“Sansa”, canon visual da man de Cristina de La Torre

0

“Sansa” non é se unha ficción -aínda que si o sexa- nin tampouco dun documental -aínda que si cumpra co requisito de captar a realidade-, senón máis ben outra cousa distinta… e experimental. E é que a valdeorresa Cristina de La Torre percorreu o territorio captando intres como un pleno municipal, unha voda, unha misa de domingo, o xantar do propio Chanfaina e un partido de fútbol, que se mostran tal e como son, pero cos audios encabalgados. É dicir, o son dunha escena mantense sobre outra ou incluso cámbiase por completo para construír unha realidade nova que pode causar reaccións no público como a risa ou a estupefacción. Na música, o desfase temporal de dúas ou máis voces denomínase canon. Iso é o que fai de La Torre, unha composición canónica onde o peso -o dux, en termos musicais- o leva a imaxe e o comes -a voz secundaria- póñena os ambientes. Da peza e da súa autora hai un amplo comentario do profesor Manolo González en Fálame de San Sadurniño. Reproducímolo íntegro:

Cristina de la Torre (1977, A Rúa, Ourense) é licenciada en Historia, con Máster en Medios de Comunicación. Ten traballado en prensa escrita, radio e televisión como xornalista. Dende hai uns anos adícase á consultoría de comunicación e a produción audiovisual. No 2007 dirixiu o seu primeiro documental “Apartado 12”, e no 2016 estreou “Santoalla”, documental estadounidense do que é produtora. Realiza contidos corporativos e numerosos proxectos audiovisuais en centros educativos por toda Galicia como por exemplo “A lus do Mundo”. No 2014 comisariou a exposición “Unha insua para Díaz Castro” para a Deputación de Lugo e no 2017 coordinou o proxecto de memoria histórica na Coruña,“Pantasmas de Oza”. Na súa web ou na canle “la mujer forzuda”, pode consultarse a súa longa traxectoria creadora en proxectos sociais, culturais e educativos.
A hiperactiva Cristina achegouse a San Sadurniño sen unha idea preconcibida. Confiaba -e con razón- no seu agudo olfacto como xornalista e experimentada documentalista para topar un fío do qué tirar: “Cando cheguei a San Sadurniño non sabía que historia ía contar. Apenas coñecía o lugar ou ás súas xentes, e tampouco son unha narradora especialmente poética ou trascendente. Así que nas primeiras horas na vila fixen o que máis me gusta: mirar, escoitar e conversar. Desa conversa saíu un plan de rodaxe que saltaría do Concello ó campo de fútbol e dalí a unha igrexa. O nexo tíñao claro, as persoas precisamos reunirnos para celebrar cousas, compartindo experiencias, emocións e ideas. E niso, o rural creo que é máis vivo que o mundo urbano, xa que nos pobos todos os rostros teñen nome, dirección, familia e traxectorias que recoñecemos. Así que durante os dous días da Chanfaina Lab fun de templo en templo, colándome como unha espectadora máis, confiando en que a miña intuición xornalística me axudara a colocar o móbil e a gravadora no lugar e momento adecuados. Na montaxe atopei que efectivamente, naqueles oito xigabytes de imaxes conseguira atrapar un anaco da vida de San Sadurniño tal e como o quería contar.”

SANSA” é un documental orixinal e divertido no que Cristina rexistra ata cinco eventos “sociais” da intrahistoria dunha fin de semana en Sansa: unha voda civil, o pleno municipal dos sábados, a misa dominical de Naraío, un partido de fútbol e o xantar de cineastas do Chanfaina ‘Lab en Bardaos. A alteración dos tempos na montaxe e os audios encabalgados nos diferentes eventos, vanlle engadindo sorprendentes significados e lecturas a canto vemos ou escoitamos, mais sempre dende o respecto e agarimo: “Sempre me fascinaron as cerimonias, de calquera tipo, como se puidera miralas coa distancia dun alien, analizando os xestos, a retórica, a disposición, o lugar… E esta peza audiovisual é un exercicio narrativo que trata de que o espectador comparta esa experiencia, a de mirar unha voda, unha misa ou un pleno con certo estupor. A traveso dunha sinxela manipulación na montaxe, penso que “SANSA” pode espertar desconcerto e sorrisos a partes iguais, aínda que cun profundo respecto e cariño polo pobo que nunha fin de semana de setembro foi a miña casa”.

Así pois, invitámosvos a disfrutar dun divertido paseo pola fin de semana en Sansa da man retranqueira de Cristina de la Torre. De seguro que vos sorprenderá a creatividade, orixinalidade e frescura narrativa da cineasta valdeorresa, ademais de provocar como mínimo un par de sorrisos, que boa falta fan nos tempos que corren.

Share.