San Sadurniño tamén aposta por #seresentir en liberdade

0

Con motivo do 28 de xuño “Día da diversidade sexual”, desde a área de Benestar Social, Educación e Políticas de Igualdade da Deputación da Coruña impúlsase a campaña “Liberdade de ser e sentir!”, para sensibilizar sobre a importancia da tolerancia e a igualdade das persoas independentemente da súa orientación sexual e identidade de xénero A campaña comezou este luns e circulará polas redes co cancelo #seresentir, arredor do que se artella unha campaña que estará presente en 39 concellos da provincia e coa que se busca a complicidade, a colaboración e o aproveitamento da mesma por parte dos distintos concellos para facerlle chegar a mensaxe ao maior número de xente posible.

A imaxe escollida para esta edición está baseada nunha estética graffiti como elemento reivindicativo por excelencia, sinónimo de liberdade e libre pensamento, conceptos moi vinculados coa campaña. O lema “liberdade de ser e sentir!” quere ser un berro para reivindicar o dereito á liberdade sexual e á tolerancia das persoas.

Este ano formarán parte da mesma un total 39 concellos da provincia da Coruña, entre eles San Sadurniño, implicados na posta en marcha de accións dirixidas a xerar na sociedade, especialmente na mocidade, valores como a tolerancia e a igualdade das persoas gais, lesbianas, bisexuais, transexuais, queer e intersexuais, co fin de normalizar e sensibilizar sobre as diversidades sexuais e visibilizar á comunidade LGTBQI+.

Tal e como mencionou Goretti Sanmartin na presentación deste luns na Coruña,  “con esta campaña insístese sobre os dereitos conquistados ao longo de décadas de traballo, dereitos que poden perderse moi rapidamente, polo que precisamos estar todos os días na rúa, e amparando desde as institucións a permanencia de dereitos básicos e dos principios de liberdade”.

San Sadurniño sumouse á campaña co compromiso de darlle difusión ao material gráfico e publicado en redes, pero tamén programando actividades de concienciación. A principal desenvolverase o día 28 deste mes no marco do segundo dos Venres en Sansa!. Para ese día hai previsto un obradoiro de graffiti no que se pintará un grande “Mural da diversidade”.

Ana Belén Breixo -quen segue facendo funcións na área de Igualdade á espera de que se reconfigure o goberno local- comentaba esta mesma mañá que a programación dos Venres en Sansa! “é o espazo ideal para introducir a mensaxe, posto que se trata dun programa pensado para a mocidade, o ámbito da poboación con quen máis cómpre traballar e mellor interioriza o respecto á diversidade, á liberdade de ser e sentir como cada persoa decida ou se identifique”.

Desde a concellaría anímase “a participar en todas as propostas do Venres en Sansa!”, que comezan este mesmo venres, “e en especial na confección o día 28 dese mural da diversidade que pintaremos no peche do colexio público, a xeito de recordatorio permanente para a veciñanza e para a comunidade escolar”. Na actividade poderán participar de forma activa unha ducia de mozas e mozos de entre 12 e 35 anos, aínda que, segundo Gundín, “calquera poderá asistir ao proceso, que empezará sobre as oito do serán e rematará arredor das dez da noite”. Quen queira botar un cabo no graffiti terá que apuntarse antes entregando na Casa da Cultura a ficha de inscrición do Venres en Sansa!.

Tamén se propón navegar pola web seresentir.gal, onde hai unha chea de información sobre a campaña e sobre títulos literarios e cinematográficos para a reflexión. Por último, e como xeito de darlle máis repercusión á idea, convídase a empregar nas comunicacións sociais o cancelo #seresentir.

 

Share.