San Sadurniño e Narón retoman o proxecto do saneamento conxunto na zona da Piñeiros

0

Van case dez anos desde que o concello de San Sadurniño deseñase un proxecto para ampliar a rede de saneamento na zona  de Piñeiros e a súa conexión coa depuradora de Cornide. Unha infraestrutura cuantificada en máis de 250.000 euros que, desde 2012, se demanda conxuntamente con Narón por tratarse dun servizo que beneficiaría unha zona limítrofe dos dous concellos. No tempo transcorrido presentóuselle o proxecto  a Augas de Galicia -organismo dependente da Consellaría de Medio Ambiente- e mesmo aos dous últimos delegados autonómicos, Diego Calvo e Ovidio Rodeiro, sen que polo de agora houbese un compromiso firme co seu finanzamento. Neste sentido, Secundino García e a nova alcaldesa de Narón, Marián Ferreiro, mantiveron unha xuntanza este mediodía para “poñerse ao día” sobre o contido dun proxecto que, tras varios anos redactado, deberá ser actualizado antes de volver presentarllo a Augas de Galicia nunha xuntanza a tres bandas que, previsiblemente, se celebrará en novembro.

O proxecto orixinal do saneamento  en Piñeiros data do ano 2008. Daquela San Sadurniño alcanzara o compromiso da Consellería de Medio ambiente -dirixida nesa época  polo socialista Pachi Vázquez- de que fose Augas de Galicia quen levase adiante as obras, igual que fixera previamente coa EDAR de Cornide. Unha demanda á que se uniría Narón no ano 2012 dentro dun convenio de colaboración máis amplo entre os dous municipios.

Porén, en todo este tempo houbo cambio goberno na Xunta e tamén na dirección de Augas de Galicia. E tamén varias tentativas infructuosas por parte dos concellos de que a administración autonómica cumprise a promesa feita. “Tiñamos o compromiso da Xunta de que [o saneamento]o executaría Augas de Galicia”, explica Secundino García quen engade que o próximo mes volverá haber un novo encontro co ente público. “Queremos saber se a dispoñibilidade de Augas de Galicia é real ou é só propaganda. É un investimento ao que temos dereito, xa que a xente de San Sadurniño e Narón están pagando o canon da auga e parte dese canon ten que investirse na zona onde se cobra”, asegura o rexedor.

As obras consistirían en levar a rede de sumidoiros á zona de Piñeiros e A Portela e tamén ás vivendas limítrofes da parroquia de Pedroso que, despois, se conectarían coa EDAR de Cornide. O estudo elaborado no seu día cuantifica o investimento nuns 250.000 euros. Porén, despois de tanto tempo redactado é necesario actualizalo en canto a cuestións técnicas e normativas e, sobre todo, ao prezo, que se situaría nas condicións actuais en cerca dos 300.000 euros.

A actualización do proxecto foi outro dos temas tratados na xuntanza mantida esta mañá entre Secundino García e a nova alcaldesa de Narón, Marián Ferreiro, na que foi a súa primeira visita institucional a outro municipio despois de ter asumido o cargo. “É algo que nos afecta aos dous concellos, porque ao ser limítrofes hai temas nos que nos solapamos e que debemos sacalos adiante coa colaboración de ambos concellos”, asegurou Ferreiro.

A nova alcaldesa manifestou a súa dispoñibilidade para abrir novas vías de cooperación con San Sadurniño máis aló das infraestruturas básicas. “Estamos sempre abertos a colaborar cos municipios limítrofes en todos os aspectos” comentou Marían Ferreiro, engadindo que unha desas vías de colaboración podería ser no ámbito da cultura.

Volvendo ao tema do saneamento conxunto  nos límites entre San Sadurniño e Pedroso, Secundino García asegurou que infraestrutura permitiría “optimizar” a depuradora de Cornide e tamén ampliar a rede “a cotas máis altas como son a zona de Silvalonga e a Penela”.  A xuntanza con Augas de Galicia, na que xa se lle presentará o proxecto actualizado, está solicitada desde hai varios días e, segundo o rexedor local, seguramente se produza a principios ou mediados de novembro.

 

Share.