantar canda eles as pezas máis coñecidas de Sabina.

A programación do domingo complétase cunha actividade paralela de tarde: a VII Exhibición de Danza e Rítmica do Club Brío, diante do posto da Garda Civil a partir das 18.30h.

A asociación cultural AC/DZ, organizadora das festas deste ano, conta coa colaboración da Confraría de San Pipote de Bardaos, do Concello de San Sadurniño e do Concello de Ferrol, ademais de varias firmas comerciais.

Curiosidade: unha santa que non é a patroa e que se celebra fóra de día
A patroa de San Sadurniño é a Virxe do Rosario e non Santa Isabel, como moita xente pensa. De feito, na igrexa parroquial non houbo imaxe da santa ata que o ano pasado se incorporou ao enxoval do templo unha talla policromada do artista Carlos García.

A cousa ten a súa explicación. O que se celebrou de sempre en San Sadurniño non foi Santa Isabel, senón a tradición bíblica da visita que esta lle fixo á súa curmá María cando ambas estaban embarazadas, a primeira de Xoán o Bautista e a segunda de Xesús. Desde o século XIII a “Visitación” tiña no 2 de xullo o seu día oficial dentro do calendario litúrxico. Pero en 1969 o papa Paulo VI decretou a modificación do calendarium romanum generale e a festividade pasou oficialmente para o 31 de maio. Algo que non lle impediu a San Sadurniño, igual que a outras moitas localidades, seguir mantendo o día da celebración no 2 de xullo. A confusión entre santas e celebracións mantense hoxe -especialmente entre as xeracións máis novas- alimentada quizais pola proximidade do día de Santa Isabel de Portugal -4 de xullo- que nada ten que ver coa festividade local nin tampouco coa “Visitación”.

O sábado, XXIII Festival do Río Castro
Pero deixemos a un lado as curiosidades da liturxia e centrémonos agora no segundo grande evento da fin de semana: o Festival do Río Castro que se celebra o sábado en Naraío. A asociación veciñal O Castelo repite o esquema que tan ben lle funcionou nas últimas 22 edicións, xuntando un encontro coa música tradicional e a actualización do folk co ambiente propio dunha romaría campestre dirixida a todas as idades pero cunha marcada orientación á infancia durante a tarde.

As merendadas irán asentándose ao longo da mañá no campo da Bóla, ao pé do río Castro e da ponte románica dos Andrade. Porén, as actividades arrancarán sobre as 15.00h. cunha chea de xogos -peóns, rás, zancos, etc.- traídos pola Asociación Galega do Xogo Popular e Tradicional para que cativería e xente adulta baixe o xantar sen moito apuro mentres contribúen a preservar os divertimentos de toda a vida.

A música para os máis pequenos e pequenas comezará ás 17.30h. coa actuación d’A Gramola Gominola, que ten preparado un espectáculo interactivo con moito baile a ritmo de rock.

Cando rematen, sobre as 19.00h., tocaralle a quenda de novo á AGXPT para coordinar as sempre concorridas e competitivas probas de deporte rural, que se disputarán a tres disciplinas separadas: chave por equipos, tronzador en parellas -unha persoa teríao difícil e máis de dúas son multitude- e, por último, tiro á corda tamén por equipos.

O campionato rematará sobre as 21.00h. co tempo xusto para repoñer forzas e prepararse para os concertos da noite que este ano serán responsabilidade de catro grupos de luxo. A partir das 22.30h. axudaranos a facer a dixestión da cea o grupo de música e baile participativo Pesdelán. Despois subirá ao escenario a formación viguesa de música tradicional Zurrumalla e a segunda e última parte da noite estará cuberta por dous dos grupos máis potentes do folk galego: Os Cuchufelhos e Quempallou.

O XXIII Festival do Río Castro está organizado pola Asociación Veciñal O Castelo de Narahío, que conta coa colaboración da parroquia na cesión de terreos e na loxística e, na parte financeira, coa Cooperativa de Meirás, o Concello de San Sadurniño e, segundo se agarda, tamén da Deputación da Coruña a través da convocatoria de subvencións para festivais de música tradicional.

Por último cómpre lembrar que, despois de tanta troula, teremos o luns para descansar, xa que é festivo local. Quen poida que o aproveite.

 

 

Share.