San Sadurniño ratifica a súa adhesión ao Pacto europeo das Alcaldías polo Clima e a Enerxía

0

Abondaron escasos 20 minutos para tratar os catro puntos que se incluiron na orde do día do pleno extraordinario celebrado esta mañá en San Sadurniño. Catro cuestións centradas case todas en ratificar resolucións da alcaldía  que foron aprobadas por unanimidade dos tres grupos municipais, reunidos de novo nun pleno semipresencial onde PSOE e PP estiveron na sala e parte do BNG conectado por skype. O último punto ocupouse de sortear a composición das mesas electorais para o próximo 12-X. O Concello tiña previsto transmitir a sesión a través de Facebook pero, unha vez máis, a inestabilidade e insuficiencia da conexión -algo ao que se referiu o propio Secundino García ao empezo- impediu a súa difusión ao vivo.

O primeiro asunto foi a votación da urxencia do propio pleno, condicionada pola necesidade de sortear as mesas e polo prazo marcado pola Xunta para presentar as solicitudes de subvención para redactar, precisamente, o plan de acción do pacto polo clima. Este pacto, tal e como se indica na exposición de motivos do acordo ratificado, agrupa a milleiros de gobernos locais que de forma voluntaria se comprometen a implantar os obxectivos en materia de clima e enerxía da UE.

O lanzamento do Pacto  tivo lugar en 2008 en Europa co propósito de reunir aos gobernos locais comprometidos a alcanzar e superar os obxectivos da UE en materia de clima e enerxía. A iniciativa inclúe agora a máis de 7.000 autoridades locais e doutros ámbitos de 57 países que procuran aproveitar os puntos fortes dun movemento que involucra múltiples actores e conta co apoio técnico e metodolóxico de oficinas dedicadas. Desde os concellos pequenos e medianos pode presentarse un Plan de Acción para o Clima e a Enerxía Sostible no que se asuman os compromisos e a estratexia para reducir nun 40% as emisións de CO², ademais de adoptar medidas que preveñan o cambio climático.

A Xunta de Galicia sacou a mediados de maio unha liña de axudas para redactar eses plans dando un mes de prazo para solicitalas. San Sadurniño aprobou poucos días despois por medio dunha resolución da alcaldía a súa adhesión ao Pacto e maila solicitude de axudas. Porén, a Xunta esixiu que ese acordo se adoptase no seo do pleno municipal, razón pola que a convocatoria de hoxe incorporou ese punto. O PSOE manifestouse a favor cualificando a adhesión como “moi interesante” e preguntando se o acordo levaba aparellada “a redacción dun plan específico para San Sadurniño”, mentres que o PP -que tamén deu o seu apoio- o papel financiador da Xunta de Galicia, malia tratarse de fondos europeos, e criticou que o asunto se deixase “para última hora”. A este respecto tanto Secundino García como Mari Carme Muíño indicaron que a adhesión se fixera en tempo por medio da resolución da alcaldía e que o retraso se debía á esixencia da Xunta de que se trouxese a pleno. Secundino García tamén recordou que os contidos do Pacto datan de 2008 e que “desde o 2009 está gobernando o mesmo goberno na Xunta, así que os retrasos non son imputables ao Concello de San Sadurniño. Ademais a subvención saiu cun goberno en funcións, non antes”.

O terceiro punto do pleno tamén se ocupou de ratificar outra resolución da alcaldía, neste caso votando unha corrección técnica da solicitude do POS+ Adicional 2/2020 da Deputación da Coruña. Os tres grupos déronlle o visto e prace ao asunto sen necesidade de debatelo.

A sesión finalizou co sorteo automatizado da composición das mesas electorais para os comicios galegos do próximo 12 de xullo. Os nomes -que se poden escoitar no audio da sesión- serán notificados a partir do luns de cara a que teñan en conta a súa designación e, de ser o caso, para que poidan presentar as alegacións que estimen oportunas perante a Xunta Electoral de Zona.

Share.