San Sadurniño, un caso electoral para analizar

0

Pasado o día das eleccións toca facer análise de resultados en San Sadurniño mirando como se comportou o electorado en cada mesa, cal foi o cómputo xeral por partidos e comparando os números co ocorrido no resto de Galicia e do Estado. O primeiro dato que se tira é que aquí os niveis de participación foron similares, pero non así as tendencias en canto a preferencias políticas. Cun censo de 2.490 posibles votantes dos que exerceron o seu dereito 1.539 -o 61,81% e seis puntos menos que en abril-, San Sadurniño confírmase como un microcosmos electoral con identidade propia onde, con respecto á cita do 28A e ao ocorrido onte, o PP baixa un chisco, perde unha boa presada de votos o PSOE, sobe levemente o BNG e, quizais o máis reseñable -e coincidente coa tendencia estatal-, son os 42 votos que sobe Vox.

A nivel estatal o resultado das eleccións déixanos un PSOE como vencedor das eleccións ao Congreso con 120 escanos que, porén, son tres menos que hai uns meses. Baixan tamén e de forma acusada Podemos-IU (-7 escanos) e Ciudadanos, o máis prexudicado na convocatoria ao perder 47 dos 57 escanos que obtivera en abril. Segundo a análise política que publican hoxe a maioría dos medios, quen obteñen rédito da caída do partido laranxa son o PP, que recupera terreo subindo 22 representantes -de 66 a 88- e, sobre todo, Vox. O partido de extremadereita engadiulle onte 28 escanos aos 24 que xa tiña e convértese na terceira forza política do Estado, aínda que aquí en Galicia non conseguise representación.

Outro titular da xornada é a volta ao Congreso do BNG ao pasar de 94.000 a 119.000 votos obtendo así un escano pola Coruña. O nacionalismo tamén repunta no resto do Estado: ganan peso PNV, EH-Bildu e o bloque soberanista catalán, que suma entre ERC, Junts e  CUP un total de 23 escanos. Ademais, as eleccións déronlle acceso á Cámara Baixa a cinco novas opcións que non se presentaran hai sete meses, ampliando deste xeito -e tamén complicando- as opcións para tecer alianzas que permitan elixir un goberno.

Neste escenario toca analizar o ocorrido en San Sadurniño, que mostrou unha dinámica propia en canto ao movemento electoral. Vaia por diante que o censo baixou 24 posibles votantes -de 2.514 en abril a 2.490 onte- e que, ademais, tamén houbo maior abstención, posto que nos anteriores comicios votaron 1.709 persoas (o 67,98%) e nestas foron 1.539 (o 61,81%). Seis puntos menos que poderían atribuírselle a partes iguais ao fastío xeralizado do electorado, pero tamén a un día certamente chuvioso que  puido ter desmobilizado votos en comparanza coa bonanza climática de abril.

Feita esta contextualización, o que confirmou o reconto foi a baixada en votos das principais forzas estatais, PP e PSOE. O Partido Popular ganou en San Sadurniño perdendo 15 votos con respecto aos anteriores comicios que, porén -e debido á baixada do electorado- o sitúan con 498 sufraxios e no 32,8%. Un dato obtido do sumatorio directo das actas e non da publicación en liña do Ministerio do Interior, onde figuraba no momento de redactar esta información que o PP só obtivera 436 votos e o 28,74%. Un erro atribuíble, con toda probabilidade, ao volcado automatizado de datos, que lle tería imputado 62 votos a Recortes Cero GV que en realidade serían do PP. En calquera caso, cómpre ter en conta que a publicación na web ministerial é un dato provisional que seguramente quede corrixido cando se cotexe coas actas.

Pola súa banda, o PSOE si sofre unha caída máis acusada en números totais: pasou de 459 votos e o 27,27% en abril a ter onte  380 sufraxios e o 25,05%, é dicir, 79 sufraxios menos e unha rebaixa porcentual superior aos dous puntos enteiros.

Como terceira forza repite na correlación o BNG. Seguindo a tendencia ascendente do resto de Galicia, o Bloque é a única das formacións tradicionais que sobe ao mesmo tempo en votos, anque só un  chisco, e tamén porcentualmente malia haber un censo e unha participación inferior. En abril foron 313 sufraxios e un 18,60%, mentres que este domingo o partido colleitou en San Sadurniño seis votos máis -319- que veñen significar o 21,02%, preto de tres puntos porcentuais de subida.

En termos de porcentaxes e cuantitativos -comparados co 28A- a subida máis forte foi a de Vox, pasando de 70 a 112 votos e do 4,16% ao 7,38%. Á inversa compórtanse Podemos -baixa de 168 a 109 votos e do 9,98 ao 7,19%- e, sobre todo, Ciudadanos. O partido laranxa fixérase con 116 sufraxios en abril e este domingo só logrou 46, co que o seu peso en porcentaxes pasou do 6,89% a un escaso 3,03%.

Por mesas
Os resultados globais de todo o concello aínda poden analizarse máis vendo o que ocorreu en cada unha das mesas. O PP ganou en catro dos sete centros de votación: nos seus hórreos históricos de Lamas -71 votos-, Santa Mariña -97- e Bardaos -62- e, nesta ocasión, tamén en San Sadurniño -139-, onde hai uns meses a victoria fora por pouco para o PSOE. O Partido Popular quedou como segunda forza máis votada en Igrexafeita -35 sufraxios- e en Ferreira con 37. En Naraío o PP xuntou 57 votos e o 3º posto do reconto.

Os socialistas só se impuxeron en Ferreira -43 votos- e foron segunda opción en San Sadurniño -134-, Lamas -64-, Santa Mariña -34- e Naraío -61-. Como terceira formación máis votada quedaron en Bardaos -16- e en Igrexafeita -28 votos-.

O Bloque Nacionalista Galego impúxose en dúas mesas: na de Naraío con 73 votos fronte aos 61 do PSOE e os 57 do PP, e na de Igrexafeita, onde obtivo 44 sufraxios por 35 de populares e 28 de socialistas. Ademais, o BNG foi, con 34 votos, o segundo partido máis votado en Bardaos, quedando como terceira opción en preferencia nas mesas de San Sadurniño, Lamas, Ferreira e Santa Mariña.

Vox obtivo a metade dos seus 112 votos na mesa de San Sadurniño, aínda que tamén son de reseñar os 18 de Lamas e os 11 de Bardaos, mentres que en Naraío, Ferreira e Santa Mariña o partido de extremadereita obtivo 8 votos en cada mesa e en Igrexafeita só 3. Agás no centro urbano e en Lamas, en todos os outros locais de votación Podemos-IU foi a cuarta forza máis votada, quedando no cómputo global con 109 sufraxios.

ELECCIÓNS 10 DE NOVEMBRO DE 2019

Censo: 2.490 Participación: 1.539  (67,98%) Abstención : 951 (38,19%)
Mesa PP PSOE BNG VOX PODEMOS CIUDADANOS Outros/bran./nul.
S.Sadurniño 139 134 80 56 44 12
Naraío 57 61 73 8 17 8
Ferreira 37 43 33 8 12 5
Lamas 71 64 41 18 13 12
Santa Mariña 97 34 14 8 13 2
Igrexafeita 35 28 44 3 2 1
Bardaos 62 16 34 11 8 6
Votos totais: 498 (32,8%) 380 (25,05%) 319 (21,02%) 112 (7,38%) 109    (7,1%) 46         (3,03%) 75

 

ELECCIÓNS 28 DE ABRIL DE 2019

Censo: 2.514 Participación: 1.709 (67,98%) Abst: 805 (32,02%)
Mesa PP PSOE BNG PODEMOS CIUDADANOS VOX Outros/bran./nul.
S.Sadurniño 140 148 78 80 54 30
Naraío 57 92 77 24 15 4
Ferreira 42 48 30 14 10 3
Lamas 77 73 29 18 17 15
Santa Mariña 104 38 16 13 6 3
Igrexafeita 31 40 46 7 2 3
Bardaos 62 20 37 12 12 12
Votos totais: 513 (30,48%) 459 (27,27%) 313 (18,6%) 168 (9,98%) 116       (6,89%) 70 (4,16%) 70

 

ELECCIÓNS 2016

Censo: 2.611 Votos contabilizados: 1.758 (67,33%) Abst: 859 (32,89%)
Mesa PP PSOE EN MAREA-PODEMOS BNG-Nós C.G. Ciudadanos Outros
S.Sadurniño 217 102 123 47 38 17
Naraío 94 60 46 54 30 11
Ferreira 53 39 16 19 11
Lamas 120 56 37 23 20 7
Santa Mariña 135 36 14 14 3 4
Igrexafeita 54 22 26 38 4
Bardaos 89 19 12 19 11 7
Votos totais: 762   (43,82%) 334            (19,21 %) 274    (15,76%) 214    (12,31%) 117    (6,73%) 42   (prov.)
Share.