Sanidade pecha Fene, Ferrol, Neda e Narón

0

A área formada polos concellos de Fene, Ferrol, Neda e Narón ten restrinxida a entrada e saída de persoas desde as 15.00h. de hoxe e, ademais, neses catro municipios da ría -incluídas as súas parroquias- só poderán reunirse grupos de persoas que vivan xuntas, tanto en espazos públicos como privados. A medida anunciouse hoxe a media mañá en rolda de prensa e publicouse a iso das 14.45h. no Diario Oficial de Galicia e, tal e como informou a Consellaría de Sanidade, adóptase como reforzo preventivo ante os desprazamentos entre as cidades e o rural agardados para esta fin de semana con motivo de Santos, Defuntos e o Samaín.  Na área sanitaria de Ferrol -en especial nos municipios en nivel de alerta vermella- é onde se rexistrou un maior incremento de contaxios, con 284 positivos detectados na última semana, 757 casos de infección activa e 24 persoas hospitalizadas das que 6 están na UCI. Polo tanto, as persoas residentes en Fene, Ferrol, Neda e Narón non poden saír dos seus concellos salvo nas circunstancias previstas no decreto da Xunta, pero tampouco nós, que vivimos en San Sadurniño, podemos desprazarnos a eses concellos -nin sequera a Pedroso, Doso ou Anca- a menos que sexa polos mesmos motivos exceptuados na normativa.

Entre eses motivos que si permiten entrar ou saír nos concellos pechados estarían os seguintes: ir a centros e establecementos sanitarios; acudir ao traballo ou facer desprazamentos para cumprir obrigas profesionais, empresariais, insitucionais ou legais; asistir a centros universitarios, docentes e educativos -incluído traer e vir buscar os nenos á escola ou á EIM A Rolada-; volver ao lugar de residencia habitual ou familiar (a Xunta recoméndalles aos universitarios de zonas pechadas que esta fin de semana queden onde estean estudando); acudir prestarlle asistencia a maiores, menores, dependentes, persoas con discapacidade ou vulnerables; ir ao banco, axencias de seguros ou estacións de servizo en territorios limítrofes (desde Pedroso poderían vir botar combustible a Cornide, por exemplo); desprazarse por actuacións requiridas ou urxentes ante órganos públicos, xudiciais ou notariais; a renovar permisos, facer exames e outros trámites administrativos inaprazables; por causa de forza maior ou situación de necesidade e, por último, calquera outra actividade “de análoga natureza” debidamente acreditada.

Atendendo a estas excepcións non estaría permitido ir visitar familiares nos municipios en nivel vermello nin tampouco que eles nos veñan visitar a nós. Ademais dos territorios xa mencionados tamén están na mesma situación o resto de grandes cidades galegas e parte dos seus concellos limítrofes. Por iso, desde hoxe  unha persoa residente en Ferrol, Narón, Neda, Fene ou en calquera outro concello pechado non podería vir a San Sadurniño honrar os seus defuntos ao cemiterio e, ao revés,  ningúen de aquí podería ir poñer flores ou limpar nichos a camposantos situados neses municipios, posto que non se trataría dun desprazamento exceptuado na normativa nin tampouco unha causa de forza maior.

En canto aos movementos, cómpre sinalar que si podemos pasar por eses municipios en tránsito cara a outros lugares e que, tamén importante, a mobilidade para os seus habitantes non está limitada dentro do perímetro dos territorios pechados. Por exemplo, a xente de Pedroso pode ir a Ferrol, a Neda, ou a Fene, pero non pode vir a San Sadurniño ( salvo as excepcións, etc, etc.)

En Fene, Ferrol, Neda e Narón, só grupos de persoas convivintes
A outra limitación publicada no DOG para eses municipios da ría refírese á prohibición de que se xunten en espazos públicos e privados as persoas que non vivan na mesma casa, salvo por motivos de asistencia e coidado a maiores, menores, dependentes ou persoas con discapacidade, ou por causa de forza maior ou situación de necesidade. Tampouco se aplicará no caso de actividades laborais, institucionais, empresariais, profesionais, administrativas, educativas e na práctica de deporte federado, sempre que se adopten as medidas previstas nos correspondentes protocolos de funcionamento.

Dentro deses ámbitos en nivel 3 de alerta hoxe non se estableceron novas restricións para a hostalaría e o comercio máis aló das que xa estaban activas: capacidade máxima dun 50%, prohibición de atender en barra e tope de ocupación dun 75% das mesas das terrazas, onde agora, nos concellos pechados, só poderán sentar persoas convivintes.  As medidas excepcionais publicadas no DOG -en vigor desde hoxe ás 15.00h.- manteranse activas ata que a situación epidemiolóxica e sanitaria permita modificalas ou levantalas. No diario oficial sinálase que se revisarán nun período máximo de 7 días.

San Sadurniño segue en nivel 0, por agora
San Sadurniño continúa en nivel de alerta 0, segundo os datos diarios que publica o SERGAS a través da súa web, os únicos dos que dispón o Concello e que calquera pode consultar a través desta ligazón. Os mapas indican que nos últimos 14 días se confirmaron por PCR “menos de 14 casos” dos cales “menos de 7” rexistráronse na última semana. Ese é o único dato oficial, xa que en Galicia -a diferenza doutras comunidades- a Xunta só dá cifras globais, pero non información sobre números exactos nin posibles focos de contaxios.

De acordo con este nivel -que pode cambiar en calquera momento a peor, hai que telo presente- no noso concello seguen aplicándose as mesmas normas dos últimos días. Recordámolas:

1. Toque de queda entre as 23.00 e as 6.00h.: as persoas unicamente poderán circular polas vías ou espazos de uso público para a realización de, entre outras, as seguintes actividades: merca de medicamento, produtos sanitarios e bens de primeira necesidade; asistencia a centros e servizos sanitarios; levar animais ao veterinario por razóns urxentes; o cumprimento de obrigas laborais, profesionais, institucionais ou legais; a volta ao lugar de residencia tralo desenvolvemento dalgunha das actividades permitidas; acudir coidar maiores, menores, persoas dependentes e/ou discapacitadas ou nunha situación de vulnerabilidade; calquera outra circunstancia de forza maior ou necesidade debidamente acreditada. Tamén se autoriza a repostaxe en gasolineiras ou estacións de servizo durante ese intervalo horario cando resulte necesario para calquera das actividades anteriores.

2. Restricións dos grupos en espazos públicos e privados a un máximo de cinco persoas, excepto no caso de persoas que vivan xuntas. A restrición non se aplicará a actividades laborais, empresariais, profesionais e administrativas, centros de ensino e ocupacionais, sempre que se adopten as medidas previstas nos seus protocolos de funcionamento. En territorios cunha alta incidencia, as autoridades sanitarias poden adoptar restricións maiores, como ocorreu hoxe con Ferrol e o resto de municipios da súa área.

Cómpre lembrar que, para evitar aglomeracións nos cemiterios durante as datas de Santos e Defuntos, a Xunta tamén puxo como tope grupos máximos de 4 persoas convivintes e limita a estadía no camposanto a non máis de 30 minutos.
3. Vida social e comunitaria.
En Galicia tamén se adoptaron hai xa varios días novas medidas restritivas en canto a capacidades de actividades en espazos públicos ou abertos ao público. Suspéndense as festas (olliño con armar  “jalogüins” privados, salvo persoas convivintes, claro) e verbenas e débese lembrar que desde o pasado mes de agosto está prohibido o consumo de alcol na vía e nos espazos públicos.
  • Hostalaría e restauración: no interior dos locais, unha ocupación máxima do 50%. Non se permite o consumo en barra. Nas terrazas ao aire libre, limitación ao 75% das mesas. A ocupación máxima será de 5 persoas por grupo, respectando a distancia mínima de seguridade interpersoal entre elas. A máscara só se pode retirar exclusivamente no momento da consumición. Deberán adaptar os seus horarios ao toque de queda.
  • Comercio, centros comerciais, autoescolas e mercados ao aire libre: todos os establecementos comerciais quedan limitados ao 50% da súa capacidade. Nos centros e parques comerciais non se poden utilizar os espazos comúns. Os mercados ao aire libre non poderán superar o 50% dos postos habituais.
  • Parques infantís, parques biosaudables, zonas deportivas ou espazos ao aire libre similares con limitación de capacidade: non se deberá sobrepasar en ningún momento un máximo estimado de unha persoa por cada catro metros cadrados.
  • Lugares de culto, velorios, enterros e cerimonias: os recintos dedicados ao culto relixioso non poderán sobrepasar o 50% da súa capacidade. Nos mortorios limítase a asistencia a 10 persoas en cada momento en espazos pechados e a 25 en espazos abertos. No caso de enterros ou despedidas de cremación, máximo 25 persoas entre familiares e achegadas. As celebracións nupciais non poderán sobrepasar as 50 persoas en espazos pechados ou as 100 ao aire libre.  Os convites posteriores rexeranse pola normativa da hostalaría.
  • Actividades deportivas non federadas: en instalacións ao aire libre a actividade pode ser individual e colectiva, sempre sen contacto físico e como máximo 5 persoas de forma simultánea, sen contar o monitor. En instalacións cubertas, tamén grupos de ata 5 persoas, sen contar o monitor, e sen superar o 50% da capacidade máxima permitida. Nas piscinas non poderá sobrepasarse o 50% da súa capacidade e a máscara só se poderá quitar para o baño, pero terá que levarse posta nos desprazamentos interiores. Duchas e aseos en instalacións deportivas terán que usarse de maneira individual. O emprego da máscara na práctica deportiva e de actividade física só se exceptúa en deportes con pistas específicas -tenis, pádel, squash, polideportivas- e exclusivamente durante a realización desas actividades. Nos ximnasios hai que levala posta en todo momento (o de San Sadurniño permanece pechado ao público).
  • Eventos deportivos, adestramentos e competicións con público: o público sempre ha de estar sentado, non se superará o 50% da capacidade  e establécese o límite xeral de 60 persoas en lugares pechados e 150 se se trata de actividades ao aire libre.
  • Auditorios, bibliotecas, salas de exposicións: 50% da súa capacidade e límite máximo de 60 persoas en espazos pechados ou 150 ao aire libre. As visitas guiadas e outras actividades en grupo estarán limitadas a un máximo de 5 persoas, sexan ou non convivintes, incluído o monitor ou guía.
  • Congresos, eventos e actos similares: máximo 50% da capacidade permitida e límite máximo de 60 persoas nos espazos pechados e 150 ao aire libre. Este límite será de aplicación para reunións profesionais, xuntas de comunidades de propietarios e outros actos semellantes.
Por último, cabe recordar unha vez máis as recomendacións xerais e outras obrigas que se veñen aplicando desde hai semanas:
  • Distanciamento de 1,5 metros con respecto a outras persoas.
  • Máscara obrigatoria a partir dos 6 anos, que ha de ir correctamente colocada e non ter válvula exhalatoria. A máscara deberase manipular o menos posible e, de ter que facelo, sempre coas mans perfectamente limpas.
  • Hixiene frecuente de mans: lavalas a conciencia con abundante auga e xabón e utilizar sempre que se poida solucións desinfectantes para uso cutáneo ou xeles hidroalcólicos. Débese evitar tocar os ollos, o nariz ou a boca.
  • Hixiene respiratoria: non quitar a máscara para esbirrar ou tusir. Se estamos na casa sen ela, tapar o nariz e a boca cun pano desbotable ou facelo contra o interior do cóbado.
  • Prohibido fumar/vapear en lugares públicos a menos de 2 metros doutras persoas.
  • Se notamos algún síntoma coincidente cos da COVID-19, debemos quedar na casa -igual que no caso de ter un contacto estreito cun positivo por coronavirus- e informar ás autoridades sanitarias chamando ao 900 400 116, nunca acudir directamente ao centro de saúde. Os síntomas da enfermidade son os seguintes:  febre, calafríos, tose, sensación de falta de aire, diminución do olfacto e do gusto, dor de gorxa, dores musculares, dor de cabeza, debilidade xeral, diarrea ou vómitos.
  • Ás anteriores úneselle a recomendación de vacinarse contra da gripe polas seguintes razóns: a gripe estacional pode ser grave por si mesma e combinada coa COVID-19 pode ter consecuencias fatais. Ademais, a vacinación tamén é fundamental para reducir a sobrecarga do sistema sanitario nun momento en que fai falla dispor de camas libres e outros recursos para atender o agravamento da pandemia.
Share.