San Sadurniño reune todas as armas contra a velutina

0

A Casa da Xuventude converteuse na xornada deste venres nun pequeno arsenal cheo de dispositivos para combater unha mesma inimiga: a avespa asiática. O Concello organizou unha sesión para ver por onde van os tiros -e nunca mellor dito- en canto a mecanismos e produtos que axuden a manter controlado o avance da velutina. Para iso, e en colaboración coa Casa do Mel de Goente, convidou á empresa de enxeñaría e drons WTMODE Solutions, quen deseñou un equipo aéreo capaz de lanzar dardos contra os niños. Ademais, na segunda parte do encontro tamén falou Manuel Corral -coñecido como Lolo de Andrade-, todo un experto no coñecemento da especie e das armas que se poden empregar para controlala dependendo do seu estado de desenvolvemento. Corral, que tamén é membro de Protección Civil de Cambre, mesmo explicou como previr picadas e como actuar en caso de que se produzan.

O arranque da xornada estivo ocupado por enteiro coa presentación do prototipo de dron lanzador de dardos deseñado pola empresa local WTMode Solutions con axuda de Aeromedia UAV e asesoramento da Casa do Mel. Tralas explicacións técnicas sobre as partes do equipo, as preto de medio cento de persoas que acudiron á convocatoria trasladáronse a unha leira próxima para ver o seu funcionamento sobre un niño previamente inertizado que se colocou no bico dunha varanda.

O aparello lanzador de dardos vai montado sobre un equipo RPA -siglas técnicas do comunmente coñecido como “dron”- e traballa cunha carga de aire comprimido a alta presión. Tanto o sistema de voo como o de disparo contrólanse a distancia e de forma independente. O operador do lanzamento mesmo pode apuntar guiado por unha cámara e dous punteiros láser que, tal e como se puido ver en San Sadurniño, aseguran un disparo certeiro, incluso en condicións de vento pouco favorables como as que houbo na tarde do venres.

Segundo lle explicaba aos participantes Luís Filgueira -un dos responsables de WTMode-, o equipo “é un prototipo que aínda está en fase de desenvolvemento e que pode incorporar aínda moitas melloras”. Algunhas desas melloras serian, por exemplo, incorporar un mecanismo que permita controlar en voo a forza do disparo en relación coa distancia ao niño.

Con todo, tal e como se asegura desde a empresa, trátase dun dispositivo “que funciona” e que pode utilizarse de moi diversas maneiras, como por exemplo para a inxección de veleno ou o lanzamento de calquera outro produto capaz de acabar cun niño de velutina.

O arsenal de Lolo de Andrade
Tamén inscructiva e entretida foi a segunda parte da xornada, con contidos que na súa maior parte pode levar á práctica calquera apicultor ou apicultora e, en xeral, quen queira manter as velutinas afastadas dos seus predios.

Dela encargouse Manuel Corral, toda unha autoridade na materia pola súa experiencia en tarefas de retirada de niños e pola súa inquedanza buscando novos métodos de loita partindo dun coñecemento exhaustivo dos hábitos e ciclos da especie invasora.

IMG_0937

Manuel Corral falou de sistemas de loita contra a velutina, pero tamén de primeiros auxilios

Lolo de Andrade -nome polo que é coñecido no mundo apícola- despregou na Casa da Xuventude unha infinidade de tarecos, todos eles pensados para actuar: traxes protectores, sistemas de inxección de veleno -un deles de deseño propio-, rifles de aire comprimido para inocular insecticida nas colonias… incluso un explosivo semellante ao foguete dunha festa que se sobe ao niño cunha pértega e despois se fai estourar cun detonador remoto. Este último método é especialmente útil  con grandes niños secundarios pola súa rapidez e porque “non deixa resíduos”. Porén, ten un inconveniente para o seu uso masivo: “o sistema está legalizado, pero para empregalo fai falla pasar un exame e obter un carné que che permita manipular explosivos”. Da efectivictividade do sistema deu conta a demostración que se fixo preto dunha vivenda do Outeiro, onde se fulminou dun petardazo unha colonia situada nunha maciñeira. O tumbo sentiuse en toda a zona urbana.

O experto tamén mostrou os últimos modelos de arpas eléctricas. Neste caso non se trata de equipamento de ataque, senón de defensa dos colmeares. As arpas son, igual có instrumento do que toman o nome, un bastidor cruzado por fíos metálicos mestos, pero cunha separación tal que permiten o paso das abellas e no o das velutinas, que quedan literalmente fritidas cando tentan cruzar ao outro lado para predar a colmea. Malia haber modelos patentados, a construción dun destes aparellos é relativamente doada -hai multiples titoriais en internet- e pode facerse por catro pesos sempre que teñamos preto subministración eléctrica. No caso contrario e máis habitual, existe a opción de empregar pastores coma os do gando ou montar un pequeno panel fotovoltaico que garanta a total autonomía do sistema de protección.

Durante a súa intervención, Manuel Corral tamén abordou a prevención de ataques dunha avespa que non é moito máis agresiva cás nosas, pero que pola cantidade do veleno que inxecta e polo seu número si pode supor un serio perigo. Recomendacións importantes son non achegarse aos niños, inspeccionar previamente as zonas de traballo en labores agrícolas e forestais e, no caso de que se produza un ataque, sair inmediatamente da zona procurando non facer acenos nin movementos bruscos. A mellor postura é, segundo Corral, metendo a cabeza entre os cóbados e colocando a palma das mans protexendo a parte superior das costas, zona especialmente sensible ás picadas.

Balance positivo da xornada
O evento organizado polo Concello ao redor dos métodos de control da avespa asiática finalizou pasadas as 21.00h., máis dunha hora despois do inicialmente previsto debido, segundo o concelleiro de Desenvolvemento local, “ao grande interese que espertou todo o que puidemos ver ao longo da tarde”. Manolo Varela mostrou a súa satisfacción polo resultado: “viñeron case medio cento de persoas e viron as posibilidades que hai para minimizar o impacto da velutina. Foi unha sesión con moito contido e moi enriquecedora en canto aos métodos que temos dispoñibles para tentar frear o seu avance mentres Xunta e Estado non fagan a declaración de praga e tomen conciencia da dimensión real do problema”.

Share.