San Sadurniño muda tendencias de voto con respecto a hai catro anos

0

A estas alturas o peixe electoral está xa todo vendido: o PP revalidou a maioría absoluta con 41 escanos no Parlamento, o PSOE pasa ser terceira forza con 15 e, no medio, o BNG convértese en líder dunha oposición da que quedaron apeadas a Marea e Podemos e na que non conseguiron entrar nin Vox nin Ciudadanos. Esa é a radiografía confirmada por un reconto que nos deixa outros datos: o Partido Popular, malia a maioría, perde case 57.000 votos, o BNG gaña algo máis de 190.000 e o PSdeG-PSOE, aínda baixando, non o fai tanto como se percibe, posto que en comparanza con 2016 minguou 3.844 sufraxios. Como facemos sempre despois dos domingos electorais, agora tócanos ver e analizar ata onde se poida como quedou a cousa en San Sadurniño, onde o PP volveu ser o partido máis votado. Iso si, non o foi en todas as mesas nin tampouco con resultados parecidos, posto que baixou en case todas elas. O mesmo lle ocorreu ao PSOE, que só repuntou levemente en dúas. Pola súa banda, o Bloque Nacionalista Galego, seguindo a tendencia xeral do país, mellora en apoios, aínda que tamén con matices. Repasemos o que pasou.

E o que pasou, en primeiro lugar, é que onte acudimos ás urnas nunhas circunstancias atípicas marcadas polas medidas preventivas da COVID-19. Os centros de votación foron os mesmos -agás o de San Sadurniño, que se trasladou ao ximnasio do CPI-, pero foi necesario adaptarse ao protocolo deseñado pola Xunta para incrementar a seguridade do proceso.

Nos locais era obrigatorio o uso de máscara. Xa na entrada había persoal da Administración e de Protección Civil vixiando que esta esixencia se cumprise, ademais da de desinfectar as mans con xel hidroalcólico. Porén, houbo distintos criterios. Mentres nuns colexios quen levaba máscara -do tipo que fose- puido entrar e votar sen maior problema, noutros obrigouselle a varios electores e electoras a sacar o cubrebocas que traían posto, aínda que fose homologado, e a cambialo pola máscara cirúrxica proporcionada pola Xunta. Ou polo menos a poñela por riba da outra.

Despois de entrar tamén houbo que seguir rigorosamente o sendeiro marcado no chan e gardar a separación persoal para, xusto antes de depositar o voto na urna, pousar o carné nunha bandexa coa finalidade de que os membros da mesa nos identificasen sen ter que tocar o documento. Todas estas circunstancias ralentizaron un proceso que, porén, non supuxo aglomeracións nin tampouco demasiada demora no exercicio do dereito.

As votacións concentráronse maiormente pola mañá e primeira hora da tarde. De feito, os datos de participación facilitados ás 17.00h. facían pensar en que se ía superar a afluencia de votantes de hai catro anos. Non foi así, e ao longo desta soleada tarde de domingo nas mesas houbo moi pouco movemento, o que deixou a participación nun 61,59%, o que veñen sendo 3,25 puntos porcentuais por debaixo das eleccións de 2016, que tampouco é tanto e menos aínda se temos en conta que San Sadurniño votou case tres puntos por riba da media galega.

E agora, xa si, imos ver como se repartiron as preferencias políticas en cada zona. Se puxésemos os resultados por parroquias enriba dun mapa veríamos que hai unha clara diferencia entre as terras do sur do concello e as do norte. En Lamas, Bardaos e Santa Mariña a forza máis votada foi o PP, mentres que en Ferreira, Igrexafeita e Naraío o maior número de votos obtívoo o BNG. En San Sadurniño -a mesa con máis electores e electoras- tamén ganou o PP, aínda que por tan só 25 votos sobre o BNG.

En xeral os dous partidos a priori maioritarios en Galicia -PP e PSOE- minguan os seus resultados no noso Concello con respecto a hai catro anos. O PP baixou 98 votos (de 759 a 662), pero porcentualmente -hai que ter en conta que o censo tamén se reduciu- só minorou 1,37 puntos, pasando do 45,53% ao 44,16%. Perdeu votos en todas as mesas agás nunha, a de Bardaos, onde obtivo cinco sufraxios máis. O PSOE baixou en cinco colexios -San Sadurniño, Naraío, Lamas, Santa Mariña e Bardaos- e subiu nos outros dous -Ferreira e Igrexafeita- aínda que o cómputo total dese crecemento sexa testemuñal. A merma porcentual do voto socialista sobre o resultado global é mínima: tan só 1 punto por baixo de 2016, pasando do 11,1% ao 10,1%. En termos numéricos a baixa cífrase en 35 votos menos, pasando dos 185 de hai catro anos aos 150 de onte.

Quen colleita resultados en positivo na maioría das mesas é o BNG. Avanza en cifras totais subindo 88 votos  (de 519 a 607 votos) e, sobre todo, en porcentaxe, cunha medra superior aos 9 puntos en referencia ás anteriores autonómicas. O Bloque pasou do 31,13 ao 40,49%, gana en Ferreira por primeira vez nunhas autonómicas, vence en Naraío e Igrexafeita e achégase ao PP en San Sadurniño e Lamas. As notas discordantes na tendencia póñenas Santa Mariña, onde queda exactamente igual que en 2016 -35 votos- e Bardaos, onde perdeu catro votos.

 

MESA

PP

BNG

PSOE

2020

2016

2020

2016

2020

2016

S. Sadurniño

203

234

178

138

47

52

Naraío

76

86

137

121

17

35

Lamas

92

121

85

62

27

40

Sta. Mariña

114

128

35=

35

20

22

Ferreira

48

55

51

45

20

18

Igrexafeita

35

46

74

67

13

11

Bardaos

94

89

47

51

6

7

Totais:

662

(44,16%)

759 (45,53%)

607

(40,49%)

519 (31,13%)

150

(10,1%)

185

(11,1%)

 

2020

2016

Censo

2.460

2.591

Votos totais

1.515

1.680

Participación

61,59%

64,84%

Share.