San Sadurniño reclama unha Xustiza máis efectiva contra o maltrato

0

Persoal municipal, veciñanza e cargos políticos do Concello concentráronse este mediodía no patio da casa consistorial para ler a declaración institucional con motivo do 25 de novembro, Día Internacional da eliminación da violencia contra das mulleres. O texto, ratificado polos tres partidos con representación municipal, reivindica un maior compromiso para dotar a Xustiza de ferramentas que permitan actuar de forma máis efectiva ante o maltrato, ademais de volver insistir en que a loita contra a violencia machista é cousa de todos os días e na necesidade de continuar traballando nunha educación en igualdade. Alén deste manifesto, o Concello tamén ten preparada para este sábado unha programación específica onde destacan o VII Encontro de autoprotección -10.30h., Casa da Xuventude- e a palestra que terá lugar a partir das 17.00h. na Casa da Cultura. Ademais, San Sadurniño tamén forma parte do movemento #ennegrocontraasviolencias xunto con outros 101 municipios galegos e as deputacións da Coruña, Lugo e Pontevedra. O obxectivo da campaña é tinguir de negro e de mensaxes de cambio todo o territorio, para o que se está distribuíndo estes días distinto material gráfico, como camisetas, mochilas, pulseiras, chapas e bolsas. Quen queira sumarse á iniciativa pode descargar os seus propios soportes para redes sociais e papel a través desta ligazón.

DECLARACIÓN INSTITUCIONAL

O 2018 foi un ano importante para o feminismo, que foi quen de mobilizar cun éxito histórico unha folga nos ámbitos laborais, de consumo e de coidados o pasado 8 de marzo. Sen dubida algunha, unha data chamada a marcar un antes e un despois na nosa historia, xa que a sociedade esixiu que todos e todas pisemos o acelerador.

A desigualdade ten a súa evidencia máis salvaxe nas violencias machistas contra as mulleres. As institucións deben comprometerse a destinar maiores recursos económicos, humanos e materiais que para combatelas e situar a súa erradicación como un mandato de primeira orde os 365 días do ano. No que vai de 2018 foron asasinadas en Galicia 3 mulleres e no estado español 43, e dende o 1 de xaneiro do 2003 foron 971 mulleres as que perderon a vida nas mans das súas parellas e ex-parellas, unha situación insostible para calquera sociedade que se considere democrática, pois estamos a falar do máis elemental dos dereitos humanos, o dereito á vida, furtado pola violencia máis extrema do patriarcado.

Debemos examinar e analizar aqueles ámbitos máis débiles que requiren da nosa actuación inmediata. Durante o 2018 fomos testemuñas das moitas eivas que ten aínda unha xustiza tremendamente patriarcal. Casos como o da “manada” desataron a nosa rabia e a contestación social, non só con importantes manifestacións no noso pais, senón tamén coa repulsa dende os concellos e institucións. Porén a carraxe non pode ficar nunha cuestión declarativa. Debemos pensar colectivamente nas melloras que precisa un ámbito tan elemental como é o da xustiza.

Dende o nacemento no 2005 de xulgados especializados e outros pasos que se teñen dado no ámbito da Xustiza houbo avances moi importantes para a vida de moitas mulleres, pero tamén é certo que debemos atallar as súas deficiencias con maior dilixencia. É clave un desenvolvemento pleno e máis xusto do marco legal, para que este non quede nunha mera declaración formal e se proceda á súa aplicación material.

Nese sentido, a creación dunha unidade específica de Violencia Machista no ámbito da Dirección xeral de Xustiza encargada de facer cumprir as leis contra a violencia de xénero facilitaría unha maior fiscalización, seguimento e mellora. Vistos os casos deste 2018 é obvio que cuestións tan elementais como a formación de quen traballa na actividade xurídica ou a habilitación de espazos seguros e íntimos para as vítimas son aínda incumpridos dunha forma que non é tolerable.

Transformar a sociedade reducindo a fortaleza do patriarcado e superar todas as manifestacións de desigualdade e violencia que sofren as mulleres é unha tarefa complexa que require de todo o noso compromiso, tanto como institución municipal como á hora de sermos esixentes coas demais administracións implicadas.

Cada ano máis de 5.000 mulleres acoden aos xulgados galegos poñer denuncias, e isto é so a punta do iceberg. Estímase que só un 20% dos casos chega aos xulgados, polo que sería unha irresponsabilidade deitar exclusivamente neste ámbito as actuacións. Por iso, uns dos aspectos máis importantes é avanzar na sensibilización social, e comezar a facer esa sensibilización xa dende idades temperás. Neste aspecto os concellos temos un papel clave, non exclusivo pero si importantísimo.

A violencia de xénero non ten cabida na sociedade que queremos ser nin na democracia que queremos consolidar, a loita contra a violencia machista e a atención as vítimas non poderán avanzar se non se establecen os mecanismos de coordinación entre as administracións con competencia na materia. Para facer isto posible é preciso dotar ás administracións de recursos económicos e do persoal especializado que se precisa.

Loitar contra todo tipo de violencia de xénero: violencia psicolóxica, violencia física, violencia económica, violencia sexual, trata de mulleres… debe ser unha cuestión de Estado xa que constitúe unha violación dos dereitos humanos e das liberdades fundamentais.

Polo tanto, cómpre de maneira urxente a creación dunha unidade específica de Violencia Machista específica na Dirección Xeral de Xustiza, encargada de facer cumprir a lexislación en materia de violencia machista e que esta nova unidade leve adiante, como mínimo, os seguintes obxectivos:

  • Impulsar xulgados específicos de violencia de xénero en todas as cidades e avanzar na comarcalización dos xulgados -de acordo coa realidade do noso país- para garantir a igualdade no dereito de atención independentemente do lugar de residencia. Ademais, estes xulgados especializados deben ser os que se ocupen en todo caso de tratar os delitos sexuais.
    Tamén se deberán promover medidas destinadas ao tratamento integral da violencia sexual como unha forma de violencia machista, conforme recolle a lei galega, prestando atención ás súas especificidades.
  • Evitar a violencia institucional con actuacións tan sinxelas como, por exemplo, gravar as declaracións das mulleres para que non teñan que repetilas unha e outra vez ao longo de todo o proceso de denuncia.
  • Garantir os espazos separados de declaración e agarda para evitar o contacto de vítimas e agresores así como dotar dos medios necesarios as oficinas de atención á vítima.
  • Incluír nas avaliacións de risco a avaliación do agresor para mellorar a eficacia á hora de adoptar as medidas de protección tanto das mulleres como das e dos menores.
  • Dotar os servizos de garda dos xulgados de persoal especializado para atender as denuncias de violencia machista.

San Sadurniño, 23 de novembro de 2018.

Share.