San Sadurniño prepárase para recibir turistas

0

Xa o ano pasado, tralo primeiro confinamento, San Sadurniño converteuse nun dos principais referentes turísticos da comarca atraendo centos de visitantes, principalmente á zona do Castro e do castelo de Naraío. E é que a fortaleza acababa de rehabilitarse cando se decretou o primeiro Estado de Alarma e moita xente de dentro e fóra do concello tivo que agardar a finais da primavera e o verán para poder gozar do seu aspecto renovado e sobre todo para poder subir ao bico do torreón, o seu maior atractivo. San Sadurniño está de moda e a pasada fin de semana, primeira de alivio da mobilidade, Naraío volveu recibir ducias de excursionistas que atoparon melloras na sinalización dos itinerarios e incluso un miradoiro en Racamonde completamente renovado, grazas a un pequeno proxecto no que o Concello investiu preto de 15.000 euros.

Este investimento forma parte dunha partida de 133.000 euros de fondos propios aprobada o pasado mes de novembro coa finalidade de levar a cabo sete proxectos, catro relacionados coa mellora de vías e da rede de abastecemento de auga e os outros tres coa conservación do patrimonio e a posta en valor do territorio como destino turístico.

Un deses tres investimentos é a restauración do palco da música de Ferreira, onde acaban de comezar as obras, e outro serviu xa para adecentar a sinalización do sendeiro do Río Castro -que forma parte da Ruta dos Castelos e Mosteiros- e tamén o miradoiro de Racamonde, punto máis elevado do concello e unha das referencias do proxecto do Xeoparque do Cabo Ortegal.

No caso da sinalización da ribeira do Castro instaláronse indicadores de madeira nos desvíos ao longo dun itinerario que comeza na fonte de San Roque, ao pé do adro de Naraío, e que remata na área recreativa do Pozo de Lamas, en Igrexafeita, tras percorrer máis de cinco quilómetros de grande riqueza natural e patrimonial. No trazado son de paso obrigado a ponte medieval da Ferraría, os muíños de Pielas e do Batán -incluída a presa de Blas-, a fervenza de Riolimpo e o castelo de Naraío. Río arriba, até Igrexafeita, atópanse máis muíños e exemplos de bosques autóctonos de ribeira aínda intactos nalgúns tramos.

En Racamonde os traballos consistiron na reparación da escaleira de subida ao penedo onde se encontra o vértice xeodésico e en rodear a parte superior cunha varanda de madeira que garde as visitas de caídas accidentais. Desde este lugar obsérvase case todo o Golfo Ártabro, desde a Torre de Hércules até Xubia. Tamén o val que se estende até Valdoviño e, ao lonxe (seguindo a panorámica oeste-leste), a serra da Capelada e a Gañidoira. Trátase dun enclave espectacular situado no medio dun parque eólico e inzado de gando vacún e cabalar en liberdade. Ademais tamén é o lugar axeitado para observar fenómenos xeolóxicos coma as pías e as pedras cabaleiras, razón pola que está considerado un dos principais puntos de interese do proxecto do Xeoparque do Cabo Ortegal. Toda esta información condensarase nun panel informativo que se colocará no recinto proximamente.

Nova área para autocaravanas
O terceiro dos proxectos de infraestruturas turísticas ocuparase da construción dunha pequena área de autocaravanas no entorno da Cortiña, é dicir, a un paso do centro urbano de San Sadurniño.  Este novo equipamento irá situado ao pé da horta de conservación de froiteiras “Carlos Fornos”, nas inmediacións do paseo fluvial e do arboreto de especies autóctonas. Trátase dunha infraestrutura que nun primeiro momento terá capacidade para o estacionamento de dous vehículos, pero que o Concello podería ampliar máis adiante se existe demanda.

A área formulouse como proposta hai case catro anos dentro do proceso do orzamento participativo. Desde aquela o Concello tentou obter apoio económico da Xunta en dúas ocasións, ata que o ano pasado decidiu levar a cabo o proxecto con recursos propios. O investimento roldará os 18.000 euros.

Share.