San Sadurniño solicítalle á Xunta que os SAF municipais sexan incluídos nas vacinacións prioritarias

0

A Consellaría de Sanidade, a Xerencia da Área Sanitaria de Ferrol e as alcaldesas e alcaldes dos concellos que quedarán pechados esta medianoite mantiveron hoxe un encontro por videoconferencia para avaliar a situación da pandemia na comarca e analizar as medidas adoptadas pola Xunta para tentar frear o avance dos contaxios. Os responsables autonómicos explicaron que os datos de contaxios en toda a área son “preocupantes” e describen “unha situación bastante comprometida” en canto a sobrecarga asistencial, habida conta de que as restricións que empezaron a aplicarse a semana pasada aínda non surtiron efecto nos recontos a 7 e 14 días.  Neste momento na área sanitaria hai 1.192 casos activos -sen contar residencias da terceira idade- dos cales 13 están en UCI e 97 hospitalizados en planta do CHUF, mentres que o 90% do total están en seguimento domiciliario. Desde os concellos solicitáronse aclaracións sobre a aplicación das medidas que entran mañá en vigor, principalmente as refelativas ao uso de vestiarios en piscinas, a precisión daquelas excepcións que permitirían a mobilidade interterritorial ou o desenvolvemento da actividade comercial en feiras e mercados. Ademais, no caso de San Sadurniño, o alcalde reiterou a demanda que xa lle trasladara á consellaría hai un mes para que as traballadoras e traballadores dos SAF municipais entren no programa de vacinación prioritaria que está desenvolvendo a Xunta. 

Secundino García considera “fundamental” que o persoal dos Servizos de Axuda no Fogar acceda o antes posible á vacina para “asegurar a protección das traballadoras e traballadores” e previr ao mesmo tempo que a prestación do servizo domiciliario “a persoas moi vulnerables” se converta nun vector de contaxio da enfermidade.

No encontro mantido este mediodía co Secretario Xeral e co Conselleiro de Sanidade informouse de que esa incorporación xa estaba prevista de acordo coa definición dos grupos de maior a menor risco en que se divide o calendario de vacinación deseñado polo SERGAS. Nesa programación asimílase o persoal do SAF ao de servizos como os centros de día, que a Xunta conta con poder empezar a vacinar “a partir de marzo”, a expensas da provisión de doses que vaia facendo o Estado.

En relación con esta cuestión, Secundino García tamén comentou ao remate da xuntanza virtual que desde outros municipios tamén se propuxera que os servizos sociais hospitalarios lles comunicasen aos servizos sociais municipais os positivos no caso de grandes dependentes que volven á casa tras un ingreso por COVID-19, co obxectivo de que o persoal do SAF coñeza de antemán a súa situación e poida reforzar as medidas de autoprotección no momento da atención domiciliaria.

Alén destas cuestións, segundo resume o alcalde, na xuntanza por videoconferencia a Xerencia da Área Sanitaria facilitou datos actualizados de incidencia por concellos. En San Sadurniño contabilízanse a data de hoxe 24 casos activos acumulados a 14 días, o que supón -en relación coa poboación- unha incidencia de 780 casos por cada 100.000 habitantes, moi por riba dos 250 marcados como ratio para entrar no nivel máximo de restricións.

“Na reunión indicáronnos que en toda a área sanitaria hai 1.192 casos e 110 persoas hospitalizadas, das que 13 están na UCI e 97 en planta mentres que o resto de positivos están en seguimento domiciliario por parte de atención primaria. A situación vese con moita preocupación polo custe que pode supoñer en vidas e porque está xerando unha tensión hospitalaria importante. Por iso fai falla que todas e todos sigamos poñendo en práctica as medidas de autoprotección e cumprir con dilixencia as medidas que entran en vigor hoxe ás 12 da noite”, explicou Secundino García ao remate dun encontro que se prolongou durante cerca dunha hora.

Segundo o alcalde, na sesión virtual -que se repetirá todas as semanas mentres dure o máximo nivel restritivo- tamén se aclararon algúns aspectos que presentaban dúbidas con respecto á mobilidade, entre eles o feito de que as saídas dos territorios pechados individualmente para facer compras só estarían xustificadas en casos imprescindibles nos que o produto que se necesite non se poida atopar no propio concello. Neses casos excepcionais aconséllase pedir sempre tique ou factura de compra. Tamén se explicou que a normativa que entrará en vigor esta noite contempla a posibilidade de desprazarse para o coidado de leiras e animais se a explotación se encontra noutro municipio, algo que tamén se deberá acreditar.

Na sesión tamén se comentou a posibilidade de que o toque de queda se amplíe ás 20.00h., algo aínda non confirmado e que será debatido hoxe á tarde a nivel estatal no seo do Consello Interterritorial de Saúde.

En calquera caso, todo o referido ao nivel de restricións máximo pode consultarse nesta ligazón da web coronavirus.sergas.gal, onde tamén se informa diariamente dos positivos por concellos a través dun mapa interactivo.

A  medida máis destacada que será de aplicación desde esta medianoite é o peche perimetral e individual de todos os concellos da comarca -agás A Capela, As Somozas, Ares e As Pontes-, de maneira que só se poderá entrar ou saír deles por razóns laborais, sanitarias, educativas e outras excepcións previstas na normativa. A hostalaría só poderá atender nas terrazas e unicamente na metade das mesas que tivesen autorizadas, tendo que pechar ademais ás 18.00h. malia poder continuar ofrecendo servizo de reparto e recollida despois desa hora.

O resto de medidas restritivas do nivel máximo son exactamente as mesmas que xa eran de aplicación no nivel medio-alto. Como norma xeral, límite dos grupos a 4 persoas e aforos a un 50% e, máis en concreto: comercio ao 50% da súa capacidade, igrexas e lugares de culto a 1/3, máximo 10 persoas nos velorios en interior -25 en espazos abertos- e enterros e cremacións cun tope de 25 asistentes.

É fundamental, polo tanto, continuar loitando contra a pandemia con responsabilidade individual. E isto significa usar sempre a máscara, manter a separación de 1,5 metros, tusir ou esbirrar sempre contra panos ou o interior do brazo -non sacar a máscara para facelo-, hixiene frecuente de mans, autoconfinarse e avisar ao 900 400 116 se se notan síntomas e non facer vida social se se tivo un contacto estreito cun positivo aínda que a proba que nos fixesen dese negativo. Tamén é sumamente importante reducir ao mínimo a interacción con outras persoas e limitala no posible só a aquelas que formen parte do fogar.

 

Share.