San Sadurniño, terceiro municipio en integrarse en Nosa Enerxía SCG

0

O primeiro pleno do 2017, de carácter ordinario, serviu para darlle o visto bo á integración do Concello de San Sadurniño na cooperativa comercializadora de electricidade  Nosa Enerxía. A organización é a primeira deste tipo que se crea en Galicia e dela xa forman parte 283 cooperativistas. A de San Sadurniño é a terceira administración local que se asocia á iniciativa, despois de que o fixesen Rianxo e Ames. Máis que un aforro en si, o que se persegue é “facer un pequeno xesto” cara a un modelo de comercialización enerxética “distinto ao das grandes multinacionais”, tal e como manifestou o goberno local no pleno. A proposta obtivo os votos favorables do BNG e do PSOE mentres que o PP votou en contra.

A participación de San Sadurniño en Nosa Enerxía SCG terá un custe de 200 euros en concepto de achega ao capital social da cooperativa. A partir de aí o Concello poderá contratar con ela a electricidade, aínda que só para subministracións inferiores aos 10KW. De feito, tal e como asegurou o portavoz do grupo de Goberno, trátase “dun paso moi pequeno” que, porén, “promove” a utilización de fontes de enerxía renovables por parte das administracións. Xunto coa participación como cooperativista na primeira iniciativa deste tipo que nace en Galicia, San Sadurniño tamén contratará “dúas ou tres” subministracións, de acordo coas posibilidades que ten a entidade nestes momentos.

O PSOE anunciou o seu voto a favor da proposta indicando que o cooperativismo enerxético é un sistema con ampla difusión noutros países europeos, “como Alemaña ou Finlandia”. O PP, pola súa parte,  indicou que “o único positivo” era que se trataba dunha “empresa” galega e argumentou o seu voto contrario en que non se obtería un aforro destacable: “nunha lista de 56 compañías por prezo ocupa o posto 50”, asegurou o portavoz do PP. Manuel Romero solicitou, ademais, que “o asesor enerxético” estude a proposta.

O BNG retrucou que as diferenzas nos prezos da lista manexada polos populares “son de centésimas” e insistiu en que non se trataba tanto dunha cuestión de aforro económico como dunha “proposta simbólica” coa que tender a  “un modelo de comercialización da enerxía distinto ao das grandes multinacionais”. A este respecto, o portavoz do bloque acusou ao PP de estar “máis a favor de Gas Natural e de Iberdrola que de calquera outro modelo de comercialización de enerxía”. Por último, Suso Soto recomendoulle ao líder do Partido Popular que fixese “algo máis de seguemento dos temas municipais” posto que, segundo aclarou, “o Concello non ten contratado nestes momentos ningún asesor enerxético”.

Delegación en Deputación dos cobros executivos
Antes desta cuestión, a sesión abordou outras tres. A primeira foi a aprobación da acta do pleno anterior e a segunda foi a de dar conta da relación de acordos e resolucións adoptados nas últimas semanas, como foi a prórroga do orzamento de 2016, a información sobre a próxima publicación do listado definitivo de persoas que participan no procedemento de selección dunha praza eventual de persoal administrativo e a proposta de renumeración do índice de ordenanzas e regulamentos municipais, que tamén se publicará nuns días no BOP.

A terceira cuestión presentoulle ao pleno a proposta de delegar na Deputación a xestión do cobro executivo de taxas e impostos municipais alén dos que xa leva, como é o caso do IVTM, o IBI ou o lixo. Todo segue igual, as contías non varían. O único que cambia é que será a Deputación quen se encargue de tramitar e de facer seguimento dos cobros en vía executiva.

O PSOE mostrou o seu acordo coa iniciativa. Incluso o PP expresou a súa coincidencia con ela, malia anunciar a súa abstención por non estar de acordo coas taxas e impostos municipais.

Mocións, rogos e preguntas
Este primeiro pleno do ano 2017 quedou listo en pouco máis de 36 minutos. Tempo no que tamén se introduciu un punto urxente ao respecto da modificación do regulamento da Escola Infantil Municipal. A urxencia -apoiada por unanimidade- atende a que os cambios estean publicados e aprobados para a apertura da quenda de matriculación do mes de marzo. Segundo explicou o equipo de goberno trátase dunha modificación “puntual” que atende á necesidade de incorporar ao articulado cuestións do traballo diario e da nova lexislación “que se superpón” ao regulamento.

Cambios, nalgúns casos, suxeridos pola inspección educativa hai tan só uns días que, ademais, foron ratificados pola Comisión de Avaliación e Seguimento do servizo, da que forman parte representantes do goberno local, persoal técnico municipal e persoal da empresa xestora da EIM. A proposta, igual que a urxencia por tratar o asunto, saíu adiante co voto favorable dos tres grupos da corporación.

Xa dentro do apartado dos rogos e as preguntas o portavoz do PSOE solicitou do goberno local que se informase daqueles contratos que suscriba o Concello e que poidan exceder en duración o propio mandato corporativo. A este respecto o goberno indicou que nestes momentos se están preparando os pregos para licitar tres servizos: o da limpeza de edificios, o mantemento de xardíns e o do mantemento informático.

O Partido Popular interesouse polas razóns de que se prorrogase o orzamento en vez de aprobar un novo e que se debería “habilitar unha partida polo tema da cooperativa”, en referenza aos posibles custes da anulación do convenio urbanístico suscrito coa extinta cooperativa de explotación en común de San Sadurniño. O alcalde respostou que o documento orzamentario para 2016 non se podería levar a pleno mentres non aproben antes os seus orzamentos a Xunta e mailo Estado, “que teñen trascendencia para San Sadurniño”.  Secundino García tamén lle aclarou a Romero Castrillón que no orzamento de 2016 existía unha partida “suficientemente dotada” para atender unha hipotética indemnización á desaparecida cooperativa que se mantén na prórroga orzamentaria.

No apartado das preguntas, o PP inquiriu ao goberno local sobre os usos que se lle está dando á nave de FEVE cedida ao Concello e sobre quen tería responsabilidade en actividades municipais que, segundo os populares, se estarían desenvolvendo en terreos da cooperativa. Á primeira cuestión o alcalde apuntou que as instalacións ferroviarias se están empregando como almacén e, con respecto á segunda, Secundino García precisou que eventos como a Feira Rural se desenvolven en terreos de titulariedade municipal.

Ao remate do apartado das preguntas dos grupos políticos abriuse a quenda do público. Houbo dúas intervencións. A primeira referiuse ao convenio coa cooperativa de explotación en común de San Sadurniño e a segunda ao estado dunha pista na zona de Piñeiros, xusto no límite entre Narón e San Sadurniño. No primeiro caso o alcalde dixo que nestes momentos non existe ningún convenio coa cooperativa mentres que á segunda cuestión, a da pista, García respostoulle co compromiso de que se lle insistiría a Narón para acometer a reparación conxunta do eixo viario en cuestión.

Audio do pleno

Share.