San Sadurniño e Narón asinan o convenio para o uso compartido da EDAR de Cornide

0

Secundino García e maila alcaldesa de Narón, Marián Ferreiro, suscribiron esta mañá en San Sadurniño o acordo de colaboración entre ambos concellos para o uso conxunto da depuradora de Cornide. O texto xa fora aprobado polos respectivos plenos municipais e hoxe déuselle a luz verde definitiva a un convenio que lle permitirá a Narón conectar á estación de tratamento unha vintena de vivendas da zona limítrofe da Portela. San Sadurniño recibirá a cambio unha pequena compensación económica anual e unha asistencia técnica por conta de Narón -a través de COSMA-, quen se encargará do seguimento semanal do funcionamento dos equipos e dos parámetros de depuración. Tanto Ferreiro como García encadraron o convenio na colaboración que manteñen os dous municipios desde hai anos, na liña de compartir servizos e reducir o seu custe.

Tal e como indicou o rexedor de San Sadurniño, o acordo rubricado esta mañá “é moi satisfactorio para ambas partes porque compartimos e optimizamos un investimento público. San Sadurniño sae beneficiado, ademais, porque se nos presta unha asistencia técnica moi necesaria para que a depuradora funcione correctamente que co noso persoal non tiñamos capacidade para poder realizala”.

O mantemento anual da depuradora está cifrado en algo máis de 34.600 euros que ambos consistorios asumirán proporcionalmente segundo o número de domicilios usuarios, 262 en San Sadurniño e 20 en Narón. Este último deberá facerse cargo, polo tanto, dun 7,09% do gasto -2.460,16€/ano-, que se satisfará maioritariamente en especie mediante unha asistencia técnica, encomendándolle á empresa de augas COSMA a revisión semanal do funcionamento dos equipos, dos resultados analíticos e do funcionamento xeral da EDAR. Do custe total faltarían por cubrir algo máis de153 euros que Narón lle transferirá a San Sadurniño todos os anos mentres dure o acordo, que ten unha vixencia inicial e prorrogable de tres anos.

O Concello de Narón ten xa lista a infraestrutura sanitaria da zona limítrofe da Portela e, de feito, o consistorio agarda que “a partir deste luns” xa se poida facer efectiva a vertedura na EDAR de San Sadurniño, segundo confirmou Marián Ferreiro. A alcaldesa indicou que o seguimento técnico das instalacións por parte de COSMA tamén comezará a semana que vén.

Ferreiro destacou “o beneficio” que supón para Narón poder conectar á depuradora as vivendas de Pedroso lindeiras con San Sadurniño, dada a dificultade técnica e os custes que suporía evacuar as augas fecais até a EDAR da parroquia, situada preto da capela da O. A rexedora agradeceu que San Sadurniño ofrecese as súas instalacións para solventar o problema, engadindo que a colaboración entre concellos veciños “é o futuro” de cara a “ofrecer servizos de calidade con custes máis reducidos”.

Secundino García coincidiu con Ferreiro afirmando que a prestación de servizos “coordinados e comúns” entre municipios  veciños  “é unha cuestión necesaria e urxente” que no caso de Narón e San Sadurniño se vén mantendo desde hai anos co Punto Limpo do Río do Pozo e noutras cuestións puntuais. “Narón é é un concello máis grande e con máis recursos. Sempre que lles pedimos axuda temos as portas abertas. A colaboración é recíproca e vai seguir sendo así no futuro”, asegurou o alcalde.

Nese marco de cooperación entre as dúas Administracións locais, o convenio asinado esta mañá contempla a posibilidade de que a curto ou medio prazo as arredor de 20 vivendas conectadas á EDAR de Cornide tamén poidan abastecerse da traída municipal de San Sadurniño. Unha posibilidade que irá precedida en todo caso  dunha memoria específica sobre os custes e a infraestrutura necesaria para ampliar o servizo.

 

Share.