San Sadurniño leva a pleno este sábado un orzamento de 2,8 millóns de euros

0

Para as 11.30h. deste sábado 2 de decembro está convocado un pleno extraordinario que inclúe na súa orde do día catro únicos puntos, tres deles relacionados con cuestións de tipo económico. E é que na sesión se aprobará  a conta xeral do 2016 -que apunta a case 410.000 euros de superávit orzamentario- e, posterioremente, unha modificación do orzamento para incorporar uns 230.000 euros deses remanentes ao presente exercicio, co obxectivo de destinalos na súa maior parte a un macroproxecto de mellora da rede viaria municipal. Na última parte da sesión someteranse a votación as contas do Concello para 2018, que ascenden a 2.810.000 euros, un 4,27% máis que en 2017. 

O equipo de goberno destaca  o feito de que o orzamento se debata nos primeiros días de decembro, de maneira que, de prosperar no pleno e de non haber alegacións, podería entrar en vigor practicamente ao mesmo tempo que o novo ano.

O goberno local cualifica as contas  como dunha “austeridade ben entendida” en tempos de crise que “preserva a prestación de servizos públicos fundamentais” ao tempo que “conxela un ano máis todos aqueles impostos e taxas dentro da permisible autonomía municipal”, aínda que si se plasma no orzamento a previsión dun incremento neste apartado fundamentado nunha maior efectividade no cobro trala delegación da tarefa na Deputación.

No texto introdutorio do documento orzamentario critícase a “insuficiencia de recursos” transferidos  do Estado e da Xunta, acusando ademais ao goberno autonómico de “arbitrariedade” na distribución de fondos para os concellos. Neste sentido, desde San Sadurniño reclámase como “desexable” a adopción por parte da Xunta de fórmulas semellantes ás que emprega actualmente a Deputación co POS+, que confiren maior “autonomía e flexibilidade” na xestión das partidas que, ademais, se coñecen xa desde o mes de setembro.

Os apartados de ingresos e gastos sitúanse en 2.810.000 euros. Segundo o executivo, as contas reflicten un “peso importante nas partidas de persoal” -1.150.000 euros- en resposta á prestación pública de servizos “de maior calidade e con contratos laborais dignos, a diferenza da precariedade laboral imperante en moitos dos servizos que prestan outras administracións”.

Desde a área de Facenda destácase tamén o “mantemento do esforzo inversor en todo o territorio” que se situará nos 622.000 euros -cerca do 23% do total do orzamento-  “malia o crecemento de custes en gasto corrente que supoñen, por exemplo, a enerxía eléctrica ou os combustibles, ademais das restricións ás que están sometidas as entidades locais para non superar a regra de gasto”.

Outro factor sinalado como “importante” polo goberno local céntrase no apoio ao tecido asociativo do territorio e ao sostemento dos apartados relacionados coa igualdade e o benestar, que se verán incrementados nun 15% -75.000 euros máis con respecto a 2017- nas partidas dedicadas a dependencia e servizos sociais de proximidade. As contías destinadas ao tecido asociativo, bolsas e convenios con entidades do territorio aumentan tamén e chegan aos 100.000 euros.

Para o goberno local o orzamento de 2018 -que medra un 4,27% no apartado de gastos e un 2,74% no de investimentos con respecto a 2017- “garante a prestación dun amplo abano de servizos públicos e un plan de investimentos ambicioso ao longo do ano, distribuído con carácter equitativo entre todas as parroquias e respondendo á maioría das peticións expostas pola veciñanza durante as asembleas participativas do pasado mes de novembro”.

Modificación de créditos
O debate orzamentario será o último punto da mañá. Previamente farase un novo chamamento á toma de posesión da concelleira electa Cristina Calvo e tamén se aprobará a conta xeral de 2016. Un documento que apunta a unha situación de superávit, cun remanente de tesouraría superior aos 850.000 euros.

Parte dos fondos líquidos cos que se pechou o balance do pasado exercicio incorporaranse ao actual orzamento, o de 2017, co obxectivo de acometer nos próximos meses un grande proxecto de mellora da rede viaria cifrado en 200.000 euros, ademais de destinar outros 30.000 a labores de conservación en locais sociais de titulariedade municipal. O trámite de incorporar ao presente orzamento eses 230.000 euros tratarase xusto despois de votar a conta xeral.

Ao tratarse dun pleno extraordinario a orde do día non contempla rogos e preguntas nin tampouco a quenda de intervención do público, reservadas exclusivamente ás sesións de carácter ordinario. Iso si, coma sempre, calquera pode asistir á sesión e a gravación de audio completa estará dispoñible en internet pouco despois do seu remate.

Share.