San Sadurniño votará o xoves os orzamentos municipais e a distribución do POS+

0

O Concello celebrará o próximo xoves 16 de febreiro ás 19.30h. un pleno de carácter extraordinario que inclúe dous puntos principais na orde do día. O primeiro deles será a aprobación dos proxectos e actuacións que se financiarán con cargo ao Plan Único de Concellos POS+ 2017 do que San Sadurniño percibirá algo máis de 625.000 euros, ademais das baixas que se xeren nos procesos de contratación de obras ao longo do ano. O segundo asunto e tamén o de maior envergadura é a avaliación por parte da corporación do cadro dos orzamentos, que presentan unhas previsións e ingresos cifradas en 2.735.000 euros e unha estimación de gastos que ascende a 2.695.000. As liñas mestras das contas para o presente ano atenden ao “fortalecemento” das políticas sociais, o mantemento de infraestruturas e o “reforzo” das actuacións en materia de desenvolvemento local e promoción económica.

O goberno local apunta a que o documento está pensado “para intentar minimizar os efectos dunha situación de crise económica estrutural […] sen moita solución a curto e medio prazo”. Neste sentido, a contextualización dos orzamentos para 2017 fala  dunhas contas elaboradas “con moita prudencia” por mor da “imposición” estatal dunha regra de gasto “abusiva para os entes locais”.

Con este punto de partida as contas presentan números que son un 1,5% inferiores nos ingresos con respecto a 2016 e tamén 83.000 euros máis baixos no referido a gastos que, malia todo, permiten preservar a prestación dos servizos públicos fundamentais e “conxelar un ano máis” todos aqueles impostos e taxas de competencia municipal. De feito, en 2017 baixa un 0,24% a previsión de ingresos do IBI -a “contribución”- e tamén baixa nun 1,35% a previsión referida ao IVTM.

A grandes trazos, arredor do 20% dos gastos van para acción social en materia de igualdade e benestar, elévase até un 31% o apartado de gasto corrente onde, ademais dos custes de funcionamento municipais, tamén se inclúen as achegas ao tecido asociativo, as bolsas de estudo e as achegas para servizos de conciliación, que en 2017 chegarán aos 71.000 euros. Desde o goberno destácase que o capítulo 6, o dos investimentos reais, se sitúe preto dos 630.000 euros -o 23% do total orzamentario- destinados a obras e servizos. Algo que “non é o máis común nos tempos que corren”, tal e como se puntualiza na introdución dos orzamentos.

No tocante a gastos tamén destaca a partida de persoal.  Son 1.130.000 euros, o 42% do total do orzamento e un 5,42% menos que o ano pasado. Este apartado adoita ser tamén un dos puntos máis criticados pola oposición. Sobre isto o goberno lembra que “practicamente todos os servizos públicos se prestan con persoal propio” e engade que “merece especial atención” o gasto en asistencia social, que se achega aos 400.000 euros en salarios da vintena de profesionais do servizo de axuda no fogar e do persoal xestor da área de Servizos Sociais.

Votación da distribución do POS+
Ademais dos orzamentos municipais, nesta sesión extraordinaria do pleno tamén se someterá a consideración da corporación a proposta de distribución do Plan Único de Concellos POS+ 2017. Este plan provincial agrupa programas anteriores como o POS, o PAS ou o PAI, xuntando todos os fondos en tres apartados que, no caso de San Sadurniño, ascenden en conxunto a 625.034€.

Esta contía divídese nunha achega de 274.000 euros asignada con criterios similares aos do antigo Plan de Obras e Servizos, outra de case 169.000 procedente de remanentes económicos do orzamento provincial de 2015 e, por último, unha cercana aos 181.600 euros en forma de crédito sen xuros coa mesma finalidade que tiña o Plan de Aforro e Investimentos.

San Sadurniño aproveitará as dúas primeiras partidas e só 51.000 euros da opción crediticia para manter o equilibrio orzamentario. Deste xeito, o que se leva a pleno son os proxectos e capítulos aos que se destinarán todos eses fondos, tendo en conta que o POS+ lles dá aos concellos máis autonomía sobre como administrar os recursos provinciais.

Neste sentido, os 274.000 euros servirán para financiar o apartado de gasto corrente municipal -alumeados, mantemento eléctrico, tratamento do lixo, etc.- e os 169.000 das baixas do ano pasado máis os 51.000 euros do crédito irán parar a tres grandes proxectos de mellora da infraestrutura viaria, designados como “Pavimentación dos camiños da Fraga-Penalonga-AC861, o  Cancelo-Vilaverde-Brame e outros”, “Pavimentación dos camiños A Veiga, As Calvelas, A Rega e outros” e “Pavimentación dos camiños do Xestal-Filgueiras, Lourido, Riolimpo-Vilarbó e outros”.

Porén, ademais destes, o POS+ tamén sinala que os Concellos beneficiarios deberán aprobar proxectos por un importe máximo do 20% da contía asignada -625.000 euros-, que se executarían na medida en que se xeren baixas nos procesos de contratación das obras mencionadas anteriormente.

Por iso o goberno local tamén leva a pleno  a mellora da accesibilidade de ambas marxes da Avenida Marqués de Figueroa -66.654,33€-, a construción dunha senda peonil en Igrexafeita -cifrada en 44.487,25€- e a pavimentación de varios camiños en Silvalonga e entre A Fraga e Os Pontigos, en Ferreira, cun importe de licitación de 47.941,77€.  A execución destas obras dependerá, polo tanto, da contía que alcance o montante total das baixas, estudando cal ou cales se levarán adiante segundo as prioridades e a adecuación orzamentaria.

Share.