San Sadurniño pasa o exame de Vilas en Flor

0

Representantes da Fundación Juana de Vega visitaron esta tarde o Concello de San Sadurniño para coñecer os principais proxectos ambientais e de tipo paisaxístico que se desenvolven no territorio, como parte do proceso de avaliación do certame anual Vilas en Flor. É a primeira vez que San Sadurniño se suma a este movemento internacional no que se premia a aposta pola rexeneración ou conservación de espazos públicos e, principalmente, a integración nas tramas urbanas da planta, as flores e o “verde” en xeral. Os galardóns -que consisten nun recoñecemento con ata cinco Flores de Honra (algo parecido ás estrelas da hostalaría)- entregaranse no mes de novembro.

O proxecto Vilas en Flor desenvólvese  en  Galicia e tamén noutras partes do Estado, así como en distintos países, a maior parte deles europeos. Do que se trata é de recompensar as políticas que se están levando a cabo en  vilas e cidades para mellorar a calidade de vida da súa veciñanza por medio da posta en valor de parques, xardíns e outros elementos relacionados coa natureza. Prémiase, polo tanto, o compromiso co ambiente e cun urbanismo sustentable, pero tamén as accións de educación e concienciación cidadá sobre a importancia de preservar o entorno.

En Galicia é a Fundación Juana de Vega quen abandeira o proxecto e quen se encarga de avaliar as candidaturas anuais. Na presente edición hai 11 novas -preto de nós temos as de Fene, Narón e Pontedeume-, co que o listado completo de participantes ascende a 28 municipios cun mesmo obxectivo: conseguir o número máis alto posible de Flores de Honra sobre un máximo de cinco, algo que ata o momento non logrou ningunha vila ou cidade, nin dentro nin fóra de Galicia.

Unha delegación da fundación visitou esta tarde San Sadurniño para ver sobre o terreo todos os elementos que se expuxeron no dossier da candidatura. Pouco antes de que se botase a auga, Secundino García, Mari Carme Muíño e o técnico de Desenvolvemento local, Ignacio Fernández, acompañaron a Isabel Aguirre e a Manuel Rodilla -especialistas en arquitectura paisaxística e cultural- nun pequeno percorrido que comezou na propia Casa do Concello, para continuar despois polos xardíns municipais, o paseo fluvial, o arboreto de especies autóctonas e a horta de conservación de froiteiras Carlos Fornos.  Foron precisamente estes dous últimos elementos os que máis sorprenderon aos expertos polo seu valor ambiental e de preservación do patrimonio natural, polo novidoso de ambas iniciativas e polo feito de que estean radicadas nun municipio de menos de 3.000 habitantes.

No transcurso do pequeno paseo interrompido pola chuvia, Aguirre e Rodilla tamén comentaron a riqueza dos xardíns e chufaron a fermosura do toelo -pedra exclusiva da nosa zona- utilizado como elemento construtivo e ornamental en distintas partes do pazo. O percorrido deu para falar, ademais, doutras liñas relacionadas co ambiente nas que se traballa desde o Concello, como por exemplo a súa participación no proxecto do Xeoparque do Cabo Ortegal, o programa San Sadurniño en Flor iniciado este ano, a aposta pola compostaxe caseira, a recollida porta por porta ou os proxectos de aforro enerxético.

Secundino García comentou ao remate do encontro técnico que, en termos xerais, os representantes da Fundación Juana de Vega “penso que levaron unha boa impresión do noso concello e das cousas que se levan feito nos últimos anos, algunhas delas únicas como o arboreto ou a horta de froiteiras”. O alcalde agarda que San Sadurniño poida conseguir “un número alto de Flores de Honra” que, segundo dixo, “serían un recoñecemento moi grato para o concello e un motivo máis de fachenda para toda a xente de San Sadurniño”.

O resultado final coñecerémolo, previsiblemente, nunha data aínda por concretar do mes de novembro, cando se lle fará a entrega de distincións aos concellos participantes en Vilas en Flor 2020.

 

Share.