San Sadurniño e Narón volven reclamarlle a Augas de Galicia o saneamento en Piñeiros

0

A alcaldesa de Narón, Marián Ferreiro, e o alcalde de San Sadurniño, Secundino García, reuníronse esta mañá coa presidenta de Augas de Galicia, Teresa Gutiérrez, para interesarse sobre o compromiso adquirido polo citado organismo autonómico para executar as obras do proxecto conxunto de saneamento na zona de Piñeiros. Un proxecto cuantificado en algo máis de 200.000 euros que San Sadurniño xa lle presentara á Xunta en 2008 e ao que se sumaría Narón catro anos despois, habida conta de que a infraestrutura lle daría servizo a lugares limítrofes das parroquias de San Sadurniño e Pedroso. Do encontro de hoxe en Santiago non saíron prazos nin tampouco avances. “Voltamos á casiña de saída”, dixo Secundino García trala reunión aludindo a que Augas de Galicia -con quen xa houbera outra xuntanza a principios de ano- “dinos agora que o asunto é competencia da Consellaría de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, despois de andar mareándonos con documentación e facéndonos mandar papeis”. Tanto Narón como San Sadurniño solicitaron xa unha entrevista coa conselleira do ramo, Ethel Vázquez, de cara a que o executivo autonómico “se aclare dunha vez por todas”.

En 2008 Augas de Galicia comprometeuse por escrito a executar cos seus propios fondos unha rede de sumidoiros que conectase coa depuradora de Cornide toda esa área limítrofe entre San Sadurniño e a parroquia naronesa de Pedroso.

O proxecto, cifrado nuns 200.000 euros, encadrábase no Plan Hidrolóxico de Galicia e, aínda habendo cambio de goberno na Xunta, Augas de Galicia seguiu manténdoo e solicitando en 2012 de ambos municipios documentación relativa a autorizacións, dispoñibilidade de terreos e compromisos de mantemento da infraestrutura unha vez finalizada. Papeis que se foron enviando -na súa maioría xa en poder da Xunta desde 2008- pero que, porén, non resultaron aínda hoxe en que a obra se levase a cabo.

En febreiro deste mesmo ano, Secundino García e o responsable de Urbanismo, Manolo Beceiro, reuníronse coa nova responsable do organismo, Teresa Gutiérrez, para falar con ela dos informes pendentes para a tramitación do PXOM e tamén para lembrarlle o asunto do saneamento. Daquel encontro só se arrancou a palabra de Gutiérrez de revisar o estado do expediente.

Hoxe houbo un novo encontro solicitado por San Sadurniño e Narón. Nel, a directora de Augas de Galicia trasladoulles a Ferreiro e García que a intervención non era competencia de Augas de Galicia, senón da Consellería de Medio Ambiente, de maneira que “a pelota volve ao tellado de Medio Ambiente”, posto que, segundo recordaron a alcaldesa de Narón e o de San Sadurniño “foi esa consellería quen se comprometeu en 2008 a que o proxecto o executase Augas de Galicia”.

Secundino García non ocultou o seu enfado polo estado das cousas: “hai un documento asinado pola Xunta no que se di que será Augas de Galicia quen se fará cargo do proxecto. Van aló máis de dez anos e agora dinnos que o asunto é competencia da Consellaría de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, despois de andar mareándonos con documentación. É unha tomadura de pelo, non só a nós, senón a todas as veciñas e veciños”. Para García a resposta de Augas de Galicia “é unha simple escusa”, dado que onte mesmo este organismo “anunciou investimentos millonarios na mellora do saneamento rural en Ferrol, Padrón, Porto do Son, Boimorto ou Baños de Molgas, pero do compartido por nós e Narón non hai nada de nada”.

Á vista da situación Marián Ferreiro e Secundino García solicitaron hoxe mesmo unha entrevista coa conselleira de Medio Ambiente para reclamar da Xunta o investimento previsto en ambos concellos para ampliar a rede de saneamento na zona de Piñeiros e a súa conexión coa EDAR de Cornide. “Instamos á Xunta a que faga efectivo o compromiso adquirido no seu día coa veciñanza dos dous concellos”, dixo Secundino García. Tanto el como Marián Ferreiro recordaron, ademais, que unha parte do pagamento do canon da auga “ten que investirse na zona onde se cobra”.

Share.