San Sadurniño pasa o xoves ao nivel de risco máximo

0

Ao longo do día de hoxe publicarase no Diario Oficial de Galicia a decisión da Xunta de pasar outros 55 concellos ao nivel de risco máximo por incidencia de coronavirus. Así o recomendou onte o comité clínico despois de avaliar os últimos datos de contaxios en toda a comunidade. En San Sadurniño, segundo a información publicada polo SERGAS, hai confirmados 17 positivos acumulados nos últimos 14 días sobre unha poboación total de 2.784 persoas, de maneira que a estatística  se situaría por riba dos 250 por cada 100.000 habitantes, que é a ratio a partir da que se establece o máximo nivel de restricións. Así, desde a medianoite deste mércores para xoves, San Sadurniño e outros municipios da volta terán peche perimetral individual, co que non se poderá entrar nin saír do concello sen causas xustificadas e, ademais, a hostalaría non poderá atender no interior, aínda que si poderá seguir facéndoo en terraza ata un máximo do 50% de ocupación.

Na súa comparecencia desta mañá, o Conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, sinalou que a situación epidemiolóxica en Galicia “é preocupante e de claro crecemento” incidindo en que as medidas adoptadas a semana pasada aínda non se deixaron notar no control dos contaxios nin tampouco nun descenso da presión hospitalaria, que continúa á alza.

Comesaña explicou a este respecto que, á vista dos datos acumulados, o comité clínico recomendara engadir outros 55 concellos ao listado do nivel máximo de restricións, de maneira que desde a madrugada deste xoves serán un total de 116 municipios -“o 72% da poboación”- os que quedarán con limitacións para a mobilidade de entrada e saída e tamén para a hostalaría.

Na nosa área sanitaria xa se encontraban no nivel máximo Narón, Ferrol, Fene, Cabanas, Pontedeume e Ortigueira e agora súmanse Cariño, Cedeira, Cerdido, Mañón, Moeche, Mugardos, Neda, Valdoviño e tamén San Sadurniño. Seguen en nivel medio-alto, e polo tanto sen restricións á mobilidade, As Pontes, As Somozas, A Capela e Ares. Iso si, nin nós poderemos achegarnos a eses concellos nin a veciñanza deses municipios poderá vir ao noso, salvo nas circunstancias excepcionais previstas na normativa.

E é que en todos os territorios en nivel máximo quedará prohibida a entrada e saída agás por razóns xustificadas, “laborais, educativas e sanitarias”, dixo o conselleiro en termos xerais, e tampouco está permitido o tránsito entre municipios no mesmo nivel de restricións, posto que eses peches son individuais.

Ao igual que no resto de Galicia, os grupos de  non conviventes en espazos públicos ou privados non poderán ser maiores de 4 persoas e o toque de queda segue manténdose co mesmo horario, das 22.00 ás 06.00h., e o comercio deberá pechar como moi tarde ás 21.30h.

Tamén se mantén a obriga de que a hostalaría peche ás 18.00h. O principal cambio neste caso é que a atención ao público só poderá ofrecerse en terraza -prohíbese no interior- e sempre sen superar o 50% da ocupación. Nas mesas non poderá haber máis de catro persoas que non vivan xuntas e deberase manter sempre a distancia de seguridade de 1,5 metros. O conselleiro insistiu niso,  en que “as terrazas non poden estar cheas, senón que deben estar ao 50%, polo tanto as mesas que non se poden utilizar deben estar identificadas e con só catro cadeiras”. Debido ao estado do tempo e ao feito de que a maioría de establecementos de San Sadurniño -principalmente os das parroquias- non contan con mesas e cadeiras exteriores, o máis probable é que boa parte deles opten por baixar a persiana ata que a Xunta volva autorizar a reapertura no interior.

O resto de medidas restritivas do nivel máximo son exactamente as mesmas que xa eran de aplicación no nivel medio-alto. Como norma xeral, límite dos grupos a 4 persoas e aforos a un 50% e, máis en concreto: comercio ao 50% da súa capacidade, igrexas e lugares de culto a 1/3, máximo 10 persoas nos velorios en interior -25 en espazos abertos- e enterros e cremacións cun tope de 25 asistentes.

Onde si hai novidades -que se reflectirán no DOG que se publicará hoxe ao longo do día- é na suspensión ata novo aviso das competicións federadas que se desenvolven en Galicia -só poderán adestrar-, aínda que, segundo avanzou o Conselleiro de Sanidade, si estarán permitidas aquelas que sexan de ámbito estatal, como sería o caso da SM2 de volei. Neste sentido, o Aldebarán interromperá os adestramentos dos equipos de base e aprazou o encontro previsto para este domingo do primeiro equipo.

Chamamento á responsabilidade
A entrada de San Sadurniño dentro do nivel máximo de restricións obedece principalmente a datos estatísticos. Segundo a información publicada polo SERGAS, no noso concello rexistráranse a día 18 de xaneiro un total de 17 casos acumulados a 14 días, aínda que desde a Xerencia da Área Sanitaria se lle trasladou ao Goberno local que a cifra esta mañá era de 20 positivos. Cruzando ese dato coa poboación total do municipio -2.784 habitantes- resulta que a ratio quedaría por riba dos 250/100.000 habitantes, que é a fronteira numérica que manexan as autoridades sanitarias para establecer o salto ao máximo nivel de restricións, engadíndolle ademais -como factor fundamental- a carga asistencial existente en cada cabeceira hospitalaria.

En calquera caso, desde o Concello recórdase que a situación actual “é moi grave” e apélase á responsabilidade individual para manter á raia os contaxios. “Neste momento temos que facer un chamamento para que todo o mundo limite ao mínimo e indispensable os seus desprazamentos e para que se sigan aplicando todas as medidas de protección”, pediu o alcalde, Secundino García.

O rexedor recordou, ademais, a recomendación do SERGAS de que “se eviten no posible as relacións sociais fóra do núcleo de convivencia” e incidiu en que “as previsións apuntan a que a cousa pode ir a peor. Por iso temos  que ser moi responsables e tentar, entre todas e todos, lograr que os contaxios vaian a menos”.

Desde o Concello tamén se recorda a recomendación de solicitar cita previa no 981 490 027 para calquera xestión municipal e lémbrase que nese teléfono tamén se atende calquera demanda de axuda  ou asistencia -facer compra, ir á farmacia, etc.- que precisen aquelas persoas que  por calquera circunstancia non dispoñan dunha rede de apoio familiar ou veciñal.

Ligazón ao DOG 11Bis publicado pouco antes da medianoite do martes 19 de xaneiro de 2021

Share.