San Sadurniño volverá acoller a Copa Príncipe de volei na primeira fin de semana de xaneiro

0

San Sadurniño converterase en epicentro do volei masculino estatal os días 7 e 8 de xaneiro coa disputa dunha histórica décima edición de Copa Príncipe. O torneo do KO estará organizado pola Federación Galega de Voleibol e contará coa participación dos catro mellores conxuntos da SM2 ao finalizar a primeira volta da Liga Regular en cada un dos dous grupos que a compoñen. Así,  o Aldebarán-Intasa e o Universidade de Valladolid polo grupo A, e Sant Pere i Sant Pau xunto a cvleganes.com no grupo B serán as escuadras que loitarán polo título.

O Aldebarán ten praza por méritos propios e por partida dobre xa que marcha na cabeza do seu grupo e, ademais, será equipo anfitrión. Afrontará un reto inalcanzado até o momento por ningún equipo,  revalidar dúas veces consecutivas a copa que ergueron a comezos deste ano tras vencer ao FC Barcelona.

Diante terá tres rivais que se estrean no torneo, o Universidad de Valladolid, Sant Pere i Sant Pau de Tarragona e o cvleganes.com. Equipos debutantes  os tres que, porén,  poden dar a sorpresa igual que fixo o Sansa a comezos deste ano.

O torneo do KO vai para os dez anos de historia. A primeira Copa Príncipe levouna o FC Barcelona en Cádiz en 2008, inaugurando un palmarés  no que tamén teñen o seu nome inscrito CV Almoradí (2009 e 2013), Club Vigo Voleibol (2010), Voley Guada (2011), CyL Palencia (2012), CV AA Llars Mundet (2014), CV Mediterráneo (2015) e o conxunto local, que defenderá o título logrado  na casa a principios de 2016.

Só un partido perdido
A primeira rolda da temporada demostrou que o Aldebarán vai embalado. Só perdeu un partido e o resto ganounos practicamente todos con autoridade. As novas incorporacións ao cadro e o plus de confianza que lles confire estar xa asentados na SM2 son factores que xogan ao seu favor. Apretaron o sábado pasado fronte ao Universidad de Valladolid -segundo de grupo-, a quen lle arrebataron tres puntos fundamentais para gozar dunha primeira posición folgada no Grupo A.

Hoxe á tarde volven xogar na casa contra o Arona Tenerife Sur -19,30h., Pavillón Municipal- e agardan continuar sumando puntos co apoio dunha afección que hai sete días se volcou co equipo. Con todo, este non será o último partido da volta antes da Copa, xa que o sábado que vén aínda terán por diante o reto de mallar a domicilio no CyL Palencia 2018.

Share.