San Sadurniño homenaxea a Xela Arias con música como anticipo dun verán tamén moi musical

0

A mañá deste domingo tan soleado que tivemos foi a xornada en que San Sadurniño, por fin, puido celebrar as Letras Galegas tras ter que adiar a cita en dúas ocasións. A xornada abriuna a escola municipal de gaita seguida da agrupación de pandeireta e, como remate, pasadas as 13.00h., da actuación de Sanjurjo, Dopico e Cardalda.  No espazo marcouse un itinerario con citas e referencias aos escritores e escritoras homenaxeadas desde 1963. Un sendeiro circular que desembocaba no “Recuncho de Xela Arias”, onde o arredor de medio cento de persoas que pasou polos xardíns puido deixar citas relacionadas coas Letras Galegas, versos ou simplemente as súas palabras favoritas. Todas elas entraron no sorteo de varios agasallos. Pasadas as 14.00h. rematou unha homenaxe dedicada este ano a Xela Arias que estivo marcada principalmente pola música, algo que Cultura quere manter como constante de cara a este verán levando a Xove Banda de Narón polas parroquias -coincidindo coas datas das festas patronais- e recuperando o programa “Á xunta da Noite” no punto que quedou interrompido o ano pasado. 

Todo parece indicar que este ano, ou moito cambian as cousas ou o máis seguro é que non se organicen festas patronais en ningunha ou case ningunha parroquia do municipio. Deixa a ver como vai a situación sanitaria e os niveis de restricións que decrete a Xunta en cada momento, xa que por agora é imposible predicir se vai haber ou non vai haber celebracións como as que tiñamos antes da pandemia, ou polo menos parecidas.

Aínda así, o Concello non renuncia a que en cada parroquia se faga algo para manter viva a tradición e por iso xa coordinou cos cregos que nos días das misas principais se complete a xornada coa actuación da Xove Banda de Narón, ofrecendo unha pequena “función” no adro de cada igrexa.

Os horarios están aínda por confirmar -dependerá da hora á que se celebre a misa e a posterior procesión, se a hai-, pero os días concretos xa están fixados: o 2 de xullo (festivo local), Santa Isabel no adro do Convento do Rosario; o 11 de xullo, San Cristovo de Ferreira, ao pé da capela do santo, en Ferreira de Arriba; 16 de xullo, Nosa Señora do Carme, na igrexa de Lamas; 18 de xullo, Santa Mariña do Monte; 15 de agosto, San Roque en Naraío; 11 de setembro, Santa María en Bardaos e 19 de setembro, Nosa Señora do Viscordel, en Igrexafeita.

Mirando o parágrafo anterior vese que falta unha data: o San Paio, terceiro santo de Ferreira -o outro é San Vicente, ademais de Cristovo- que se celebra na parte baixa da parroquia. Non é un esquecemento, senón que o Concello reserva para o 27 de xuño ás 12.00h. (aproximadamente) unha cita especial na que se aproveitará para “reinaugurar” o palco da música situado ao pé da igrexa, tras investir algo máis de 13.000 euros na súa restauración.

Nesa ocasión actuará a Banda de Música de Ortigueira, rendéndolle tributo en certo modo á Banda Garrote da mesma localidade que amenizou a estrea do palco o 17 de xullo de 1936, xusto na véspera do golpe de estado militar que desencadearía a Guerra Civil. Daquela era alcalde o tamén ferreirés Vicente García Naveiras.

En xullo retómase “Á xunta da noite”
En relación coas actividades ao aire libre, Cultura tamén reanudará case un ano despois o programa “Á Xunta da noite”, que non chegou a rematar o seu percorrido por todas as parroquias a causa da pandemia. Por esa razón, Cultura dediciu retomar as catro citas que faltaban, comezando pola do venres 30 de xullo en Santa Mariña do Monte -20.00h.- e continuando os venres seguintes á mesma hora coas de Naraío -6 de agosto-Silvalonga -13 de agosto-, a Seara (Ferreira) -20 de agosto-, e o peche en San Sadurniño o venres 27 de agosto. Esta última data coincidiría no arranque da fin de semana da Feira Rural, no caso de que se celebre.

Coma o ano pasado, “Á xunta da noite” levará a cada lugar música, maxia e humor ao aire libre, ademais do sorteo de vales para gastar no comercio ou na hostalaría de San Sadurniño. Se chovese instalaríase unha carpa e o aforo estará limitado a un máximo de 100 persoas cada venres (ou o que permita a normativa para daquela). Tamén haberá petiscos a bo prezo por se se quere cear ou tomarlle algo ao remate.

Cómpre recordar, unha vez máis, que esta programación -igual que o resto de actos previstos polo Concello- estará supeditada á situación sanitaria e aos niveis de restrición que estean en vigor en cada momento, así como ás obrigas preventivas que sexan de aplicación.

 

Share.