San Sadurniño, en negro contra as violencias machistas

0

O Pazo de Raxoi, sede do Concello de Santiago, acolleu esta mañá a sinatura do Protocolo de colaboración para o desenvolvemento da campaña “En negro contra as violencias”. Un acto ao que asistiron 60 rexedores e rexedoras dos 75 municipios que este ano participan nesta iniciativa coa que pretende continuar avanzando de forma coordinada na sensibilización social e no traballo para levar á primeira liña política a erradicación da violencia contra da muller. Ademais de implicarse nesta campaña -na que tamén participan as deputacións da Coruña, Lugo e Pontevedra- San Sadurniño  ten programadas para os próximos días outras actividades co gallo do 25N, día sinalado pola ONU para reivindicar a eliminación da violencia contra da Muller. 

Os eventos centrais do 25 de novembro concentraranse no propio sábado 25 e máis no domingo, cun completo programa que xunta un obradoiro de autoprotección, unha mesa de debate, música, audiovisual, teatro, unha exposición e, igual ca outros anos, unha actividade dirixida á rapazada en colaboración co CPI, que neste caso se versará sobre o concepto do amor libre de mitos e o xeito de vivilo na adolescencia asentado na liberdade e a confianza.

Así, o sábado 25 arrancará ás 10.30h. na Casa da Xuventude o VI Encontro de autoprotección ante a violencia de xénero dividido en tres apartados: un obradoiro de sensibilización acompañado dun videofórum, o obradoiro de autoprotección -12.15h.- que require inscrición previa no 981 490 027 ext.1 e un xantar de convivencia entre as mulleres participantes na xornada, previsto para as 14.00h.

Pola tarde a actividade trasládase á Casa da Cultura. A iso das 16.30h. será a cantante cedeiresa Guadi Galego quen abra o programa cunha actuación na que tamén participará o alumnado de 4º, 5º e 6º de Primaria do colexio público. Posteriormente desenvolverase unha mesa de debate arredor das violencias e desigualdades que sofre a muller. Intervirán a mestra Mar López, Margarida Corral -Secretaria da Muller da CIG-, a traballadora social Cristina Paz e, como moderadora, a educadora social Noelia Rodríguez.

A sesión do sábado finalizará coa proxección de “Matria”, do realizador Álvaro Gago, gañadora do premio á mellor curtametraxe na SEMINCI.

O domingo os actos co gallo do 25N continuarán na Casa da Cultura coa apertura a partir das 18.00h. da exposición “Do gris ao violeta” na que se retratan mulleres loitadoras, pioneiras e mesmo represaliadas en Pontevedra ao longo do século XX. Un traballo impulsado polo consistorio pontevedrés que viu a luz da man da escritora e xornalista Montse Fajardo, quen asistirá á presentación da mostra. “Do gris ao violeta” poderase visitar até o 4 de decembro no recibidor da Casa da Cultura.

A programación do Día Internacional da Violencia contra da Muller rematará coa representación -18.30h.- da obra teatral “Lola” de Avelaíña Teatro. A peza tira das feridas abertas a raíz do golpe de Estado do 36 para mostrar a realidade de mulleres que sacaron adiante as súas familias en solitario, aproveitando o argumento como retrato do ambiente, os ideais e confrontacións entre dúas formas de entender a sociedade: os valores da tradición patriarcal e escolástica dos golpistas  fronte ás ideas constitucionais de progreso e liberdade.

“En negro contra as violencias”
Xunto coa súa programación específica, este ano o Concello tamén se suma á iniciativa compartida por outros 75 consistorios e as deputacións da Coruña, Lugo e Pontevedra co obxectivo de sensibilizar sobre as violencias que o machismo exerce contra da muller polo feito de ser muller.

A campaña “En negro contra as violencias” busca, en último caso, que as accións de concienciación social se fagan de forma unitaria en todos os municipios participantes. Para iso hai deseñado material específico e tamén estratexias conxuntas de comunicación a través das redes. O lema fala de violencias en plural e non en singular, xa que son moitas as violencias que sofren as mulleres (e tamén as familias): físicas, psicolóxicas, desigualdades salariais, maior dificultade para acceder ao mercado laboral, etc., froito dun patriarcado tradicional e cultural que cómpre desterrar da sociedade.

Neste sentido, desde o Concello convídase á veciñanza a que se comprometa coa loita de varias maneiras. A primeira delas é non mirar para outro lado e calar se se coñecen casos de violencia, a segunda -e non por iso menos importante- brindándolle apoio ás mulleres vítimas nun camiño de ruptura coa súa situación que lles é difícil percorrer en solitario e, en terceiro lugar, mostrando a repulsa contra todo tipo de violencia machista. Un rexeitamento ao que se lle pode dar visibilidade nos próximos días pendurando en fiestras e balcóns as bandeiras negras deseñadas dentro da campaña. Quen se queira implicar pode descargar e imprimir a súa bandeira -xunto co cartel de “Espazo libre de violencias machistas” dirixido ás empresas e establecementos hostaleiros- ou ben pasar polo Concello e recoller alí unha copia xa impresa.

Os municipios implicados  suscribiron esta mañá o protocolo no que se recolle o seu compromiso de fomentar unha acción de sensibilización cidadá contra as violencias machistas no ámbito municipal, implicando para iso ao tecido económico, asociativo, educativo, deportivo, social e cultural, así como a toda a cidadanía, nunha resposta colectiva de rexeitamento da violencia de xénero e dos asasinatos machistas. Outro dos obxectivos do protocolo é o de identificar, transmitir e incidir nos comportamentos e expresións verbais que están detrás da violencia de xénero a través do uso de materiais de campaña específicos por parte da cidadanía, establecementos comerciais e axentes sociais.

As estatísticas, con toda a súa frialdade, son claras sobre a urxencia de atallar o problema: ata o 10 de novembro de 2017 houbo no Estado 44 casos confirmados de mulleres asasinadas a mans das súas parellas ou exparellas. Só 9 delas presentaran denuncia contra os seus agresores. Desde a área de Igualdade lémbrase que os Servizos Sociais municipais prestan apoio e acompañamento en todo momento para facerlle fronte a unha situación de violencia machista, ben sexa física ou psicolóxica. Tamén se pode acudir directamente á Garda Civil ou chamar ao teléfono 016 a través do que se pode denunciar sen medo a que quede rastro na factura.

 

 

 

Share.