Sant Pere i Sant Pau, primeiro equipo na final da X Copa Príncipe

0

O Sant Pere i Sant Pau de Tarragona acaba de meterse na final da X Copa Príncipe que se disputa este sábado e mañá domingo en San Sadurniño. O equipo catalán impúxose por 3 sets a 0 ao Universidad de Valladolid nun encontro en que só ao final se viu lixeiramente apretado, anque sen poñerse en dúbida en ningún momento que tiña todas as papeletas para levar o partido con facilidade. Ás 20.00h. xógase a segunda semifinal entre o equipo anfitrión, o Aldebarán-Intasa, e o CV Leganés.

Os tarraconenses marcaron desde o principio a diferenza no xogo. Practicamente sen erros na posición sobre a pista, deixando escasos ocos e facendo gala, quizais, de maior pillería na rede, conseguiron liquidar o primeiro set en menos de 20 minutos e cun marcador que quedou 25-16 (eles xogaban como locais).

O segundo set sería algo máis igualado ata os 10 puntos. Iso si, sempre co Universidad de Valladolid a rebufo dos cataláns. A partir de aí  o Sant Pere apretou o acelerador combinando deixadas na rede e golpes arrentes do fondo da cancha que lle valeron librar este parcial por 25 a 19.

O terceiro e definitivo set sería outra cousa. Os de Valladolid colléronlle o truco aos cataláns e prestáronlle máis atención á defensa na rede ante os toques mortos que tan bo resultado lle deran ao Sant Pere nos anteriores parciais. Iso, maior efectividade no saque e no remate e unha mellor situación no campo fixeron que, por primeira vez en todo o partido, o Universidad conseguise -fugazmente- adiantarse nun marcador que avanzou certamente máis lento e máis xusto ata ben pasada a quincena de tantos.

Non lles foi nada, encarando a vintena o Sant Pere volveu apretar firme e empezou a marcar diferenzas, ata chegar ao 25-20 co que remataría o partido.

Agora tócalle ao Aldebarán-Intasa e máis ao CV Leganés medirse na cancha do pavillón municipal de San Sadurniño. Os da casa xogan o pase á final e, por suposto, a oportunidade de facerse coa súa segunda copa consecutiva. Algo que ninguén fixera até o momento.

Share.