Sansadurnino.gal é desde hoxe canle de referenza informativa do Concello

0

Día 17 de maio. Día das Letras Galegas e tamén Día Internacional de Internet e das Telecomunicacións. Unha coincidencia que nos leva a darlle o empurrón definitivo á web sansadurnino.gal que desde hai algúns meses viña compartindo espazo na rede con sansadurnino.es, o sitio antigo do Concello que hoxe deixará de actualizarse, aínda que permanecerá activo durante algún tempo para empaquetar os seus contidos de cara a que sigan sendo accesibles no futuro. Sansadurnino.gal presenta un deseño máis moderno, cos contidos máis accesibles e adáptase a calquera dispositivo de navegación. Ademais tamén permite crear novos apartados dun xeito máis doado de cara a adaptarse con maior axilidade ás necesidades informativas do Concello.

Outra das novidades que incorpora a nova web é a de poder compartir directamente os contidos e practicamente calquera aplicación social, unha posibilidade que lle facilitará ao usuario ou usuaria compartir e enviar contidos á súa rede. De feito, as redes -especialmente o facebook e o twitter- son os principais vehículos de comunicación e intercambio de noticias, mentres que as webs convencionais cumpren o cometido de ser repositorios de información ordenada e sempre á man que non dependa da rede social de moda nin tampouco do seu time-line.

San Sadurniño levaba usando a web sansadurnino.es desde 2007. Un tempo no que foi medrando e no que se fixeron patentes as súas limitacións técnicas desde o punto de vista comunicativo, acentuadas pola irrupción das redes, dos novos dispositivos móbiles e tamén dunha maneira distinta de acceder á información. Esa foi a razón que levou ao Concello a levar adiante unha nova versión en 2015 con finanzamento da Deputación da Coruña. Unha versión á que se lle fixeron varios cambios e se lle foron incorporando contidos nos últimos meses ata quedar co aspecto e as funcionalidades actuais que, con todo, continuarán mellorándose e cambiándose constantemente.

A maiores do deseño, a nova web presenta os seus contidos dun xeito máis ordenado e intuitivo para o usuario ou usuaria. De feito, sansadurnino.gal ten menos apartados que sansadurnino.es e, aínda así, ten máis información dispoñible. Entre os apartados máis útiles encóntrase o redeseño das axendas, que agora empregan a tecnoloxía de Google Calendar e que se poden sincronizar con teléfonos móbiles ou ordenadores para que o usuario ou usuaria programe alertas daqueles eventos que lle interesen.

A web incorpora, ademais, un formulario de contacto que agora permite incorporar arquivos adxuntos e mesmo as coordenadas de Google Maps de cara a comunicar incidencias. Con todo, o apartado non substitúe a efectos legais á Sede Electrónica, o Perfil de Contratante e ao Punto de Entrada de Facturas Electrónicas, que están xestionados por persoal funcionario e aos que só se pode acceder con certificado electrónico.

Sansadurnino.gal quere ser unha web en constante mellora e crecemento. De aí que o sitio tamén estará dispoñible noutras linguas e irá incorporando máis contidos -sobre todo imaxes e recursos visuais- pouco a pouco. Se calquera usuario ou usuaria detecta algún erro ou quere facer algunha suxestión de mellora, pode facérnola chegar desde aquí.

Share.