San Sadurniño postúlase para entrar no movemento das “Vilas en flor”

0

“Vilas en flor” é un distintivo de carácter internacional que avala as políticas municipais relacionadas co ambiente, coa integración da natureza nas tramas urbanas e coa potenciación do espazos verdes, como factores que contribúen a mellorar a calidade de vida. Máis que un selo, “Vilas en flor” é en certo modo un selecto club ao que só se accede pola excelencia desas políticas que, logo, deben manterse no tempo. En Galicia é a Fundación Juana de Vega quen se encarga de xestionar a iniciativa en coordinación coa Asociación de Viveiristas do Noroeste e a Asociación de Empresas de Xardinaría. Esta mañá visitou San Sadurniño o seu representante, o enxeñeiro agrónomo e paisaxista Pedro Calaza Martínez, para establecer “un primeiro contacto” co Concello de cara á súa adhesión ao movemento, do que xa forman parte 17 municipios galegos. San Sadurniño podería converterse dentro duns meses no nº 18.

Pedro Calaza percorreu os xardíns municipais, o paseo fluvial e tamén o entorno da Cortiña na compaña de Manolo Varela e do técnico de Desenvolvemento local, Ignacio Fernández. descubrindo os espazos máis destacados do centro urbano, pero tamén as liñas estratéxicas que ten en marcha San Sadurniño en relación co ambiente, posto que ese é un dos aspectos principais que se avalían para obter o distintivo de “vila en flor”.

O enxeñeiro e paisaxista explica que esta é unha iniciativa de alcance internacional que xa está en marcha en Inglaterra, Irlanda, Italia e noutros países. No caso de España comezou en Cataluña, onde hai máis de 120 concellos adheridos, aínda que tamén se organiza noutras zonas -Aragón, Madrid, Valencia, Canarias, etc.-, incluída Galicia desde 2018.   “Trátase dun movemento ao que os concellos se adhiren para tentar mellorar todo o vinculado coa sensibilización ambiental, coa mellora dos espazos públicos de carácter urbano e natural e tamén integra outras perspectivas como é a participación cidadá e a colaboración, por exemplo, con colexios mediante campañas de sensibilización ambiental e de coordinación vencellada co medio ambiente”.

“Vilas en flor” funciona como un certame anual. Os municipios deben presentar a principios de ano unha carta de solicitude e despois, no mes de setembro, un xurado especializado audita sobre o terreo cada petición de acordo con tres parámetros: “un vinculado á parte de biodiversidade e de xestión dos espazos verdes, outro sobre o medio ambiente -optimización de auga da rega, uso de fertilizantes…- e outro vinculado á parte máis cultural, máis de participación cidadá”, explica Calaza. En función da valoración deses parámetros, o concello recibe un galardón “que pode ter de unha a cinco flores”, nunha escala moi semellante á das estrelas dos hoteis. A entrega da distinción faise no transcurso dunha gala que se celebra habitualmente entre outubro e novembro, aínda que este ano probablemente se adiante por mor da COVID-19. Polo momento, ningún municipio do Estado alcanzou a puntuación máxima de cinco flores.

A obtención dese distintivo non é permanente, senón que ao ano seguinte o xurado volve verificar as accións en marcha. “Cada ano vólvense visitar todos os concellos e avalíase de novo a cada un deles. Un concello pode quedar co número de galardóns, pode aumentar ou diminuír. É coma unha certificación anual”.

Pero, ademais da fachenda que supón o recoñecemento… ¿que vantaxes ten ser “Vila en flor”?. Pedro Calaza apunta varias: “É un reclamo turístico. De feito queremos facer unha ruta de municipios adheridos a nivel nacional e galego. E, obviamente, hai vantaxes visuais, de ornato público e relacionadas coa saúde. Hai estudos científicos que evidencian que o uso de espazos verdes e a interacción con elementos naturais mellora a nosa saúde”, comenta o experto.

No seu percorrido por San Sadurniño, o representante da Fundación Juana de Vega recibiu información doutras actuacións nas que participa o consistorio, como é o caso do Proxecto do Xeoparque do Cabo Ortegal ou do Centro de Transformación alimentaria compartido con Moeche, Cerdido e Valdoviño. Ao remate da visita, Pedro Calaza asegurou levar “unha boa impresión” do labor municipal, destacando espazos como arboreto de especies autóctonas e a horta de conservación de froiteiras “Carlos Fornos” que, segundo dixo, “ten un grande potencial a nivel de produción e de transformación”. Tamén se referiu á proposta participativa “San Sadurniño en flor” que o consistorio ten en marcha nestes momentos, cualificándoa como unha idea “moi interesante para impulsar a produción de planta, para involucrar a poboación e para mellorar o ornato público”.

O Concello aproveitou este primeiro contacto coa Fundación Juana de Vega para entregar a carta solicitando entrar en “Vilas en flor” este mesmo ano. O seu representante xa avanzou que o noso municipio “cumpre cos requisitos para poder participar neste movemento”, polo que agora só queda agardar a setembro para ver que puntuación nos dá o xurado.

Share.