San Sadurniño solicítalle á Xunta que se poida plantar pataca nas parroquias libres de couza

0

O Concello remitiulle onte mesmo á Consellaría do Medio Rural un escrito solicitándolle información sobre a incidencia da couza guatemalteca da pataca no noso territorio, ao tempo que insta ao departamento autonómico a que, de acordo cos datos dispoñibles, se levanten as restricións naquelas parroquias libres da praga. Xa en novembro, tan pronto como se soubo polos medios que a prohibición se ía manter en San Sadurniño tamén en 2021, o consistorio anunciou a súa intención de pedirlle á Xunta unha explicación sobre como se estaba levando a cabo o plan de erradicación, ademais de datos sobre os puntos nos que se detectaran as avelaíñas. A petición municipal cursouse tan só uns días despois de que se publicase no DOG oficialmente o anunciado en novembro, onde se enumeran como territorios infestados, entre outros, os municipios de Mañón, Narón, San Sadurniño e Valdoviño e a práctica totalidade dos concellos do norte de Lugo. Unha declaración que contrasta coa adoptada en varias zonas da Costa da Morte, onde as restricións se decretaron unicamente nas parroquias afectadas e non en todo o termo municipal. Neste sentido, e de acordo cos datos dispoñibles, San Sadurniño solicita que se aplique aquí o mesmo criterio, considerando que, doutro xeito, se estaría dando “unha discriminación inaceptable”.

A misiva rexistrada na Xunta comeza expoñendo precisamente o feito de que o decreto publicado o pasado 15 de xaneiro sinale como zona infestada “a totalidade da superficie do Concello de San Sadurniño” mentres que no caso da Costa da Morte o nivel de restricións baixa a ámbitos incluso inferiores ao da parroquia, considerando infestadas “dúas parroquias do Concello de Arteixo, unha do da Laracha e unha parte duna parroquia de Carballo”.

Desde San Sadurniño exprésase “a necesidade urxente de atallar a praga”, pero non se entende “a metodoloxía de xestión territorial das medidas preventivas destinadas á súa erradicación”, posto que no norte da Coruña e de Lugo a prohibición de plantar lle afecta a concellos completos e, en cambio, no oeste costeiro da Coruña “as limitacións só afectan a parroquias ou partes de parroquias”. Esta diferencia nos ambitos territoriais de contención do andazo debería ir precedida -segundo o consistorio- de información sobre os criterios aplicados. “A información que se lle está a ofrecer á cidadanía e aos concellos é mínima, xerando un ambiente de secretismo que non está a axudar na xestión da praga”, denuncia o escrito, apuntando ademais que as restricións de distinto nivel territorial “poden estar xerando discriminacións, que de se confirmaren, serían totalmente inaceptables”.

Por este motivo, e en primeiro lugar, o Concello insta á Xunta a que lle ofreza ás administracións locais afectadas “información actualizada da evolución da praga” que inclúa datos sobre os puntos onde se capturaron exemplares da couza e as datas da detección. A petición busca que, de acordo con esa información, se apliquen medidas de erradicación “uniformes para todo o territorio afectado” e que as limitacións “se fagan por parroquia e non por termo municipal”.

Alén desta solicitude, a carta tamén pide que “se lle comunique aos Concellos cales son os medios con que conta a Consellaría para a loita contra a praga, e que se lles presente o plan de seguimento e control”, ademais de información puntual sobre “o número de expedientes que foron abertos e cantas sancións se executaron” por incumprimentos das restricións.

A finalidade desta petición é contrastar a efectiva aplicación do plan de erradicación en vigor desde marzo de 2017 que, segundo o Concello, “está a causar serios contratempos a moitas persoas”, principalmente o da imposibilidade de autoabastecerse dun produto básico que agora debe mercarse “por prezos elevados e cunha calidade que ás veces non é a mellor”, tal e como comenta o alcalde, Secundino García.

Sobre a xestión da praga, o rexedor reitera as súas dúbidas sobre as accións desenvolvidas pola Xunta até o momento: “En 2017, nunha xuntanza celebrada na Casa da Cultura á que acudiron ducias de veciñas e veciños, díxosenos que a couza só podía eliminarse non plantando patacas, porque se non tiña de que alimentarse acabaría desaparecendo. Van aló case catro anos e parece que segue habendo avelaíñas, non sabemos cantas nin onde. O que si sabemos é que Medio Rural debe facer un seguimento exhaustivo da evolución da praga e controlar que se cumpra a normativa e, visto o visto, parece que non se está facendo nin unha cousa nin a outra,  xa sexa por non dedicarlle medios suficientes ou por non estar peinando o territorio como debería. En calquera caso, agardamos que se atenda a nosa petición e que polo menos poida volver plantarse naquelas parroquias ou lugares que levan dous anos libres da praga”.

Share.