San Sadurniño prevé xestionar uns 567.000 euros procedentes do POS+ 2018

0

O Plan Único de Concellos da Deputación da Coruña para o próximo exercicio ten asignados desde hai días os recursos económicos dos que poderán dispoñer os municipios da provincia para facer investimentos e cubrir gasto corrente no exercicio que entra. A San Sadurniño correspóndenlle no reparto un total de 638.287,23€ que a Deputación divide en tres capítulos: un coa contía asignada de acordo coas súas previsións para 2018, outro cunha achega procedente dunha parte da liquidación orzamentaria provincial de 2016  e un terceiro apartado en forma de crédito sen xuros e dous anos de carencia que o Concello non ten previsto solicitar. Os proxectos técnicos das obras así como os informes sobre o destino dos fondos deberán estar listos e aprobados en pleno antes do 20 de decembro, data na que finaliza o prazo de presentación de toda a documentación do POS+ na que tamén se deben incluír propostas a maiores que se financiarían coas baixas económicas dos contratos principais. O plan provincial servirá para cubrir gasto corrente -200.000 euros-  e para obras no centro urbano -uns 240.000-, ademais de prever outras actuacións urbanísticas e de aforro enerxético por valor de 127.000 euros. Por outra banda, en 2018 o groso das melloras na rede viaria e noutras infraestruturas do territorio serán asumidas directamente polo Concello a través dun programa dotado con 230.000 euros.

Este será o segundo exercicio en que a Deputación  aplicará o novo modelo de distribución de fondos entre os municipios, consistente en agrupar as achegas provinciais nun único programa que axilice a tramitación e que lles permita ás administracións locais saber a un ano vista con cantos fondos poderán contar para xestionalos segundo as súas necesidades.

Neste sentido o POS+ ofrece tres opcións. A primeira nútrese das previsións orzamentarias da Deputación para 2018 e os municipios poderán destinala a gasto corrente ou a investimento. A segunda procede dos remanentes positivos das contas provinciais  e os concellos só poderán facer investimentos financeiramente sostibles coa cantidade asignada. A última opción é un préstamo provincial con dous anos de carencia e dez anos para devolver os cartos sen xuros.

¿Como vai facer San Sadurniño?. As cifras xerais xa se saben e agora o que toca é ver con que actuacións se fan cadrar. Ao noso Concello correspondéronlle algo máis de 638.000 euros que o executivo local ten previsto trasladar ás contas municipais acudindo só ás dúas primeiras posibilidades,é dicir, 200.000 para gasto corrente, uns 240.000 para investimento e non recorrer á posibilidade do crédito, que suporía 197.000 euros adicionais pero que habería que devolver nos próximos anos. Esta última fórmula, a do préstamo, xa se empregou anteriormente, como por exemplo para levar adiante  as obras da Casa da Xuventude e do Centro Municipal de Empresas.

De acordo con este reparto, o Concello asignará a obras 240.000 euros para as que xa se están preparando os proxectos de cara a aprobalos en pleno nos próximos días, posiblemente arredor do 15 do mes que entra. Segundo o executivo local a contía permitirá levar adiante o remate das beirarrúas e máis do firme na Avenida Marqués de Figueroa, ademais do acondicionamento do contorno da capela do Belén, complementando deste xeito a primeira fase das obras que comezará en breve e que fora incluída no POS+ 2017.

Ademais destes proxectos tamén se deberán ter en carteira outros a maiores que se financiarían  coas baixas económicas que se produzan nos procesos de contratación. Neste sentido -e a expensas das bolsas económicas que se poidan xerar- a previsión municipal é dedicar outros 127.000 euros a aforro enerxético cambiando a iluminación do campo de fútbol de Currás e a do pavillón municipal, ademais de acometer a urbanización da rúa que une o centro de saúde co colexio público.

A diferenza de anteriores anualidades, na distribución do POS+ para 2018 non figuran proxectos de mantemento viario fóra do casco urbano. Pero iso non significa que non se vaian levar a cabo. De feito o Concello investirá en 2018 arredor de 230.000 euros de recursos propios nun ambicioso programa de reparación de pistas e camiños por todo o territorio municipal.

A partida financiarase con cargo a remanentes económicos existentes nas arcas municipais e tamén dará para facer melloras en locais sociais de titulariedade municipal. A modificación orzamentaria correspondente levarase a un pleno extraordinario que se celebrará este sábado e no que tamén se someterán a votación os orzamentos municipais, dos que avanzaremos o seu contido nos próximos días.

 

Share.