San Sadurniño entra no club das Vilas en flor con un distintivo

0

O proxecto Vilas en flor Galicia fallou o mércores a concesión dos distintivos correspondentes a este 2020, cos que se recoñece o traballo dos municipios a prol da integración da natureza nos seus espazos urbanos, por medio da planta, a flor e outros elementos verdes. San Sadurniño presentouse por primeira vez ao certame, no que o premio consiste na obtención de entre unha e cinco flores de honra, o mesmo que as estrelas que se lle outorgan aos hoteis segundo o seu grao de excelencia. Na súa estrea, o xurado concedeulle ao noso territorio unha flor, recoñecendo espazos como os xardíns municipais ou o paseo fluvial.

Vilas en flor é unha iniciativa de ASVINOR -Asociación de viveiristas do Noroeste, AGAEXAR -o colectivo que agrupa en Galicia un bo número de empresas de xardinaría- e a Fundación Juana de Vega, co obxectivo de promover a protección, mellora e posta en valor dos espazos verdes nos municipios galegos e contribuir con iso á calidade de vida da súa poboación.

Tamén se pretende mellorar a imaxe dos lugares públicos que se lle ofrece a propios e alleos e mesmo “xerar espazos de formación, reflexión e debate arredor da xestión sostible das vilas e cidades, promover os espazos verdes como punto de encontro de relacións sociais interxeracionais e mellorar a conciencia social cara ás políticas de sostenibilidade ambiental”, tal e como indica na súa web a organización de Vilas en flor.

O xurado visitou San Sadurniño o pasado 1 de outubro para percorrer só unha pequena parte da zona urbana, nunha tarde de temporal que obrigou a suspender antes de tempo a andaina de xulgamento. O seu veredicto sinala que os xardíns municipais situados detrás da Casa do Concello “é a zona verde máis importante” e considera que, malia estar coidada, “falta enriquecela para recuperar o seu estado orixinal”. O xurado tamén valorou positivamente as actuacións no paseo fluvial -os sendeiros, o arboreto galego e a horta de conservación- pola súa “boa orientación didáctica”.

De acordo con esta visión, o proxecto galardonou a San Sadurniño cunha das súas flores de honra sobre un total de cinco posibles que, de momento, ningún municipio galego logrou conseguir. Na comarca tamén se estreaban no certame Fene, Narón e Pontedeume, que conseguiron dúas flores cada un. No “top” encóntranse vilas como Allariz ou Chantada, con catro flores.

O concelleiro de Desenvolvemento rural, Manolo Varela, mostrábase onte satisfeito pola obtención do distintivo. “É un bo comezo e anímanos a continuar mellorando os nosos espazos verdes”, comenta o edil, engadindo que “as zonas axardinadas e outras accións que valora Vilas en flor son máis visibles en cidades e vilas que teñen unha trama urbana máis definida que a nosa, onde o verde e a natureza está por todos os lados. Iso non quita para que sigamos traballando no adecentamento e vistosidade dos lugares de uso público e en accións como San Sadurniño en flor, que foi todo un éxito”.

Próxima cita, “Engalana o teu concello”
O proxecto San Sadurniño en flor implicou a case 150 persoas vestindo de cor todos os recunchos do territorio. Seguindo esa estela, o Concello lanza de cara ao Nadal a campaña participativa “Engalana o teu concello” propoñendo o reto de decorar o exterior de casas e negocios  durante estas datas tan especiais. A idea é moi sinxela e, malia faltar aínda máis dun mes, o Concello xa adiantou as bases hai algunhas semanas para  que cadaquén vaia pensando en como facer.

Pódese coller material de reciclaxe, elementos naturais -plantas, pólas, flores secas ou de temporada, etc.-, apeiros ou utensilios, e cos elementos elixidos deberase decorar o exterior da casa de maneira artesanal. Canto máis bonita, rechamante e elegante quede, mellor. Excepcionalmente poderase complementar a composición con luces, aínda que estas non deben ser o único elemento.

É moi importante que adobiar o lado da casa ou do negocio que dea á vía pública para que a obra poida vela desde fóra calquera persoa que pase por alí. É máis, este requisito será imprescindible para poder optar a algún dos 25 premios que se van outorgar nas seguintes categorías:

  • Individual: para veciñas ou veciños a título individual, que poderán levar algunha das 15 cestas de produtos da terra que hai como premio.
  • Colectiva: para varias persoas (mínimo 2 e máximo 5) que decidan facer unha decoración conxunta das súas vivendas ou de espazos públicos que teñan preto, como por exemplo adros, rueiros, parques ou áreas recreativas… Concederanse 5 premios consistentes en ceas ou xantares para 5 persoas nos restaurantes e casas de comidas locais.
  • Establecementos: na que poderán entrar todos os negocios de San Sadurniño -tendas, bares, restaurantes, comercios, talleres, granxas, etc.-, sexa cal sexa a súa actividade. Haberá tamén 5 premios en forma de cestas con produtos da terra.
    O xurado do certame “Engalana o teu Concello” estará formado por tres persoas relacionadas co sector da decoración, quen poderán visitar os conxuntos que consideren necesarios para faceren a súa valoración.

Unha vez rematado o traballo haberá que enviarlle ao Concello un máximo de tres fotos onde obrigatoriamente unha delas debe estar tomada desde a vía pública. As imaxes poderán mandarse vía whatssap ao 616 332 919 indicando o nome, o enderezo e a categoría, ou ben remitirse ao correo agustin.perez@sansadurnino.gal. O prazo remata ás 14.00h. do día 20 de decembro.

Share.