San Sadurniño volve participar no certame Vilas en Flor

0

A Fundación Juana de Vega promove todos os anos un concurso no que se premia o bo facer dos concellos en canto a paisaxismo e outras medidas que contribúan a mellorar a calidade de vida da veciñanza relacionadas coa integración do “verde” -árbores, zonas axardinadas, etc.- nas súas respectivas tramas urbanas. San Sadurniño participou por primeira vez na iniciativa en 2020, ano no que obtivo unha “Flor de Honra” -o distintivo que acredita as boas prácticas neste ámbito-, e volveu facelo en 2021 dando un importante salto nas valoracións por parte do xurado experto, xa que conseguiu tres flores de honra dun máximo de cinco posibles. Neste 2022 o Concello presentou de novo candidatura co obxectivo non só de revalidar as tres flores, senón de conseguir polo menos unha máis. O pasado venres visitaron San Sadurniño dous representantes da fundación promotora para avaliar os méritos cos que se pretende alcanzar ese obxectivo.

Vilas en Flor é un programa anual que recoñece en forma de galardóns, chamados Flores de Honra, a traxectoria e as accións levadas a cabo polos municipios galegos na mellora e potenciación dos espazos verdes urbanos, a súa xestión sustentable, a educación ambiental e a concienciación cidadá no coidado da contorna.

Este programa segue a estela de iniciativas similares xa en funcionamiento en Cataluña (Viles florides) e outros países como Francia (Villes et Villages Fleuris), Italia (Comuni Fioriti), Reino Unido (Britain in Bloom), Irlanda (Tidy Towns) ou Canadá (Communities in Bloom).

A implantación en Galicia do movemento débeselle á Fundación Juana de Veiga en colaboración con ASVINOR (Asociación de Viveristas do Noroeste) e AGAEXAR (Asociación Galega de Empresas de Xardinería), cuxos obxectivos son promover a protección, mellora e posta en valor dos espazos verdes nos municipios do país e contribuír con iso a mellorar a calidade de vida da súa veciñanza, pero tamén a mellorar a imaxe dos municipios e os seus encantos para visitantes e turistas, xerar espazos de formación, reflexión e debate ao redor da xestión sostible das vilas e cidades, promover os espazos verdes como punto de encontro de relacións sociais interxeracionais e, en último caso, favorecer a conciencia social cara ás políticas de sustentabilidade ambiental e potenciación dos espazos verdes urbanos.

As Flores de Honra son os distintivos que se conceden anualmente aos municipios participantes no programa Vilas en Flor segundo o criterio dun xurado especializado. Hai cinco niveis: de 1 a 5 Flores de Honra, asignadas segundo o patrimonio vexetal e paisaxístico, as boas prácticas ambientais e de sustentabilidade e as actividades sociais, turísticas e de comunicación que se leven a cabo en cada concello participante aliñadas coa filosofía do certame.

San Sadurniño obtivo en 2021 tres Flores de Honra e aspira na presente edición a termar delas ou incluso a chegar ás catro, algo que en Galicia, con 30 municipios participantes en 2021, só conseguiron Chantada e Allariz.

Representantes da Fundación Juana de Vega visitaron o venres San Sadurniño para facer a avaliación de campo, na que percorreron os xardíns municipais e os atractivos que se distribúen pola zona da Cortiña: a horta de conservación, a área de autocaravanas, o arboreto de especies autóctonas e tamén a novidade deste ano, a fraga máxica obra de Carlos García e Marina Goti -2Duendes- que tanto éxito tivo este verán e está tendo neste arranque do outono, xa que nela se xuntan, sobre todo nas fins de semana, ducias de familias con rapazada.

Na súa visita, a delegación da fundación estivo acompañada pola concelleira de Igualdade, Araceli Bellas, e polo técnico de Desenvolvemento local, Ignacio Fernández, quen lles explicaron aos avaliadores outras iniciativas nas que tamén está inmerso o Concello, como o centro de apoio ao medio rural A Fusquenlla ou o Proxecto de Xeoparque do Cabo Ortegal, así como outras ideas que dentro de pouco cobrarán forma no territorio relacionadas co desenvolvemento, o paisaxismo e o coidado dos espazos verdes.

A adxudicación das Flores de Honra 2022 coñecerase, previsiblemente, a primeiros do mes de novembro.

 

 

Share.